O presente artigo escríbese sen tempo. Les? Logo aquel presente xa pasou. Neste intre temos máis présa que antes. Alterámonos. Chegamos tarde e arrastramos tarefas pendentes. Sen obviar que o estamos facendo mal. Moi mal.
Chegamos tarde e arrastramos tarefas pendentes. Sen obviar que o estamos facendo mal. Moi mal
Como mínimo, sintámonos culpábeis. Batamos os miolos contra as pedras e increpemos a propia existencia. Por que non falamos inglés a nivel nativo? A que agardamos para comezar co alemán? Que sentido ten a vida sen un curso avanzado de TIC? Se polo menos dispuxésemos dunha triple licenciatura…
Ou, tan sequera, de dous traballos a xornada completa. Iso si, con marxe suficiente para rebentar o corpo no ximnasio. Non vaia ser que nos que nos dea por pensar…
Non hai tempo para pensar
Non hai tempo para pensar. Tal e como están as cousas, cómpre investilo en traballos precarios ou, mellor aínda, en formación. Na formación dun bo feixe de diplomas; en liña e presenciais, privados e públicos, de diferentes especialidades. Poden non ter relación entre si e, incluso, carecer de contido. O único importante é o papel final. Unha folla máis para a colección; como se o currículo fose aquel álbum de cromos que completamos de cativos. Só que, desta vez, ninguén cambia másters repetidos por dignidade laboral.
Cara onde estabamos correndo?
O xogo caeu na súa trampa. E nós con el. Mercamos os títulos dunha historia que non acontecerá. E vendéronnos as gañas de aprender. Despois da estafa, esquecemos que o saber é gratuíto e o emprego, un dereito inalienable. Ficháronnos como perpetua man de obra. Mais non nos permitiron comprender a partida. Se cadra, detendo a carreira, recordamos como reflexionar.
Cara onde estabamos correndo?
Quizais o circuíto que nos impuxeron non conduza a ningures. Nada proba que os compañeiros de pista sexan contrincantes e xamais se nos pediu opinión sobre o regulamento. Postos a cuestionalo, poderiamos preguntarnos con que se mide a cultura, cal é o baremo da solidariedade ou que certificación contempla o compromiso social. Iso sen contar que ningún ránking nos vai facer felices. Non existen postos que permitan prescindir de amigos, nin profesións capaces de substituír o amor. E se o acelerador atropelase a condición humana?
Sobran respostas para os parados. Quen frea descobre o engano de maneira inminente
Silencio. Sobran respostas para os parados. Quen frea descobre o engano de maneira inminente. Galopabamos sen razón; tropezando o desespero en cada atranco. Pero descubrimos como reter o paso; agora sabemos mofar o compás. Entendemos que obstruíndo a marcha inventabamos novos ritmos; propios e comúns. Cada folga sincronizou un pulso colectivo, afinando a harmonía popular. E o futuro despregou ante nós a súa partitura en branco…
Podes perseguir cun instrumento a tesitura que entoa a autoridade. Ou escribir o amencer inédito da nosa sinfonía. Porque a cadencia dos tempos que vivimos tamén depende de ti.