Parabéns, Praza!

Non cómpre ir moi lonxe nin debullar moitos datos para concluír que o xornalismo non pasa polo seu mellor momento. Á delicada situación económica que padecen os medios de comunicación “tradicionais”, froito da caída das vendas e do descenso da publicidade, cómpre engadir unha crecente merma de confianza e credibilidade por parte da cidadanía que sitúa, segundo datos do CIS de marzo de 2013, a de xornalista como unha das ocupacións peor valoradas xunto coa de xuíz. A isto hai que sumarlle o difícil momento laboral polo que pasan as e os profesionais da información e a comunicación. O vendaval de peche de cabeceiras, cadeas de televisión ou emisoras de radio non cesa, as ameazas de ERE’s ou despedimentos son frecuentes e a perda de poder adquisitivo e de dereitos laborais das traballadoras e traballadores dos medios unha constante.

Diante de tanta escuridade, dá gusto atopar luces no camiño e ver como Praza Pública vén de cumprir dous anos na rede

Diante de tanta escuridade, dá gusto atopar luces no camiño e ver como Praza Pública vén de cumprir dous anos na rede. Como tamén dá gusto saudar o nacemento neste tempo de proxectos coma o Sermos Galiza, Galiza Ano Cero, Irmandade TV ou Luzes. Ou ver como medios coma Novas da Galiza, Diario Liberdade ou Cuac FM, entre outros, seguen contando historias galegas e do mundo na nosa lingua.

Todos e cada un destes proxectos teñen unha clave en común: nacen, medran e mantéñense, de xeito maioritario, da man do apoio dos seus lectores e lectoras ou do seu público. É a eles e máis a elas a quen se deben e a quen teñen a obriga de ofrecerlles unha oferta xornalística alternativa, que marque a diferenza, un xornalismo responsábel e de calidade.

Todos e cada un destes proxectos teñen unha clave en común: nacen, medran e mantéñense, de xeito maioritario, da man do apoio dos seus lectores e lectoras ou do seu público

Praza, Luzes, Sermos e máis o resto de medios que saen adiante ao abeiro do apoio da cidadanía teñen a oportunidade de devolver a confianza que neles se deposita a través da construción de espazos de comunicación repousada, que conviden á reflexión e ao sosego no medio de tanto xornalismo de tuits e declaracións que xa está reseso no mesmo momento no que sae da rotativa; de visibilización das historias de homes e mulleres que até o de agora ficaban lonxe dos titulares e escaletas; do exercicio da obrigada función de control do poder; ou do compromiso firme co país, coa súa lingua e coa súa cultura.

O camiño percorrido até o de agora convida ao optimismo e á satisfacción polo traballo feito. Que Cuac FM sexa quen de convertir a cidade da Coruña na capital europea dos medios comunitarios ou que Praza celebre os seus dous anos de vida apostando por máis e mellor xornalismo en galego apadriñando o nacemento de Praza&Meubook son dous exemplos de que imos na boa dirección. Pero a construción dun espazo de comunicación propio no país non é só responsabilidade dos propios medios, tamén debe contar coa complicidade e o alento da cidadanía.

A construción dun espazo de comunicación propio no país non é só responsabilidade dos propios medios, tamén debe contar coa complicidade e o alento da cidadanía

Por iso, non hai mellor agasallo para Praza Pública neste segundo aniversario, nin para calquera outro dos medios citados, que o noso apoio. Porque de nós tamén depende un xornalismo crítico, plural e de calidade.

Parabéns Praza, polo feito até o de agora e forza e alento para que sexan mil febreiros máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.