Papeis secretos do Informe PISA para adultos

Para a comprensión lectora, os comisionados da OCDE optaron por un xornalista, dando por sentado que eran profesionais da palabra e que gurraban acotío coa representación verbal dos feitos da realidade. E xa postos,  non un xornalista calquera de provincias, senón alguén que traballara para un medio de ámbito estatal. Botaron a sortes e saíu o xornalista do ABC, un tal P. Abet, ó que lle pediron titulara ou resumira de xeito breve as declaración que catro políticos fixeran dun mesmo acontecemento: o atentado contra a casa consistorial de Beade. Aínda mais, para facerlle máis doado o traballo, indicáronlle que os catro políticos condenaban o feito, xa que logo o que debía facer el era centrarse nas diferenzas ou matices da condena.

Botaron a sortes e saíu o xornalista do ABC, un tal P. Abet, ó que lle pediron titulara ou resumira de xeito breve as declaración que catro políticos fixeran dun mesmo acontecemento

Puy Fraga (PP) dixera que “Estamos convencidos de que nun sistema democrático non ten cabida a violencia e máxime contra institucións” Abet titulou:  bosé Ramón Besteiro (PSOE) declarara que “Queremos reivindicar unha vez mais o espacio necesario que debe ocupar a política nas discusións en democracia”. Abet titulou: Con total contundencia. A Comisión apuntou: MAL. U-la a contundencia? Xabier Vence (BNG) dixera que “Condenamos todo tipo de uso da violencia, porque iso non contribúe a resolver os problemas do país”. Abet titulou: Todo o contrario. A Comisión apuntou: MOI MAL. O contrario de que? Por último, Antón Sánchez (AGE) fixera público que “Condenamos todo tipo de violencia que afecte á cidadanía sen distinción de ningún xénero”. Abet titulou: Non entran en valoracións. A Comisión apuntou: NON HAI POR ONDE COLLELO. Confirmar se o señor Abet é quen di ser e que a garda civil de tráfico lle pase un control de sustancias, trópicas e sicotrópicas.

Asustados polas respostas do xornalista, e querendo salvar como fora a marca España, os membros da Comisión Avaliadora decidiron apuntar mais arriba e examinar a elite gobernante, que fora elixida polos españois precisamente pola súa alta competencia e fartos xa da burremia zapateira dos anteriores. Malo será que eles deixen quedar mal a España! A María Dolores de Cospedal, licenciada en Dereito e membro do Corpo Superior de Avogados do Estado, amosáronlle a situación laboral dun tal Luis Bárcenas, ex-tesoureiro do Partido Popular, e pedíronlle que explicara de xeito breve e conciso o asunto.

Pareceulles ós comisionados que a súa formación xurídica garantía unha resposta aquelada. A resposta de Cospedal foi esta: “A ver, eh, a indemnización que se pactou foi unha indemnización en diferido. E como foi unha indemnización en difi ... en diferido en forma, efectivamente, de simulación de ... simulación ou do que fora en diferido, en partes dunha o que antes era unha retribución, tiña que ter a retención á Seguridade Social que se non fora ... Agora fálase moito de pagamentos que non teñen retencións na Seguridade Social, non si? Pois aquí quíxose facer como hai que facelo.” A Comisión apuntou: QUE FOI O QUE DIXO? Intentárono logo con Cristóbal Montoro. Como era licenciado e doutor en Ciencias Económicas e catedrático de Facenda Pública, pensaron os comisionados que podía pasar con nota a proba de cálculo matemático; pero para non arriscar, visto o visto, puxéronlle diante un gráfico 3D do INE sobre a evolución salarial en España nos últimos anos, onde se vía unha liña descendente acompañada de números co signo menos anteposto. Cristóbal nin pestanexou: “Os salarios non están baixando en España, senón que están moderando o seu crecemento” A Comisión apuntou: NON DISTINGUE O MAIS DO MENOS, O QUE SUBE DO QUE BAIXA.

Co traballo de campo rematado, os comisionados pasaron un día a gastos pagos nas comarcas do Deza e da Ulloa. Por mor desas inexplicables casualidades da vida, meu cuñado cambote foi escollido entre centos para exercer de cicerone da comitiva

Desesperados, os comisionados xa non sabían que raios preguntarlle á última persoa seleccionada, unha tal Fátima Báñez, tamén en posesión de varias licenciaturas de universidade privada. Alguén suxeriu preguntarlle pola Virxe María, por aquilo de que España tiña sona universal de pobo católico e beato. Fátima contestou: “Aliada privilexiada e embaixadora universal de Huelva, que nos agasallou coa nosa saída da crise e coa procura do benestar cotiá de tódolos cidadáns.” A Comisión apuntou: ABONDA XA. SE ESTES SON OS LISTOS ... Co traballo de campo rematado, os comisionados pasaron un día a gastos pagos nas comarcas do Deza e da Ulloa. Por mor desas inexplicables casualidades da vida, meu cuñado cambote foi escollido entre centos para exercer de cicerone da comitiva. Perante os pendellos medievais de Agolada, meu cuñado sentenciou en perfecto inglés: “Isto non ten media hora de pala”; e perante as ruínas do castelo de Pambre, estoutro: “Catro quilos de dinamita e acabouse a historia”. Os comisionados coincidiron uns cos outros: “Podes non estar de acordo co que di, pero abofé que a súa lóxica é demoledora. Mellor nos fora facerlle o test a el.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.