Para superar o medo e a abstención: ilusión e participación

Nos últimos anos estase a constatar o que moita xente xa pensabamos, que a corrupción é unha forma de goberno nas institucións políticas que definen as condicións nas que temos que vivir, ou más ben sobrevivir.  As institucións actuais defenden a lóxica e os intereses das elites financeiras, non están ao servizo da poboación como era o seu cometido. Cada vez é máis evidente que os que nos gobernaron nas últimas décadas, o bipartidismo, están cheos de burocracias escuras e corruptas e débenlle tantos favores e cartos aos grandes bancos que os imposibilitan para dotar á política do cambio que ben reclamando o conxunto da poboación: ética, transparencia e participación.

Ética, transparencia e participación. Estas son tres máximas que están no ADN da Marea Atlántica

Estas son tres máximas que están no ADN da Marea Atlántica, un proceso que nace dun manifesto que facía una chamado, ao conxunto dos e das veciñas, aos colectivos e movementos sociais e as forzas políticas a construír un desexo común: unha cidade democrática,  xusta, transparente e sostible. Un proceso que aglutinase ao conxunto de persoas que estamos fartos de ver coma o Concello serve para os amaños duns poucos a favor de si mesmos e os seus amigos. Alí están os múltiples casos de corrupción: Zeta, Pikachu, Someso, etc.  Esta situación fai que, nas últimas eleccións municipais, o nivel de abstencionismo superase o 40% na cidade, algo que ben sucedendo noutros procesos electorais na última década e que temos que reverter se queremos botar aos corruptos do Concello.

Nas últimas eleccións municipais, o nivel de abstencionismo superase o 40% na cidade, algo que ben sucedendo noutros procesos electorais na última década e que temos que reverter se queremos botar aos corruptos do Concello

Resulta curioso que nun lugar onde a democracia é algo que non se práctica dende hai moito, lembremos que só levamos apenas catro décadas exercendo o dereito ao voto, xa nos cansaramos de votar. Isto é debido a desafección política cara ao sistema de partidos, que fai que moita xente quede na casa o día das eleccións. Pois non atopa alternativas serias, honestas e con vontade gañadora que lle fagan ilusionarse e ir votar. Por suposto este ano si imos ter alternativa, chámase Marea Atlántica e o seu candidato é Xulio Ferreiro. Pero con votar non chega. Se algo temos que sacar en claro desta crise, non e só que as políticas e as institucións actuais non sirvan, senón que urxe implicarse moito máis e construir ferramentas que posibiliten participar continuadamente nos asuntos públicos. Por iso, a Marea Atlántica leva entre as súas propostas a creación de xuntas de distrito nos diferentes barrios para que sexa a poboación que habita neles quen decidan democraticamente en que gastar os cartos ou que necesidades compre cubrir no seu entorno máis próximo.

As institucións actuais que, como sinalabamos ao inicio destas liñas, non deixan de estar baleiras de soberanía popular e rexidas polos intereses egoístas das elites, precisan que entre aire fresco e ideas novas, métodos transparentes que permitan fiscalizar e penalizar (chegado o caso) a aqueles que non cumpran o programa. En definitiva, outros xeitos de facer política. Nos últimos tempos, ao calor do 15M e doutros proxectos que xa levaban anos traballando nos barrios e nas vilas, recuperouse o traballo veciñal que supón un terreo moito máis fértil para que a democracia dende abaixo, a das persoas non a dos mercados, poida intervir garantindo ao tempo conquistas concretas e evitando as perversións intrínsecas ao xogo electoral. Se nalgún espazo a potencia política que ten caracterizado todo o último ciclo de movementos e de loitas ten posibilidades de xerar un proceso de institucionalización radicalmente democrático é no plano local.

É necesario tamén superar o medo ao cambio, pois ante o chamado á estabilidade que dende as forzas do bipartidismo están a lanzar nas últimas semanas

Por iso, é necesario tamén superar o medo ao cambio, pois ante o chamado á estabilidade que dende as forzas do bipartidismo están a lanzar nas últimas semanas, as candidaturas de unidade popular, como a que representa a Marea Atlántica, nacen da veciñanza, dende xente que levamos anos, incluso décadas, construíndo alternativas dende as bases sociais. Sabemos como facer as cousas doutro xeito e temos claro cales serán as ferramentas para acadalo: transparencia, ética, participación e defensa dos dereitos sociais. Esa é a auténtica estabilidade, o demais só é sementar medo. Temos que atrevermos a soñar un presente distinto para construír un futuro con xustiza social entre todas e todos.

Este 24M hai alternativa para as moitas persoas que acostuman a quedar na casa desencantadas polas forzas políticas tradicionais ou que botan ao menos malo. A abstención non é unha opción, o medo ao cambio menos, desta vez hai marea!

En definitiva, un entramado de corrupción goberna a cidade dende hai décadas, cada vez son máis parecidos a unha mafia, polo que temos que demostrar que queremos outra cidade, libre de corrupción e desigualdade, unha cidade para a xente, non para o cemento e os corruptos. Este 24M hai alternativa para as moitas persoas que acostuman a quedar na casa desencantadas polas forzas políticas tradicionais ou que botan ao menos malo. A abstención non é unha opción, o medo ao cambio menos, desta vez hai marea!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.