Parlamentiño

A palabra democracia é, cando menos, polisémica. Tanto vale para un roto como para un descosido. Pode empregala o PP para defender a cadea perpetua, as reformas laborais ou a redución de iniciativas no Pleno do Parlamento galego e quedar tan pancho. Por iso, quixera facer unhas consideracións sobre o estraño pacto entre PP e PSdeG para reducir as intervencións de BNG e AGE no Pleno do Parlamento coa escusa da formación dun novo grupo, o grupo mixto, despois dos abandonos no grupo de AGE.

Até esta lexislatura todos os grupos parlamentares, independentemente do número de deputadas e deputados que o conformasen, tiñan un reparto igualitario en propostas e tempos para os Plenos

Até esta lexislatura todos os grupos parlamentares, independentemente do número de deputadas e deputados que o conformasen, tiñan un reparto igualitario en propostas e tempos para os Plenos. A maioría ou a proporcionalidade viña dada pola propia votación. Sen embargo, a posibilidade de introducir os problemas da rúa e as propostas políticas non se vía mermada por mor do número de persoas que conforman o grupo. Isto ten unha lóxica democrática inherente xa que é xusto a oposición a que ten un papel máis activo nas Cámaras lexislativas. Esta proporcionalidade simétrica rachouse ao inicio desta lexislatura, erro claro desde a miña óptica.

Isto acentuouse coa formación do grupo mixto. A Mesa do Parlamento decidiu impor unha redución das iniciativas tanto do grupo que perdeu as deputadas como do grupo do BNG. Non se reducen as do PSdeG e tampouco as do PP. Así as cousas, temos menos posibilidades de levar ao Pleno os problemas dos galegos e galegas, menos posibilidades para preguntar a Feijóo, menos posibilidades para presentar en pleno medidas chamadas de impulso. En fin, menos voz e menos liberdade de expresión.

O PP leva anos facendo campaña de desprestixio sobre o traballo dos deputados e deputadas. Burlándose do Parlamento galego, considerándoo de segunda ou terceira división

Levantemos a cabeza e miremos en que contexto ocorre este recorte. O PP leva anos facendo campaña de desprestixio sobre o traballo dos deputados e deputadas. Burlándose do Parlamento galego, considerándoo de segunda ou terceira división. Denigrar a política para a dereita está na folla de ruta de quen aborrece a soberanía das persoas e dos pobos. Para o PP é máis cómodo gobernar desde os despachos dos oligopolios enerxéticos ou desde as construtoras reconvertidas a empresas de servizos sociais. Para que necesita Parlamentos quen publica no DOG desde os Consellos de Administración? A Feijóo gústanlle como platós televisivos. Mais alá molestan, son incómodos. Poden estar persoas afectadas polas súas políticas, de feito, escribo este artigo despois de escoitar coa pel da galiña os gritos desesperados dos e das enfermas de Hepatite C no xusto momento que o PP votaba en contra de subministrar o medicamento que lles pode salvar a vida. As persoas que están na tribuna poden escoitar de primeira man o que no Parlamento ocorre e iso non gusta ao PP. Feijóo prefire os planos preparados da televisión de Galiza. Prefire os titulares que envía desde os seus gabinetes. Claro que coa súa lóxica cunha iniciativa por grupo chegaba ben. Incluso para unha foto sobra.

Nese delirio de control e desprestixio do Parlamento está instalado o PP. Sorprende que o PSdeG entre a ese xogo

Nese delirio de control e desprestixio do Parlamento está instalado o PP. Sorprende que o PSdeG entre a ese xogo. O trato igualitario entre grupos que agora se racha é unha perda da liberdade de expresión independente de onde se vexa cada grupo no futuro. Non é un problema de siglas ou persoas. De que existan cinco grupos ou vinte e cinco. É un problema de concepción da democracia. Incluso a semántica aquí non chega, é unha cuestión de pragmática. Que práctica política avala a noción de democracia?

Ben sei que algunhas persoas ven no Parlamento galego un Parlamentiño. Non recoñecérmonos nas institucións propias por cativas que sexan tamén é un xeito de asumir a colonización. Pode que entendan o paso polo mesmo como unha estadía en provincias mentres fan méritos para acceder á Corte. De feito poucas veces escoitei falar do “Congresito”.

A proporcionalidade de voto provén das urnas. A posibilidade para debater temas e propostas non. O exercicio da pluralidade é o exercicio da democracia

O Parlamento de Galiza require dun novo regulamento que axilice trámites e permita dar contestación rápida aos problemas que se viven acotío na rúa, nas escolas, nos hospitais, nas fábricas, nos barcos do xeito, nas poucas explotacións agrarias que sobreviven, nas casas de acollida para mulleres maltratadas, nas compañías de teatro, nas editoriais galegas,... Mais que manteña a equidade de trato  entre grupos. A proporcionalidade de voto provén das urnas. A posibilidade para debater temas e propostas non. O exercicio da pluralidade é o exercicio da democracia.

Non é un tema menor recortar a democracia e a liberdade de expresión no Parlamento galego. Menos iniciativas, menos política galega,  menos espazo para noticias sobre problemas dos galegos e galegas, menos axenda propia... Conclusión: menos é menos. Galiza tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.