Pais, fillos e libre mercado

O andazo neoliberal inzou nas nosas cabeciñas e todos, ou case todos, temos renegado algunha vez da intervención pública nos asuntos económicos e cacarexado louvanzas da inefable superioridade do Libre Mercado. Eu mesmo confeso que pequei, e que durante un tempo fun aducido pola praxeoloxía misiana e pola honesta altura intelectual do señor Ludwig. Que queredes, eu sonvos así! Se a cuestión é pecar non enredo en mexericadas e non reparo en gastos: pregunto directamente polo demo.

Cando de asignar recursos se trata non hai coma o Mercado e maila súa man invisible. Meu sogro, empresario de toda a vida, lembroumo o outro día, asemade mirabamos na tele un programa resumo do desbaldir sen traza de certos políticos e Administracións Públicas: Aeroportos sen avións, bibliotecas sen libros, autoestradas sen coches, rotondas no medio da nada ... “Esquécete, caro xenro, onde estea o sector privado ... e que non hai cor”, díxome, condescendente. Non lle retruquei. O rosario da desfeita era tan evidente e incontestable! O descrédito da política na xestión dos recursos escasos semellaba ben merecido e meu sogro levaba razón e había que darlla.

Camiño da casa pasei a carón dun polígono industrial que me era moi familiar. Eu sabía que das cincuenta naves, trinta ou así durmían baleiras, e non as mais pequenas. Carallo bendito!, exclamei. Arrimei o coche a unha beira e púxenme a falar co holograma do meu sogro, coma se o tivera diante miña. E logo isto que é? Como lle chama vostede aos recursos soterrados nestas trinta naves baleiras? “Pois nada, son cousas da vida ... cousas que saen mal, xa sabes ...”, contestoume o vello. Daquela mireino e pareceume ver a cara redonda e ollos saltóns de Shumpeter, falando da destrución creadora do capitalismo. Xa, meu señor sogro, pero por que aos malos investimentos públicos se lle chama ineficiencia, e aos malos investimentos privados “cousas da vida”? “Home, está moi claro, o político ou funcionario xoga cos cartos de todos ... e o empresario xoga co seu peto” Pois non o vexo tan claro, meu sogro, porque as naves pechadas tamén as pagamos todos, dun xeito ou doutro: a xente quedou sen traballo, FOGASA tivo que facerse cargo de nóminas atrasadas e liquidacións, e logo o subsidio de desemprego, e os balances dos bancos igual se furaron coma cribos, e despois tivemos que rescatalos ou malvendelos ... non sei, non está tan claro que só perda o empresario.

A pretendida superior eficiencia do sector privado na asignación de recursos presupón, a nivel teórico, que haxa moitos competidores e que a información sexa completa e sen atrancos; pero na realidade, poucas veces se dan estes dous presupostos e case nunca os dous á vez. Daquela, en puridade, a tal eficiencia non se pode presupoñer, senón demostrar en cada caso. E para ser rigorosos, os recursos consumidos nos malos investimentos deberían ser tidos en conta e minorar a eficiencia global do sector ou industria da que se trate. Imaxinemos, un supoñer, que seis empresas compiten por facerse co mercado do chourizo de cebola e, logo dun tempo, dúas delas conquistan os padais dos consumidores, causando perdas e o peche final nas outras catro. Neste punto da historia poderiamos ter a tentación de afirmar que o sector “chourizos de cebola” acadou un nivel de eficiencia espectacular, xa que as dúas empresas exitosas ofertan un produto da calidade e prezo que demandan os consumidores e a uns custes rendibles; pero non contariamos a verdade toda, xa que no proceso de “destrución creadora” as empresas perdedoras desbaldiron tamén recursos que haberá que restar das contas globais do sector. Outra cousa é que, despois de cada loita competitiva, as ganancias dos que gañan sumen mais ca as perdas dos perdedores.

As relacións da Administración co sector privado da economía a min lémbrame ás dun pai ou nai co fillo adolescente. O mozo, un gurgullón de hormonas disparadas, ten forza, vitalidade e novas ideas; mais o pai non pode baixar os brazos e desentenderse del, xa que sen límites e controis, pode coller congostras escuras e sen volta atrás. E se o tal mozo fai unha falcatruada, será o pai quen deberá facerse cargo dos estragos, coa súa carteira ou o seu pelello. O mesmo ca os pais, o Estado non pode deixar a economía ao ventimperio de Deus e da man invisible, xa que cando as avaricias desenfreadas rachen o saco, vai ser el quen teña que rescatar bancos, empresas ou sectores enteiros. Non esquezamos nunca que en 2007 a débeda pública española representaba o 36% do seu PIB anual, unha cifra nada sospeitosa de larguezas sen traza; e se agora anda polo 100% do PIB é precisamente porque se tivo que cargar cos excesos de débeda privada de empresas e familias, que si botaba por fóra, e porque ten que manter un mínimo de servizos e transferencias de renda para empecer unha revolta social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.