Papúa Nova Guinea, PNG, fai cincuenta anos, este 2025, como arquipélago-nación independente. Ese recoñecemento político formouse durante milleiros de anos, pois os primeiros poboadores chegaron hai uns 50.000 anos
Papúa Nova Guinea, PNG, fai cincuenta anos, este 2025, como arquipélago-nación independente. Ese recoñecemento político formouse durante milleiros de anos, pois os primeiros poboadores chegaron hai uns 50.000 anos. A vaga migratoria inicial, de orixe africana, cruzou a actual Indonesia e outras illas do Pacífico aproveitando que o nivel do mar era baixo e que era factible cruzar en barcas ou coa construción de pontes de terra. Hai arredor de 4000 anos, aos grupos de cazadores que xa vivían nos bosques e montañas sumáronselles campesiños, oleiros e pescadores que levaban con eles animais domesticados, amais de alimentos fundamentais a día de hoxe na rexión, como o taro ou o ñame, ambos tubérculos comestibles.
No século XVI, o explorador portugués Jorge de Menezes deulle o nome de Papúa á illa á que arribou. Crese que o termo provén do malaio, en referencia ao cabelo rizado, papúa, dos nativos. Despois do navegante luso, o alavés Íñigo Ortiz de Retes bautizábaa co de Nova Guinea, pola semellanza dos poboadores con aqueles da costa guineana africana. Tres séculos despois, cando o imperio británico colonizou a beira sur da illa, deuna a coñecer como Nova Guinea Británica e ao pasar a mans da Commonwealth australiana, xa no século XX, renomeouse Territorio de Papúa. De aí que tras a independencia se amalgamase o nome que mantén na actualidade: Papúa Nova Guinea.
No século XVI, o explorador portugués Jorge de Menezes deulle o nome de Papúa á illa á que arribou. Crese que o termo provén do malaio, en referencia ao cabelo rizado, papúa, dos nativos. Despois do navegante luso, o alavés Íñigo Ortiz de Retes bautizábaa co de Nova Guinea, pola semellanza dos poboadores con aqueles da costa guineana africana
Coñécese como a terra do inesperado, algo de certo posible, porque os pouco máis de dez millóns de habitantes esparexidos nos seus 463.000 km2 (algo menos có conxunto do territorio do estado español), a só 160 km de Australia (a distancia que separa O Cebreiro de Santiago de Compostela) e limítrofe coas illas Salomón e os estados federados de Micronesia presumen de posuír unha complexa e rica diversidade cultural. Nas súas máis de 600 illas fálanse arredor de 850 linguas, repartidas entre 600 tribos e mais dun milleiro de grupos culturais que viven no rural, satélites da capital, Port Moresby, e noutros pequenos núcleos urbanos espallados polo seu territorio, como a montañosa Mount Hagen, na rexión cafeteira e mineira ou Lae, a capital industrial.
Port Moresby é unha cidade portuaria que non chega ao medio millón de habitantes. Cando o almirante británico John Moresby se asentou aquí, nomeou o lugar en honor do pai, e así ficou tras a independencia, o 16 de setembro de 1975. Mais os motu-koitaba levaban séculos navegando as costas coas súas canoas e mantiveron así o comercio activo, alén dos seus costumes ancestrais.
Nas súas máis de 600 illas fálanse arredor de 850 linguas, repartidas entre 600 tribos e mais dun milleiro de grupos culturais que viven no rural, satélites da capital, Port Moresby, e noutros pequenos núcleos urbanos espallados polo seu territorio
A combinación de xentes procedentes de sitios dispares ao seu posterior asentamento en zonas illadas e afastadas propiciou que agromasen culturas e linguas diversas, algo que serve de escaparate da actual sociedade papuense, a máis rica no mundo en canto a idiomas se refire. Así a todo, malia sumaren máis de 800, as linguas oficiais do país son só catro: motu, tok pisin (un pidgin do inglés), a lingua de signos de PNG e mais o inglés. Delas, o pisin é a máis habitual, pois é a que permite que se comunique toda a xente, nun crioulo baseado no inglés: “you orait?”, estás ben?; “mi orait”, estou ben; “em hamas?”, canto custa iso?; “mi mangi Galisia”, son de Galicia.
