No mundo da emigración hai dúas inercias difíciles de superar: a hipertrofia de tradición e as redes clientelares. Das últimas eleccións celebradas no Centro Galego de Barcelona (CGB) saíu como gañadora, por ampla maioría, a candidatura de Manuel Carrete logo de proclamar como único programa unha idea: “tradición”. A que tradición se refire?
A tradición actúa sempre como factor de cohesión para calquera comunidade, e por iso non é propiedade de ninguén
A tradición actúa sempre como factor de cohesión para calquera comunidade, e por iso non é propiedade de ninguén. Ademais a tradición non é un ben inmóbel, sempre está a redefinirse. Agora ben, cando se recúa a posicións enxebristas (seica), esencialistas (seica) e resesas (sen dúbida), cando o folclore se reduce á momificación do “noso” e se usa como bandeira dunha tradición única e verdadeira que só pode ser interpretada polo “sumo presidente”, daquela, xa non hai afirmación. O que hai é medo. Medo a axeitarse aos tempos? Medo á xente con dinámicas novas? Medo a perder o poder que outorgan uns votos ben gobernadiños? Lean a crónica lúcida e retranqueira de Suso Mon no número 116 do A Micro Pechado.
A directiva que saíu das últimas eleccións entrou disposta a que desapareza calquera pegada que poida lembrar a actividade da directiva anterior, e chegou ao punto de desmontar todas as actividades que non lle fosen afins, aínda que funcionasen, aínda que non implicasen gastos para o Centro. A teima polo control é tanta que se impide toda iniciativa capaz de crear dinámicas de apertura e diálogo co presente.
O que hai é medo. Medo a axeitarse aos tempos? Medo á xente con dinámicas novas? Medo a perder o poder que outorgan uns votos ben gobernadiños?
Nas programacións mensuais, onde se atopaban actos culturais que permitían abrir portas a outros públicos, agora só aparecen os ritos internos, onde se programaban concertos, previo pago, incluídos no festival de cantautores de Barcelona, agora celébrase unha misa católica. Na sala que funcionaba como galería de arte e que convidaba a que outras persoas coñeceran un espazo emblemático da cultura galega, volveuse á decoración de antes. Alí están os gravados de Prego (fantásticos, por suposto!), arfando entre unha colección de obxectos e cadros supostamente típicos que conforma unha perfecta galería dos horrores desa tradición resesa que se reivindica. Nin o logo deixaron, que o primeiriño que se fixo foi recuar ao anterior, incompatíbel cos requisitos dos entornos dixitais, por certo. Reliquias do faiado, non tradición.
Nas programacións mensuais, onde se atopaban actos culturais que permitían abrir portas a outros públicos, agora só aparecen os ritos internos
Manuel Carrete saíu nomeado presidente do CGB e, dous meses despois converteuse en vicepresidente de Felgalcat (Federación de Entidades Galegas de Catalunya). A súa candidatura, no Centro e na Federación, contaba co apoio expreso de Luís Lamas, antigo presidente do centro –que deixara o cargo porque non podía dedicarlle o tempo preciso- e agora Presidente de Honra de Felgalcat. Velaí unha desas moitas redes clientelares que crean as estruturas alimentadas para manter actividades asociativas de cativo interese.
Un dos actos máis sinalados da actual directiva foi a organización dunha misa no Centro Galego de Barcelona. Seica as igrexas quedan lonxe das Ramblas! Será iso o que entenden por “tradición” e “folclore”? É iso o que a votación democrática decidiu por ampla maioría: mostrar a súa incapacidade para incorporarse aos tempos, para interesar á xente nova, a xentes novas, e, xa que logo, a súa incapacidade para representar a comunidade galega en Cataluña?
“Para que queredes un Centro Galego de Barcelona vivo?”. Mentres outra cousa non haxa, doume de baixa
Alfonso Pexegueiro preguntou hai anos: “para que queredes un poeta vivo?”. E remataba: “Matádeo. E celebraille as pompas”. A pregunta ás socias e aos socios da entidade é: “Para que queredes un Centro Galego de Barcelona vivo?”. Mentres outra cousa non haxa, doume de baixa.