Para quen fala a esquerda?

O pasado 29 de outubro, Mariano Rajoy era investido presidente do goberno de España. Hoxe, 10 de novembro, o candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou o seu cargo á fronte do executivo galego co apoio maioritario do Parlamento. O vindeiro 20 de xaneiro, Donald Trump será investido como novo presidente dos Estados Unidos de América logo de impoñerse á súa rival Hillary Clinton.

A pesares dos peores recortes sociais dos últimos tempos, a pesares de emprender unha política de ataque e derribo da sanidade e da educación pública, a pesares de ter que volver a falar de precariedade laboral e de pobreza infantil, a pesares de todo, Mariano Rajoy é presidente do goberno de España.

A pesares de actuar como un Delegado do Goberno en Galicia e reproducir no país esas “políticas de austeridade” do goberno central á vez que se reducía o Estatuto de Autonomía a papel mollado. A pesares de todo hoxe Feijóo é presidente da Xunta de Galicia logo de gañar tamén daquelas zonas nas que a mobilización cidadá foi máis intensa nos últimos meses, no rural denunciando os baixos prezos do leite e a precariedade dos agricultores galegos, e na costa, rexeitando unha Lei de Acuicultura que hipotecaba o futuro do sector e reclamándolle ao executivo que defendera os seus intereses en Europa. 

A pesares de… a pesares de todo, Donald Trump, o multimillonario con careta de antisistema, será o novo presidente dos Estados Unidos de América, co apoio maioritario de traballadores e das zonas rurais. Na redes sociais repetíronse os insultos da mesma maneira que os galegos fomos acusados de ignorantes unha vez que o PP renovara a maioría absoluta.

Cabe preguntarse, dunha maneira sería e responsable: por que, a pesares de todo, ocorre isto? O problema vai máis aló de que a dereita empregue un discurso do medo para facerlle fronte á alternativa que lle pode quitar as institución e que teñan de man un amplo abanico de medios para difundir ese discurso.

Unha das claves deuna aló polo 2004 o profesor de lingüística da Universidade de California, George Lakoff, na súa obra “Don’t think of an elephant: know your values and frame the debate”. Nesta o autor sinala que “suponse que os votantes votarán polo seu interese. Votan pola súa identidade, votan polos seus valores, votan por aqueles cos que se identifican. É posible que se identifiquen cos seus intereses, pode ocorrer. Non é que a xente non se preocupe nunca dos seus intereses, pero votan pola súa identidade, e se a súa identidade coincide cos seus valores votarán por iso [...] é un grave erro dar por suposto que a xente vota sempre polo seu interese”.

En pleno escándalo polas fotos nas que Núñez Feijóo sae nun barco co narcotraficante Marcial Dorado, nunha época na que o primeiro era alto cargo da Consellería de Sanidade e a droga facía estragos no país, este acusou a Beiras de ter un piano e estudar na Sorbona, mentres que se autodefinía como “un rapaz da aldea”. Máis recentemente Feijóo asegurou ser “máis de Podemos que os de Podemos” xa que segundo afirmou, a min me gustaría que na miña familia houbese máis profesores universitarios pero lamentablemente non tiven ningún” ao que engadía “eu non pertenzo a ningunha casta”.

A dereita sabe para quen fala. Pero, para quen fala a esquerda?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.