Palestina 2020

O territorio de Palestina vén reducíndose dende 1948 CC-BY-SA AlJazeera

A promesa de Balfour do 2 de novembro de 1917 aseverou o compromiso británico de establecer “un fogar nacional [non estado] para o pobo xudeu”. Foi unha misiva do entón secretario de Asuntos Exteriores británico, Balfour, ao representante da comunidade xudía británica, Rothschild. Foi, á vez, unha declaración de intencións sobre Palestina, que pasaría de ser dominada dunha forza ocupante a outra. 

En 1917 asentáronse as bases para crear un estado á medida dun poder europeo sobre un territorio non europeo, obviando a presenza e os soños da vasta maioría que xa residía no territorio

Aínda que a devandita declaración advertía que non se faría nada que puidese “prexudicar os dereitos civís e relixiosos das comunidades non xudías existentes en Palestina”, asentáronse as bases para crear un estado á medida dun poder europeo sobre un territorio non europeo, obviando a presenza e os soños da vasta maioría que xa residía no territorio, como declarou o pensador palestino Edward Said.

Amais do control estratéxico, ao consentir que Gran Bretaña quedase preto do canal de Suez, a declaración permitía crear alianzas entre británicos, estadounidenses e rusos, pois animaba os gobernos a permanecer na guerra (a primeira guerra mundial) mentres non se lograse o obxectivo. Mentres, na terra disputada, Palestina, mandato británico de Palestina, dende 1920 ata 1948, os primeiros levantamentos deron paso á catástrofe, a Nakba, a definitiva declaración de independencia do estado de Israel.

A promesa de Trump do 28 de xaneiro de 2020 apuntala o acordo estadounidense de planificar, co estado de Israel, o futuro do estado palestino. O encontro entre o primeiro ministro israelí, Netaniahu, e o presidente estadounidense, Trump, é un trazado de ideas que invita a esquecer as acusacións que existen entre ambos dirixentes e unha estratexia política de Netaniahu de cara á repetición, por terceira vez, das eleccións ao parlamento israelí. A vitoria moral do líder israelí, que anima así a seu pobo a manterse unido e con orgullo, convida a un fracaso fronte ao pobo do seu principal rival, Grantz. Deste xeito, alén de asegurar a permanencia na memoria colectiva, semella gañar votantes grazas a esta medida patriótica e unilateral que presenta como unha gran concesión para o pobo palestino e un proxecto de paz sen precedentes.

Entre os puntos que expón o proxecto están o troco de territorios, a renuncia ao dereito ao retorno da poboación refuxiada, a división de Xerusalén, a impunidade do goberno israelí ou a delineación do currículo escolar palestino

Entre os puntos que expón o proxecto están o troco de territorios, a renuncia ao dereito ao retorno da poboación refuxiada, a división de Xerusalén, a impunidade do goberno israelí ou a delineación do currículo escolar palestino. Encanto á primeira, a transferencia de terreos deixaría Palestina como un arquipélago de illotes rodeados de estradas que comunican os diferentes asentamentos que hai espallados por Cisxordania. As cidades, vilas e aldeas palestinas quedarían unidas, como ata o de agora, por vías de enlace controladas polo exército israelí, mais con maior lexitimidade. Unha medida positiva, segundo o chamado acordo do século, xa que conxelaría a expansión dos asentamentos e permitiría achegar Gaza a Cirxordania, por medio dunha ponte ou dun túnel.

Segundo o acordo, “os irmáns árabes teñen a responsabilidade moral de integrar [os refuxiados palestinos] nos seus países, igual que os xudeus se integran no estado de Israel”. Noutras palabras, o estado de Israel seguirá absorbendo todo aquel xudeu que queira establecerse no país, mais impedirá que regresen a e os que antes o habitaron.

A oferta de estado palestino proxectado por Trump e Netaniahu muda a realidade palestina e reivindica a necesidade dunha protección nin solicitada nin do gusto da súa xente, que quere ser libre e decidir sobre as súas terras

Xerusalén occidental pasaría a ser a capital oficial de Israel e Xerusalén oriental seríao de Palestina. Con todo, dita división non permitiría deixar a mesquita de al-Aqsa nin a súa contorna, onde vive a maior parte da poboación árabe de Xerusalén, da parte palestina. Así e todo, o plan apunta esta idea como unha gran concesión, xa que amais diso permitiríase que a beira árabe de Xerusalén recibise o nome de al-Quds, como xa é coñecida a cidade en árabe.

Outra das propostas do acordo e que Palestina se absteña de denunciar o estado de Israel contra a Corte Penal Internacional e que acepte a revisión do seu currículo escolar, que será aprobado por Israel e Estados Unidos. En definitiva, a oferta de estado palestino proxectado por Trump e Netaniahu muda a realidade palestina en canto á lexitimación das actuacións e reivindica a necesidade dunha protección nin solicitada nin do gusto da súa xente, que quere ser libre e decidir sobre as súas terras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.