Paradoxos, mentiras ou como o virus pandémico serve para un roto e un descosido

0. Estas palabras prenden no ocaso da cordura da lóxica e da racionalidade, aí onde un paso máis nos leva ao cavorco da irracionalidade e da insensatez. Fano, ademais, cando unha nova orde (Consellería de Sanidade) e un novo decreto (Decreto 8/21 de Presidencia) (DOG nº 16 bis do 26 de xaneiro de 2021) nos enchen de impedimentos para unha vida en sociedade digna dese nome e, como veremos, en non poucos treitos, de forma absurda ou quizais maquiavélica. 

1. Como recolle Manuel Arias Maldonado, prologuista de Albert Camus. La noche de la verdad. Los artículos de Combat (1944-1947), un xornalista debe manter un firme compromiso ético coa obxectividade e a prudencia. Non cremos esaxerar se dicimos que ese compromiso ético fai augas cada vez que a liña editorial decide os contidos do Telexornal da Televisión de Galicia. Ou cando un medio de masas como La Voz lle fai unha entrevista ‘buenrollista’ ao Presidente da Xunta de Galicia, obviando incidir na súa responsabilidade co que acontece neste mes de xaneiro de 2021 e sen poñer de relevo as mentiras ben manifestas no contraste que ofrece este terceiro pico co primeiro, cando si dispuxo dun hospital de campaña. Ou sen destacar o feito de que os números que dá a TVG son froito dunha deliberada e manipuladora conta que incorpora como camas UCI camas que non existen ou que figuran na privada. Deberíamos ter preto dunhas 15 camas por cada 100 mil habitantes, mais o certo é que estamos ao redor das 9 camas por 100 mil. En Galicia só hai 274 camas disponibles, isto é, equipadas e con persoal especializado. Por iso, mentres o persoal sanitario falaba de saturación, na TVG se falaba dun 26% de ocupación de camas, o que lle permitía saír ben parado na foto do Estado. Ampáranse nesas contas de Feijóo, moi hábil en manipular a realidade. 

2. Ademais, o presidente Alberto Núñez Feijóo trátanos de idiotas, se é que o titular da portada de La Voz deste domingo 31 de xaneiro é certo: “si los gallegos entienden las medidas”. Idiotas porque pon en dúbida a nosa capacidade intelectiva e actitudinal, xa que, no fondo, segue culpándonos só aos galegos e galegas. O certo é, como dixemos no artigo da semana pasada que os únicos responsables son os que non ousaron ‘non celebrar o Nadal’: o comité clínico e a Xunta. 

3. En efecto, segue sendo unha completa evidencia que o Nadal foi o cabalo de Troia que permitiu sacudir a integridade (relativa e fluída) dos peches perimetrais que existían naqueles lugares máis afectados pola presenza do virus. Un erro que pagamos agora co peche completo de concellos, mesmo daqueles que se comportaban de xeito máis ou menos aceptable en canto aos números pandémicos. Un erro que se pon de manifesto nos datos que ofrecen eses concellos con peche perimetral desde hai dous meses. 

4. Unha circunstancia alarmante, ao noso entender, é a declarada falta de entendemento entre os corpos sanitarios. Incomunicación que se suma ao feito, posto de relevo por un médico intensivista, de que é mellor que as persoas non ingresen no hospital porque non entrarían para curarse...senón posiblemente para morrer. Consideramos que levamos desde o mes de marzo de 2020 con esta situación e houbo tempo para crear vínculos e unha linguaxe ponte entre os corpos para que se afortale a praxe do coidado hospitalario que debe, en primeira instancia, curar. 

5. Este tipo de discursos é moi perigoso, xa que as persoas precisan ter confianza no seu sistema de saúde público, así como precisan garantías nos seus dereitos e liberdades. Ademais, este discurso do medo, que se une ao discurso de TODO PARA O COVID, fai que as persoas se amosen moi desconfiadas e non ousen achegarse aos centros médicos ou hospitalarios. Cantas persoas faleceron por outras enfermidades en Galicia durante a pandemia? Bastantes máis, desde logo, ca as que produciu -por desgraza- este virus. 

6. Por moito que o queiran mitigar, o certo é que ese discurso imprudente provoca que se desatendan outras enfermidades. De feito, o propio SERGAS recoñece que existe unha listaxe de agarda de máis de dous meses e medio como mínimo, como informaba o sábado 30 de xaneiro o xornal Nós. Pero o peor é o descoñecemento que se ten sobre o medo que latexa nos fogares galegos, sobre todo no das persoas maiores de 75 anos, aos que se lles di que se autoconfinen, que non saian...e agora, que non vaian ao hospital....A consecuencia de todo este disparate é evidente. Non podemos esquecer que unha porcentaxe elevada desas persoas maiores vive soa. Esta soidade, reforzada polo discurso do medo, da ‘recomendación’ do autoconfinamento, está provocando unha auténtica desfeita na saúde física e mental destas persoas. No fondo, a depresión, a angustia, derivadas desta soidade reforzada, provocan unha lenta e paseniña morte por incremento da decrepitude. O médico Vivek Murphy demostrou nos seus estudos como a soidade provoca danos físicos. Repetimos, non todo é COVID, por desgraza. 

