Ás portas dunha nova crise económica (que, non dubide, pretenderán que a paguemos as de sempre), é san facermos balance de institucións alleas que xogan a diario na nosa contra. Que a ninguén lle despiste o confinamento: o conflito social segue vivo, como ben demostra o persoal de Alcoa nestes días. E con este, virá a represión policial.
A crise económica do 2012 trouxera consigo, como é ben sabido, unha política sistemática de ataque e recorte dos dereitos sociais conquistados pola clase obreira durante décadas. A reforma laboral, os recortes autonómicos na Sanidade e Educación, a reforma das pensións do 2013 ou a suba de impostos indirectos, xustificáronse como “esforzos colectivos necesarios” para garantir estes servizos a longo prazo.
A democracia capitalista ten estas cousas: ao “bo xuízo” tanto de institucións como o Banco de España ou a Comisión Europea, como de economistas de plató de televisión, de perigar algo é o sostemento da Seguridade Social ou da Sanidade universal e gratuíta. De ningún xeito institucións “tan rendibles” como a Casa Real ou as Forzas Armadas.
E foi así que reducíronnos o salario na nómina e quitáronnos o “cheque bebé”. Que nos encareceron o prezo da vivenda, da factura da luz e da cesta da compra de marcas brancas. Que aceptamos o pagar dúas veces polos medicamentos, ou o rescate a fondo perdido do sistema bancario. Non puidemos ser dende logo máis xenerosas coas grandes fortunas nestes anos. Que queixa poden ter de nós? O sistema petou na nosa porta reclamando un “esforzo colectivo” (ben, quizáis non tan “colectivo”) e abofé que llo demos.
Quedáronnos ademais no camiño as vítimas mortais invisíbles para a súa prensa: suicidios pola imposibilidade de pagar débedas ou altas hospitalarias antes de tempo pola falta de camas, si, mais tamén mulleres maltratadas, persoas sen recursos, drogodependentes ou anciás abandonadas que remataron igualmente mortas ante a calculada desatención social.
Os sindicatos e partidos de esquerda que nos representan nas súas institución de goberno redirixiran a mobilización social á esperanza do cambio electoral. Do noso descontento inicial, pasamos rapidamente á apatía para que a uns poucos lles sentara mellor a cea cada noite. Bo proveito, empresarios! Pedímoslles pan, traballo e teito. Recibimos como resposta máis pobreza, máis paro e máis desafiuzamentos.
Non tiñan razón os seus economistas e telexornais, e non a tiña a esquerda política chamando a manter a calma e tragar ata as seguintes eleccións. Eles xamáis vacilan á hora de empregar a violencia para os seus intereses. A súa hexemonía do imaxinario común logra mesmo que o desafiuzamento a porrazos dunha familia endebedada non precise de xustificación moral ningunha. Imaxina a nai ou pai que le estas liñas, maior terror que o de que da noite á mañá non lle poida garantir un teito baixo o que durmir á súa filla? Porque iso si é evidentemente terrorismo, e quen perpetra estes actos, un terrorista con placa.
No 2020, en plena crise sanitaria polo coronavirus, vimos como a Policía consideraba “impropio” ter que repartir máscaras entre a poboación, ao tempo que se multiplicaban os abusos de autoridade e agresións físicas a detidas no estado de alarma. Algunhas destas esceas puideron ser recollidas en vídeos que foron difundidos por redes sociais. Unha actitude, en todo caso, ben diferente da aprobación e complicidade cos podentes manifestantes das caceroladas de Núñez de Balboa, non é? Esta actitude si, deberemos darlles a razón, “propia”.
Cómpre abrirmos este melón: as chamadas FFCCSE son protagonistas habituais de violencia, tortura, abuso ou colaboración co narcotráfico. A quen defende estes corpos alegando “casos illados”, haberíalle que preguntar se tamén o son os 13.000 axentes de Policía do grupo de Facebook de ultradereita “Primavera Española del CENEPE” que recomendan disparar a queimarroupa ao “sospeitoso”, ou os máis de 1000 casos de tortura policial no Estado español recollidos no último informe da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura (CPDT).
A quen “serven e protexen” en realidade? Porque nos desafiuzamentos están, nas manifestacións obreiras están, e ata teñen tempo de fiscalizar as redes sociais para levar a xuízo a quen celebra a morte do infame Carrero Blanco; mais u-los cando debían defender ás mulleres asasinadas polos seus maltratadores tras denuncialos? U-los na rúa cando se produce unha nova violación cada cinco horas, ou cando a dereita fai apoloxía diaria de “delitos de odio” tipificados na súa lei? Parece evidente que teñen prioridades nada neutrais.
Porque as clases populares si que precisamos recortes, mais ben distintos dos de sempre. Resulta mesmo obsceno que, nun contexto de crise sanitaria no que o persoal da Sanidade ven de salvar milleiros de vidas dobrando gardas de 24 horas, esixan precisamente CPN e GC que lles paguemos unha suba de soldo de 600 € máis ao mes (1500 millóns de euros en 3 anos). Pero falemos de máis cifras obxectivas: o Estado español ten o segundo maior número de axentes por habitante de toda a UE a pesar da súa baixa tasa de criminalidade. En Euskal Herria ou en Cataluña, a porcentaxe dispárase a cifras máis propias dunha zona de conflito bélico.
Que se despregaran 12.000 axentes na chamada Operación Copérnico para tentar impedir a celebración do referendo de independencia catalán, e non se notara a súa ausencia no resto do Estado, pon de evidencia que estamos pagando, como mínimo, 12.000 soldos mensuais de máis para “manter a orde”. Unha operación que, segundo cifras do propio Ministerio de Interior, saiunos por 87 millóns de €, que fracasou estrepitosamente no seu propósito (tan só logrou pechar menos do 5% dos colexios de votación), e só serviu para deixar un saldo de feridas na poboación civil catalá.
Cómpre desfacernos de temores e complexos neste tema: estos pistoleiros con placa sobran, non faltan nin merecen dende logo un soldo catro ou cinco veces o dunha traballadora normal. Que teñamos que pagar nós os matóns privados da banca e a patronal, é unha humillación. Que se nos conte que non é posible controlar o narcotráfico ou o crime organizado, e si en troques a inmigración ilegal “de patera” ou o “terrorismo islamista”, un insulto á nosa intelixencia. Ou nos saímos das súas regras pondo as nosas propias, ou gañan eles sempre. Non hai outra.