Parabéns 'Sempre en Galicia' de Montevideo

CC-BY-SA Marcelo Campi


O 3 de setembro de 1950 comezou a emitirse en Montevideo ‘Sempre en Galicia’, primeiro programa de radio integramente en galego 

O paso do tempo fai que certas imaxes, sons e sabores permanezan ben fixados na memoria aínda que no meu caso estea a falar de novembro de 1958. Unha singradura de 20 días no “Cabo de Hornos” desde o porto da Coruña ata o de Montevideo foi emocionante. O mar que eu coñecía era o do fermoso areal de Laxe onde mollara os pés por vez primeira na compaña da miña avoa materna Concepción Lema Rojo. A xente da miña aldea (Tines, Vimianzo) adoitaba mercar as sardiñas e os xurelos de Laxe e tamén ir alí aos baños que eran receitados polos médicos para a recuperación da saúde dos esforzados labradores. 

O meu primeiro domingo na capital uruguaia foi o 30 de novembro de 1958. A data é histórica xa que ademais de ser día de eleccións nacionais, resultou que os “brancos” gañan despois de nove décadas de gobernos “colorados”. Claro que entendín o significado do triunfo do “Partido Nacional” moitos anos despois. Coido que tiña de abondo para sorprenderme coas novidades no meu novo fogar riopratense. Levaba tres días en Montevideo [chegara o xoves 27] cando esperto oíndo o son dunhas gaitas que saen da radio que está na cociña. Érgome axiña e vou a xunto a meus pais que están almorzando. Séntome diante dunhas rebandas de pan con manteiga e azucre e bebo unha boa taza de leite con “Toddy”.

O meu pai explica que a música dos gaiteiros sae dun programa que se chama “Sempre en Galicia” que emite Radio Carve desde o ano 1950. Antes de alugar o apartamento no que fun vivir ao barrio de Aires Puros (na rúa Pantaleón Artigas case Ipiranga) o meu pai vivía nunha pensión da esquina das rúas Venezuela e Yaguarón, perto do Palacio Lexislativo. O propietario era o pontevedrés Paco Esperón quen todos os domingos escoitaba “Sempre en Galicia”. A pensión quedaba a un paso da feira dominical de Tristán Narvaja que meu pai visitaba logo do remate da audición. Preguntei a que se debía que os señores da radio falasen igualiño que na nosa aldea e que os gaiteiros tocasen coma se estivesen na festa da Ermida Vella.

O relato de meu pai arredor da aldea que deixara (eu non sabía quen era ou que era Galicia) fíxome dono dunha identidade con raíces nun espazo da beira norte do Atlántico. Aínda que o meu o corpo enchíase de alegría coa luminosidade montevideana lembro que o meu espírito latexaba a ritmo morriñento, quizais fose a ausencia da auga dos mananciais que sulcando os seixos, escorregaban ata apousar nas leiras dos meus avós de “Cas do Rei” e “Cas de Xan”. Non penso que a explicación sobre “Sempre en Galicia” fose intencional. O meu pai non era home de adoutrinamento e ata moitos anos despois non souben de que o seu irmán maior, Ramón, estivera dous anos na cadea por axudar ao coñecido guerrilleiro “O Foucellas” (Benigno Andrade García). 

O tempo foi pasando e “Sempre en Galicia” cumpre 70 anos. Estamos celebrando un acontecemento que merece os maiores recoñecementos xa que ademais de ser unha aula activa de galeguidade é no mundo da diáspora, a máis longa e ininterrompida e froitífera homenaxe ao moi egrexio Castelao. Coido que vai sendo hora de distinguir cos máis altos galardóns a “Sempre en Galicia” de Montevideo. Hai que ser agradecidos e aplaudir forte a todas as persoas que durante sete décadas mantiveron o arado firme, no rego fundacional. O seu esforzo permitiu que non houbese mañá de domingo montevideano sen os necesarios grans de irmandade que agroman sentimentos de pertenza en cada palabra pronunciada na lingua de Rosalía de Castro. Parabéns e viva Sempre en Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.