Para entender o Brexit

Aos meus discutidores amigos Celso Cancela e Fernando Martínez

Non poucos falan agora do Brexit como un inexplicable cataclismo, como un ataque a unha UE en vías de sacralización (por algo Hobbes chamara ao seu Leviatán “deus mortal”), ou, como mínimo, como unha explosión inesperada. Aquí pretendemos dar unha visión diferente e alonxada tamén de outros lugares comúns. Aínda que concedamos que é unha explosión (nunca un cataclismo, que non é para tanto), o Brexit nin é unha bomba atómica, nin era completamente inesperable. Pola contra, é a última escea (polo de agora) dunha secuencia xa longa abondo, cuxa memoria imos refrescar. Deixaremos fóra neste artículo a peculiaridade británica, así como tamén o feito de que nese referendum houbese moito de política interior, pois isto sucede case en todo referendum.

Escomencemos. En 1992 Dinamarca rexeitou en referendum o Tratado de Maastricht (en 1993 aceptaríao nun segundo referendum). En 1993, a sentenza constitucional alemá de Maastricht mostrou á UE a tarxeta amarela (que voltaría a amosarlle na Sentencia de Lisboa, en 2009). En 2005, Francia e Holanda rexeitaron o Tratado Constitucional en senllos referendums, detendo así o proceso ratificatorio; de non terse detido, seguramente tería sido rexeitado tamén na Gran Bretaña, Dinamarca e outros. En 2008 Irlanda rexeitou en referendum o Tratado de Lisboa (en 2009 aceptaríao). Nos casos de Dinamarca e Irlanda, a UE tomou a pouco democrática decisión de forzar un segundo referendum, dando así outra volta ao parafuso dunha UE cada vez máis elitista e non moi popular.

Habería que ter presente, tamén, o dato de que a participación nas eleccións ao Parlamento Europeo vén baixando sistematicamente: de un 62 por cen (primeira elección, 1979) ata un 42.6 (2014).

Son sinais que ninguén debería pasar por alto, pero “Os Que Mandan” na UE pasáronas. Os observadores superficiais falan agora dos “brexiteers” como uns raros pailáns, que só existen alí, pero á parte de que os votos raros e pailáns valen tanto como os ilustrados cosmopolitas, debe notarse que hoxe o euroescepticismo medra ata na España, e conta moitos millóns de persoas na Francia (sen contar Polonia, Suecia, Dinamarca, Chequia, Grecia). Na Francia, as depauperadas clases baixas e medias parecen sentirse máis defendidas polos extremismos euroescépticos de Le Pen que polo centrista e europeísta Partido Socialista; en Inglaterra, algo semellante. (Se os partidos socialistas non toman nota, é que non queren). Segundo o Pew Research Center, máis do 60 por cen dos franceses ven hoxe a UE desfavorablemente —e se non fora o 60 senón o 40, aínda sería moito—.

Para entender o Brexit lembraremos, así mesmo, que en 2001, a Declaración 23 e a Declaración do Consello Europeo de Laeken, ademais de dar o pistoletazo de saída cara a unha constitución, insistían en que a Unión tiña que ser máis democrática e transparente, que cumpría máis Europa no esencial e menos Europa no miúdo, que había que devolver competencias aos estados e mesmo ás rexións, respectar a subsidiariedade, e dar máis papel aos parlamentos nacionais, eses parlamentos hoxe máis diminuídos en potestade orzamentaria que o de California ou Quebec. A Declaración 23 e a de Laeken foran, posiblemente, o momento no que a UE estivo máis próxima a corrixir a súa arquitectura, facerse máis política, menos tecnocrática e máis próxima á xente. Esas dúas Declaracións marcaron un rumbo que, de terse seguido, quizá evitase, ou amortiguase, a explosión do euroescepticismo.

Pero “Os Que Mandan” na Unión, no canto de tomar ese rumbo e pechar a fenda entre Bruxelas e a xente, que de aquela xa era ben apreciable, optaron por, como di o dito castelán, “mantenella y no enmendalla” (e despois, coa actual crise, mesmo “profundizalla”). Non moito tempo tras Laeken, o 18 de xuño de 2004, os xefes de estado/goberno, no canto de tomar nota dos desalentadores resultados das eleccións ao Parlamento Europeo cinco días antes, fuxiron cara adiante e non quixeron refacer o provocador Tratado Constitucional giscardiano. Este, no canto de aproveitar o proceso de constitucionalización para corrixir os defectos, optaba igualmente por desobedecer o mandato de Laeken e seguir no elitismo tecnocrático e centralizador, con resultados ben coñecidos.

A partires aproximadamente de 2008 —efectos sumados do Tratado de Lisboa e da auténtica mutación constitucional (AJ Menéndez) inducida na UE ao combater a crise—, a situación xa é ben coñecida.

Desta maneira, o desenvolvemento do euroescepticismo (ultimamente xa, por veces, anti-europeísmo) ten tres momentos relativamente claros: o primeiro, cando foi o de Maastricht, outro, cando o Tratado Constitucional e, o último, arredor do Tratado de Lisboa e a crise actual. Algo así como se neses momentos certos países cresen percibir, primeiro, que a CE viraba cara unha unión política que por acaso non todos buscaban; segundo, que as súas soberanías e mesmo as súas identidades corrían perigo; terceiro, que a Unión, ultimamente, nas mans do duopolio xermano-francés, experimenta verdadeiramente unha mutación constitucional e entra nunha deriva notablemente centralizadora e mesmo, segundo algúns comentaristas inmoderados, “castigadora”.

Realmente, tan inexplicable é o Brexit?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.