Como activistas da identidade cultural, as linguas promoven unha identidade propia enraizada na herdanza da comunidade. Identifican cada etnia e transmiten valores recoñecidos dentro do clan, que sobrevive grazas a esa fonda raizame que semella non ha tardar en se mesturar e adaptar a outras realidades, maiormente a da vida na cidade. É aí onde as mixtións deixan de se confundir para apropiarse dunha unión globalizadora que evita a supervivencia das culturas e das linguas mías febles. Así, a listaxe de falas mudará as clasificacións lingüísticas e culturais, e diminuirán, non paseniño, as pezas do quebracabezas multiétnico.
Malia sumaren máis de 800, as linguas oficiais do país son só catro: motu, tok pisin (un pidgin do inglés), a lingua de signos de PNG e mais o inglés. Delas, o pisin é a máis habitual, pois é a que permite que se comunique toda a xente, nun crioulo baseado no inglés
A cidade de Mount Hagen organiza un “sing-sing”, unha xuntanza de tribos, nun festival anual cuxa idea principal é manter viva a identidade dos clans desta provincia e que o intercambio e coñecemento permita unha maior interacción e cooperación a carón doutras realidades agochadas por todo o territorio nacional. O evento comezou en 1961, antes da declaración da independencia, e mantense activo grazas á dedicación local e á súa proxección nacional e incluso internacional, pois sempre se suman curiosos doutros lugares para apreciar a abundancia cultural que mana do arquipélago. As dúas xornadas do encontro ensamblan nun mesmo espazo formas de vida que apenas teñen en común o feito de pertenceren a unha mesma nación.
Conta a lenda que un día, 200 anos atrás, uns cazadores de poboado de Mindima desapareceron. Organizaron entón unha batida para topalos e deron cunha cova repleta de esqueletos. Con todo, non foi iso o máis abraiante, senón o monstro que estaba ao fondo da espenuca. Ao descubrilo, idearon asustar a horrenda criatura e pintaron os corpos como se fosen esqueletos. Dese xeito conseguiron enganar o ogro e regresaron á aldea, onde seguen a se decorar con estes motivos para lembrar a vitoria e a resiliencia do colectivo.
A cidade de Mount Hagen organiza un “sing-sing”, unha xuntanza de tribos, nun festival anual cuxa idea principal é manter viva a identidade dos clans desta provincia e que o intercambio e coñecemento permita unha maior interacción e cooperación a carón doutras realidades agochadas por todo o territorio nacional
Os asaro ou homes de barro son unha tribo coñecida polas máscaras protectoras, de dous quilos de peso, usadas no pasado para se defender doutros grupos rivais. A carauta, que nun principio se facía de bambú, mais co tempo pasou a ser de barro, representa un espírito ou un antepasado. Pensan que esa protección no corpo ten propiedades máxicas e que grazas a ela lograban apouvigar posibles atacantes, que crían que eran espíritos vivos.
Os huli son famosos polas perrucas que eles mesmos fan con pelo natural adornado con plumas de ave do paraíso. Un xamán é o encargado de guiar os máis novos no proceso de iniciación, que inclúe o coidado do cabelo que logo se cortará para realizar unha especie de sombreiro sagrado. Amais disto, as cores rechamantes da cara, pintada de vermello a amarelo, protéxeos e conéctaos cos seus devanceiros.
Cando un home huli morre, a viúva debe pasar o do segundo ditan as normas do clan e cubrir o corpo de barro e cinza, como mostra da conexión entre a terra e a purificación da alma do marido. Durante ese período, as mulleres teñen que permanecer illadas, sen poder participar en ningún tipo de actividade social, nin sequera no campo.
