Isto de estrear un espazo, unha columna, un curruncho de nome propio, dáme a mesma vértixe dos saltos ao baleiro. Unha non sabe moi ben, ou se cadra non sabe se quere imaxinar, que cara lle porán vostedes a estas letras que xunto nesta pantalla que treme. Si, as columnas dos xornais son o acubillo para debuxar, disque, identidades. Gostaríame, claro, ter a capacidade de coller o que máis me gusta dalgúns que levan moitos anos publicando vidas e cosendo realidades día a día, desde esas atalaias que eu vin xa de nova, afastadas coma o feito de medrar.
Eu pensaba que a danza das letras deses anos de xornais analóxicos daba para se entender un mesmo, e, a partires de aí, comprender a vida. Non, agora que son xa unha muller feita e non sei se demasiado dereita, creo que ter un espazo no que esbardallar ben a gusto non implica necesariamente construír un perfil coherente nin ser máis fiel que o observado.
Hai xente que está escribindo algo e dálle, collida polos pelos da autoestima dun momento subidón, por facer unhas fotos asi, en plan natural e real, porque eu válloo, e subilas ao seu propio púlpito nunha rede social.
Natureza eche o mesmo que en pelota picada ou espida, como vostedes queran chamalo. Pensando cada un o que pense de expor a pel nun mundo de descargas pixeladas, haiche sempre moito yeyé reaccionario que lle pon talles ao asunto. Isto non é raro. Raro sería pensar, por exemplo, que certas provocacións non sexan producto dun estudado marketing profesional. Pero digamos tamén que unha é libre de amosar o que lle pete e tamén de crear unha vía de opinión. Sobre según qué cousas, claro.
Outras veces, a realidade observada desde a fiestra indiscreta créase por obra e graza das historias escritas de antemán. Por exemplo, digo eu, unha imprudencia tráxica, pode ser recreada co rigor, é un decir, dun reality televisivo dos que tanto abominamos. Con todas as convencións do xénero. Escribindo a biografía apócrifa da culpabilidade, fedellando nas fotos do Facebook, que dá para moito. E alimentando a indignación para tapar á tristura. Diso trátase para algúns.
A verdade é que a min o que me gusta é dicirlles, por exemplo, o moito que me lembro de Dino Risi e os seus “Monstros de hoxe” cando os que pretenden explicar a realidade van pasear do brazo do esperpento. Eu quero falar das cousas e non inventalas. En calquera caso, vou andar por aquí, nesta praza de todos, xuntando as miñas letras e tamén lendo o que escriben os demáis.
Aínda que chova moito. As veces, ou case sempre, hai que mollarse.