7. Hai un aspecto anómalo que se une a este negativo tipo de discursos. Referímonos a que botamos en falta nos telexornais da TVG que se fale máis dos avances na CURA. Fálase só, con insistencia desde o Nadal, da vacina e da INMUNIZACIÓN. Se non fose porque nos acusarían de ser conspiranoicos, poderíamos pensar que existe unha rivalidade de cálculo entre os axentes produtores da CURA e os da VACINA, como se non fosen, por necesidade, complementarios. Será debido a que non se fixeron avances neste aspecto ou a que se atrancan os mesmos? Semella que só se usa o autorizado Remdesivir, a quen acompaña a colchicina (usado para reducir a intensidade dos ataques provocados polo depósito do ácido úrico en forma de cristais nas articulacións) e o aplidin. Por que non se pon a mesma énfase na cura ca na vacina? 

8. O venres 29 de xaneiro de 2021 comunicábase o dato de que estaban vacinadas máis de 15.000 persoas en Galicia nun mes. A pesar deste cativo número non deixamos de escoitar máis e máis promesas numéricas sobre o momento en que acadaremos a suposta inmunidade de grupo. As promesas fan dano ao xogaren coa esperanza das persoas. Son fume. Un fume segredo e caro, como se puido comprobar na enésima demostración de ausencia de transparencia da Comisión Europea co acordo rexistrado con AstraZeneca (870 millóns de euros...). 

9. Por desgraza, non vivimos baixo o socialismo. O país é dirixido por xestores do programa capitalista cuxos papeis máis representativos repousan na súa capacidade de obter rendas da clase traballadora. En vez de proxectar unha vida digna para ser vivida, póñense en marcha toda unha serie de mecanismos sociais, políticos e económicos que só aceleran a fenda da desigualdade consubstancial ao capitalismo. E baixo a acción do virus pandémico as cousas non melloran, senón todo o contrario, van a peor e, ademais, as elites lograron poñer un freo importante ás accións de protesta e reivindicación, sempre xulgadas baixo a luz do discurso dominante do COVID. 

10. Estamos atados a unha ‘burrocracia’ infinda e a unha financiarización da nosa vida ao mesmo tempo que a unha desposesión que segue adiante a un ritmo incesante. O paro, o empobrecemento das persoas, o abafo de certas decisións destinadas -dise- a frear o virus, conducen á crecente e abrumadora sensación de que non existe futuro digno. Isto, loxicamente, non é só propio deste país. Sucede en todas as latitudes, como demostran os autores do libro colectivo Nuestra América en la encrucijada: pandemia, rebeliones y estados de excepción (ContrahegemoníaWeb/Incendiar el Océano, 2020), onde describen moi ben como nos gobernos ‘progresistas’ “la participación política no institucional es sumergida bajo las botas de las fuerzas de seguridad, mientras el Estado (más burocrático y autoritario que nunca) hace uso del saber-poder técnico-médico-cientíico para justificar cualquier medida” (p. 13). 

11. Remataremos cunha serie de valoracións sobre a retórica institucional contida na orde e no decreto do 26 de xaneiro de 2021. Hai aspectos que aínda non somos quen de entender. E levamos agardando por algún científico serio que nos diga por que se impón o uso de máscara aínda que vaias só polo monte e non existan persoas na túa contorna. 

12. Produce unha certa sensación de crispación ver con que facilidade se decide que actividades son ‘non esenciais’ para pechalas de forma clara (a hostelaría) ou encoberta (o comercio minorista), coa redución de horario. Dicir que o traballo do que viven unha ou máis persoas (e as súas familias) é ‘non esencial’ produce arrepío. Esas persoas precisan comer, chegar a fin de mes, facer as súas contas e suspirar por algunha lotería en forma de axudas. Moitas se viron na obriga de investir diñeiro para adaptar o espazo de traballo ao maldito virus, para crear esa ‘sensación’ de espazo seguro. Mentres se pechan ou degradan as posibilidades destes comercios de proximidade, os que permiten que un barrio teña faciana humana, se segue alimentando o monstro do click amazónico e outros xigantes dixitais da distribución. 

13. Permítese o desprazamento nun mesmo coche de até catro traballadores para ir e regresar do traballo. E pode semellarnos mesmo beneficioso porque así van menos coches individuais soltando o seu aire contaminado. Non obstante, esas mesmas persoas, que conviviron con máscaras nun espazo reducido, non poden pasear ao aire libre, onde si se poden gardar as distancias e que resulta máis beneficioso para a saúde. 

14. No punto dous, que trata das excepcións ás reunións, déixase aberta a posibilidade de que se reúnan dous non convivintes sempre que sexan matrimonio ou parella. E alegrámonos. O dereito á felicidade debe ser unha premisa nesta sociedade voraz. No entanto, preguntámonos como é posible non permitir que matrimonios ou parellas separados por ducias de quilómetros (ás veces máis de cen) durante a semana polos lugares de traballo, o que obriga a vivir de alugueiro -e gastar un diñeiro moi necesario- non podan cruzar esa distancia para reunirse ao longo da semana, cando mellor se dispón o horario para o matrimonio/parella. 

15. Finalmente, abraiante punto sexto do decreto, onde se deixa cruzar concellos para levar a cabo accións de caza colectiva sobre as especies cinexéticas do xabarín e o lobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.