A percusión forma parte da vida diaria. Os ritmos que convocaban xente para calquera xuntanza serven agora como timbres de escola. Ás veces aínda empregan estes “garamut” ou tambores de fenda tallados en grandes troncos, como substitutos de mensaxes electrónicas que non sempre teñen o envío asegurado
Aínda que cada tribo ten as súas propias tradicións e crenzas, algunhas delas son comúns. Así por exemplo, son varios os grupos nos que os homes cobren os xenitais cunha caste de cabaza alongada e afiada. Outra característica común é o feito de seren guerreiros e de case sempre acompañar os seus rituais con música e motivos decorativos diferentes no corpo. Os sons tradicionais continúan presentes e así o demostran os tambores que se topan en festividades e no uso cotián.
A percusión forma parte da vida diaria. Os ritmos que convocaban xente para calquera xuntanza serven agora como timbres de escola. Ás veces aínda empregan estes “garamut” ou tambores de fenda tallados en grandes troncos, como substitutos de mensaxes electrónicas que non sempre teñen o envío asegurado. Porén, o método tradicional e uso dunha especie de código Morse permite mandar avisos importantes como o da morte de alguén. Por outra banda, disque aquí tamén cantan os cans e hai tempo actuaban como mediadores entre descoñecidos. O can cantor non ladra, oulea de xeito embriagador e é capaz de trepar árbores. Contan que esas habelencias facían que amigase con distintas comunidades e que ía dunha aldea a outra para logo guiar a xente coa que interactuaba no seu lugar.
Papúa Nova Guinea é un xigantesco mosaico de biodiversidade. Neste paraíso natural, a orquídea é unha das flores máis decorativas, con preto de 4000 especies
Papúa Nova Guinea é un xigantesco mosaico de biodiversidade. As árbores e plantas son fogar da bolboreta máis grande do mundo: a raíña Alexandra, que pode chegar aos 27 centímetros de envergadura. É posible distinguir un tímido e peludo animal de cor chocolate entre a vexetación: o canguro arbóreo. Estes seres vivos e rebuldeiros non só brincan, como os outros canguros, senón que tamén andan como os humanos e válense das súas colas longas e grosas e das gadoupas para rubir á cima das árbores dos bosques nubrados. Alén destes, a ave do paraíso, “kumul”, é outra das especies propias e que simboliza o país na bandeira nacional. É unha ave colorida e vistosa, que chama a atención polo seu canto e, sobre todo, polos bailes de plumas que realizan os machos para cortexar as femias.
Papúa Nova Guinea, o arquipélago cultural con máis illas lingüísticas do mundo é un colorido territorio con rituais que emanan da terra e mareas de tribos que flúen entre as xentes. É unha selva de augas cálidas e sabores infinitos, cun futuro tan incerto como o da supervivencia das súas linguas, un patrimonio a protexer para seguir sendo un pouco máis ricos en diversidade
Neste paraíso natural, a orquídea é unha das flores máis decorativas, con preto de 4000 especies. Mais a noz de betel é froito máis popular; non como ornamento, senón como estimulante. Trátase da semente da palmeira de areca, orixinaria das Filipinas, pero exportada por todo o Pacífico e habitual no día a día de Papúa, onde tamén se coñece baixo o nome de “buai”. Aínda que estaba reservada para eventos sagrados, hogano o seu consumo aditivo é diario en calquera lugar. Para tomala, mestúrase cun pauciño de mostaza mollado en lima en po e despois máscase e cóspese mentres a enerxía e a euforia aumentan por momentos.
Papúa Nova Guinea, o arquipélago cultural con máis illas lingüísticas do mundo é un colorido territorio con rituais que emanan da terra e mareas de tribos que flúen entre as xentes. É unha selva de augas cálidas e sabores infinitos, cun futuro tan incerto como o da supervivencia das súas linguas, un patrimonio a protexer para seguir sendo un pouco máis ricos en diversidade.