Paradores: Outra rata morta en Neocom Lab

A noticia saltaba hai uns días. A directora nacional de Paradores, quen cobra tres veces máis có mesmo presidente do Goberno, dixo basta. Ata aquí chegamos. Botamos o peche. Non hai más pasta na caixa, non queda leite na vaquiña. 

Estou seguro que moitos licenciados en filoloxía francesa matarían por facer camas nun Parador por oitocentos euros, que é o que cobran segundo o convenio

María Ángeles Alarcó, Gela, ten una asignación de 180.000 euros anuais. O escueto curriculum institucional da páxina corporativa de Paradores, destácaa como licenciada en filoloxía francesa e ex-traballadora da Coca-Cola. Non menciona que é ex-muller de Rato, íntima de Ana Botella ou de Esperanza Aguirre. Estou seguro que moitos licenciados en filoloxía francesa matarían por facer camas nun Parador por oitocentos euros, que é o que cobran segundo o convenio. Iso si, que non conten coa paga extra de Nadal, xa que son persoal laboral do sector público e sufriron os recortes do RD 20/12, coa supresión da paga extra, os descontos por enfermidade, etc.

Unha corte de asesores de compras, de deseño, de estratexia, de marketing, etc para os directores de zona. Tamén hai subdirectores disto e aquilo, máis asesores para os subdirectores

A intrahistoria de Paradores podería estar situada a finales do século XIX, é unha especie de La Regenta postmoderna e surrealista. Unha corte de asesores de compras, de deseño, de estratexia, de marketing, etc para os directores de zona. Tamén hai subdirectores disto e aquilo, máis asesores para os subdirectores. Moitos residentes nos paradores, con camareiros exclusivos ao seu servizo, coa copa sempre chea, e, mellor servida aos poucos, non sexa que se quente o licor, con infinidade de abusos e modais propios de señores feudais, de novos ricos, que só os traballadores coñecían e calaron porque son profesionais.

O traballador dun Parador non pode sentir máis que rabia. Con soldos precarios, fan o seu traballo. Cumpren a xornada sen descanso. Moitas veces ven e calan. Ven un director que non chega a trinta anos despedindo persoal e racaneando en subministros. Non queren ser o próximos. Saben que calquera recorte material ou persoal é bonificado cun plus de produtividade, en non falamos de dez euros. Poden pagarlle ata seis mil pola ousadía de botar a uns cantos á rúa. Valente rapaz: o método Harvard, a escola de Chicago. Tamén ven como da noite á mañá cambia o logo de Paradores. Hai que desbotar toneladas de louza e comprar nova. Toallas, sabas, albornoces. Todo fóra. Sacan de chequeira pública e adiante, todo pago, barra libre. O furado crece.

Eses mozos, cuxo primeiro posto de traballo foi subdirector dun Parador, súan pensando en ter que deixar a habitación 16, a das mellores vistas. Quen levará o almorzo á súa cama agora?

Viaxes de prospección a lugares paradisíacos con acompañantes, manutención para proba de menús, pluses, irmanamentos, relacións sociais, a dolce vita! Pero agora resulta que está pechándose a billa. O toque vén de arriba. Gela avisa: rapaces, o pastel estase a rematar. Aos nenos das escolas de negocios comézalles a apretar a gravata. Eses mozos, cuxo primeiro posto de traballo foi subdirector dun Parador, súan pensando en ter que deixar a habitación 16, a das mellores vistas. Quen levará o almorzo á súa cama agora? Todos os días faino Xulia. Iso é de menos, se non é Xulia será outro. Xulia está no comité, caerá de primeira.

É curioso que o primeiro Parador do que se falou fose Ferrol. Un Parador que está situado nunha zona que aspira a ser Patrimonio da Humanidade

É curioso que o primeiro Parador do que se falou fose Ferrol. Un Parador que está situado nunha zona que aspira a ser Patrimonio da Humanidade, e o mesmo tempo unha zona necesitada de especial protección, con dramáticos datos de paro, descenso demográfico e, o que é peor, sen ningún tipo de esperanza. Un Parador cuxa ocupación media os dous últimos anos supera o 60%, datos semellantes aos hoteis punteiros da comarca. É siginificativo que os traballadores de Paradores teñen soldos moi inferiores aos dos hoteis privados. O seu convenio é moito peor, pola dureza negociadora da Administración. Analizamos os datos? Mesma ocupación, soldos inferiores, por esas dúas patas o tallo non é coxo. Os hoteis privados sen beneficios pechan, e iso non sucede. Non terá algo que ver coa pléiade de directores e o seu séquito retribuidos como altos directivos? Cos nefastos investimentos? Con obras faraónicas, contratas e concesións escuras?

Un Parador cuxa ocupación media os dous últimos anos supera o 60%, datos semellantes aos hoteis punteiros da comarca. É siginificativo que os traballadores de Paradores teñen soldos moi inferiores aos dos hoteis privados

Feijoo di non saber nada. Os alcaldes amosan unha tímida preocupación. Parece que todo o mundo está enterado menos eles. O que está aquí en xogo e outro capítulo máis do encollemento do Estado, torar e vender, lastre fóra, aínda que sexan sacos cargados de dereitos sociais, de persoas con necesidades, de homes e mulleres de entre cincuenta e sesenta anos que saben que o máis posible é que non volvan a traballar xamais. O caso é que non hai marcha atrás. Cando todo se venda non haberá posibilidade de recompra. As multinacionais planean sobre un ceo pechado de nubes treboentas. Abaixo agarda Galicia corporation.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.