Do Presidente Alberte xa sabía algunhas cousas e outras sospeitábaas; pero grazas ás fotos aireadas estes días polos seus sei outra mais: que o noso presi é home marcial é dourado. É home que gusta da oratoria seca e sinxela, case obvia e redundante. Unha foto é unha foto, falou o xuíz e a infamia rematou … así fala el. Na liña mesetaria de Chema Aznar, outro grande da milicia, que tamén presumía de ter unha orella enfronte da outra. Ámbolos dous libraron da mili e seguramente lles quedou un trauma por non facerse homes no seu momento e agora queren facer méritos matando moscas a canonazos. Pero ademais de marcial, Alberte é home dourado, e non só pola pel tostada nos mares da Arousa. O xornal El Mundo dedicoulle unha ampla reportaxe co título “Feijó, el soltero de oro del PP” e a lista interminables de “chonis”, “chenes” e “chinis” que picaron no seu corricán, pero que ningunha delas conseguiu prendelo en firme. E iso que unha levouno ata o mesmo altar de San Pedro, pero nin con esas. Nos papeis do Vatileast coméntase que Bieito XVI nunca deu superado o feito de ter recibido e bendicido a unha parella amancebada, e que por iso dimitiu e rematou a infamia.
O xornal El Mundo dedicoulle unha ampla reportaxe co título “Feijó, el soltero de oro del PP” e a lista interminables de “chonis”, “chenes” e “chinis” que picaron no seu corricán, pero que ningunha delas conseguiu prendelo en firme
Como cando un ve as barbas do veciño mollar é de sabios poñer as propias a remollo, andei estes días a remexer nos caixóns na procura de fotos vellas que me puideran comprometer cando eu sexa Presidente. Que non ha tardar xa moito, digo eu. Atopei varios retratos con mulleres, pero nada, todos vestidos e miradas limpas. Só me preocupa unha delas, nas carballeiras do rego Fervedoira en Lugo, xusto por riba da avenida Carlos Azcárraga, xa que non teño a seguranza de que non houbera un paparazzi de El Progreso camuflado nas pólas altas dalgún carballo ou agochado tras dunha silveira; e como lle perdín a pista á donicela, nunca se sabe. Agás este burato negro, en coiro non atopei ningunha foto miña; e co lombo ó aire, dúas: unha, rozando unha selva de toxos e xestas, coas pingas de suor escorrendo brillantes polos ombreiros, que da gusto miralas; e a outra, guiando con proa o Hannomag Barreiros R40 de meu pai, e cun pucho de “pensos Nucamsa” na cabeza, que me iguala mais a Marcial Dorado ca ó Presidente.
Como os sobriños non tiñamos un peso, era o tío Afonso o que financiaba as excursións campistas. Igual ca Marcial Dorado, pero noutro estilo
Do resto das fotos hai unha que me quita o sono. É de mediados dos 80 e teño pelo na cabeza. No retrato estamos meu tío Afonso, meu primo Afonso, meu irmán e mais eu, sentados diante da tenda de campaña, que montamos nunha camposa a rentes da estrada que sobe ós Lagos de Covadonga. A simple vista semella unha cándida estampa familiar e aventureira daqueles anos. Pero logo das fotos de Feijoo e dos papeis de Bárcenas, a historia xa non é tan inocente e inxenua coma sempre pensamos e resulta preciso pescudar regañas no noso pasado que poidan ser pasto da infamia futura. No meu caso, é necesario que investigue os arredores da Banda dos Afonsos, por se nas súas vidas hai algo que me poida incriminar. Aló vou, logo.
Como os sobriños non tiñamos un peso, era o tío Afonso o que financiaba as excursións campistas. Igual ca Marcial Dorado, pero noutro estilo. No canto de paseos en iate polas rías e viaxes á neve en grandes todoterreo, meu tío metíanos nun opel corsa, facíanos durmir nunha tenda de campaña e tíñanos unha semana a bocadillos e latas de conserva. Pensabamos que o facía por aforrar, pero se cadra era para aceirar os nosos corpos e facer de nos homes feitos e dereitos. Porque nos sabiamos que estivera en Suíza e fixera cartos. El sempre dixo que en Suíza traballaba de camareiro nun hotel, pero non sei … tamén Bárcenas contaba que ía esquiar aló. Ten meu tío cartos en Suíza? Para evitar sorpresas, xa mandei unha comisión rogatoria ás autoridades helvéticas para sabelo certo.
Ten meu tío cartos en Suíza? Para evitar sorpresas, xa mandei unha comisión rogatoria ás autoridades helvéticas para sabelo certo
O Afonso pequeno, o meu primo, tamén coñecido coma o “moreno da Eirexe” ou o “rodas baixas” (seica tardara moito en medrar), é outro cantar. Aquí non penso que os cartos sexan o problema, senón a súa cabeza quente e atolada. Contáronme que se sospeita del que foi un dos causantes da desfeita de Amio e da posterior fuga de cerebros. Por suposto, tamén mandei xa unha petición de comparecencia a Xavier Vence, para que explique se foi así ou é todo unha infamia mais.