George Orwell no seu libro O camiño a Wigan Pier, publicado en 1937, e hoxe difícil de atopar en castelán, relata as duras condicións de vida e traballo dos mineiros do norte de Inglaterra. O autor de Homenaxe a Cataluña e 1984 recolle nas páxinas desta obra, si a memoria non me engana, unha referencia á iniciativa de grupos de mulleres da alta sociedade de organizar visitas aos fogares de traballadores pobres co obxectivo de explicarlle ás súas mulleres como sacarlle mais partido aos magros salarios, como preparar comidas máis nutritivas cos mesmos cartos… A imaxe daquelas mulleres ben vestidas e camiñando de puntillas polas sucias rúas dun poboado mineiro ou do Est End londinense non pode menos que resultar peripatética.
Estes días o Ministerio de Educación presenta a Guía de buenas prácticas para a participación das universidades españolas nos rankings internacionais. A imaxe do ministro Wert saltando charcos por un campus universitario repartindo exemplares da tan útil guía, e tocado posiblemente cun bonito sombreiro, venme á mente,. A pesares da boa vontade que lle quero supoñer, a iniciativa sona tan ridícula como a daquelas mulleres da alta sociedade impartindo maxisterio ás mulleres dos mineiros.
E innegable que dende a aprobación da Lei de Reforma Universitaria, en 1983, a hoxe a universidade española ten mudado para ben dun xeito ben importante e visible. Os cambios lexislativos foron acompañados dun incremento no financiamento universitario, tanto directamente como por medio dos diversos planos de Investigación e desenvolvemento que a nivel de Estado ou de comunidade autónoma foron postos en marcha, ao obxecto de impulsar a investigación, básica e aplicada, e a innovación no tecido económico empresarial. Durante as pasadas tres décadas as universidades foron quen de poñerse no mapa mundial da produción científica, e mellorar o nivel da calidade da ensinanza que ofertan. A universidade, o acceso á educación superior, é hoxe,como o ten sido no pasado, a escaleira para o ascenso social. O presidente da Xunta de Galicia vanglóriase moitas veces do seu orixe humilde. Eu tamén. Do mesmo xeito que o fai unha parte moi importante das persoas coas que trato diariamente e que ocupan postos de dirección en entidades públicas e privadas ou postos de alta cualificación: fillos e fillas de mariñeiros, de taxistas, de pequenos comerciantes, de mecánicos... A universidade abriulle as portas ao mundo e a acadar postos de responsabilidade. E polo xeral sen precisar de tomar o sol sobre a cuberta do iate dun narco.
Durante as pasadas tres décadas as universidades foron quen de poñerse no mapa mundial da produción científica, e mellorar o nivel da calidade da ensinanza que ofertan. A universidade, é hoxe, como o ten sido no pasado, a escaleira para o ascenso social
Os problemas que hoxe encara a universidade pública, que existen e que son importantes, non se resolven con consellos para mellorar a puntuación das mesmas nos ranking internacionais. Os problemas das universidades van mais alá de que os seus investigadores asinen co nome completo ou con iniciais ou que unan os seus apelidos cun guión. As eivas destas institucións vitais no desenvolvemento dun país van máis alá do necesario fomento das colaboración entre institucións: CSIC, universidades, hospitais…, que sen dúbida redundaría nun mellor aproveitamento de medios e na creación de sinerxías. E débese subliñar que demasiadas veces estas colaboracións non se producen porque falte vontade nos investigadores e investigadoras dunha ou doutra entidade, senón porque o marco de financiamento que institucións como o ministerio de Educación ou a consellería ou axencia autonómica que toque poñan á súa disposición, non a facilitan.
O goberno do Partido Popular, o anterior goberno do PSOE, diversas entidades públicas e privadas, teñen, nos últimos cinco anos, encargado diversos estudos sobre os males que aqueixan á universidade española. Teñen gastado fondos públicos en informes e mais informes que sempre acaban durmindo nos caixóns dos responsables políticos… Sempre. Todos.
As eivas destas institucións vitais no desenvolvemento dun país van máis alá do necesario fomento das colaboración entre institucións, que sen dúbida redundaría nun mellor aproveitamento de medios e na creación de sinerxías
Na realidade ao Partido Popular non lle interesa reformar, no senso de mellorar, a universidade pública. A fin de contas non lle interesa en nada mellorar os servizos e a administración pública. Tal idea vai contra o seu ADN ideolóxico. No caso das universidades estas teñen sufrido recortes de forma importante que afectan tanto aos salarios que reciben os seus traballadores, independentemente do seu grado de compromiso, do seu rendemento, e recortes no orzamento para o seu mantemento. Tamén recortes moi importantes no financiamento de proxectos de investigación, que teñen provocado a emigración de centenares de mozos investigadores formados, moitos dos cales non van voltar. Por outra banda os e as estudantes teñen visto como as taxas de matrícula se incrementaban de forma exponencial á vez que ao contrario do que o ministro Wert predica, as bolsas de estudo endurecían os criterios para a súa obtención e diminuían o seu número e o seu importe. Maiores taxas, menos bolsas de estudo. As comparacións cos países desenvoltos do noso entorno son demoledoras.
Mentres isto acontece as universidades privadas agroman como as malas herbas en primavera. O círculo péchase. O desmantelamento do público, o empeoramento dos servizos que pode ofertar, ten como obxectivo prioritario a creación de oportunidade de negocio para o capital privado, sexa en sanidade, en servizos sociais, sexa en educación primaria ou secundaria e agora,con forza, no ensino superior.
O desmantelamento do público, o empeoramento dos servizos que pode ofertar, ten como obxectivo prioritario a creación de oportunidade de negocio para o capital privado
O ministro Wert ofrece ás universidades unha guía con consellos para mellorar nos rankings… os problemas da falta de financiamento das universidades públicas, enormes si nos comparamos coas institucións de educación superior doutros países europeos, non existen para o ministro.
O cativo sistema de bolsas ao estudo non merece de seguro unha liña. A creación de sistemas de promoción e consolidación do persoal investigador non se trata… E como se o ministro Wert quixera facernos crer que un grave problema de motor nun coche se arranxa pasándoo polo túnel de lavado.
O ministro Wert ofrécelle ás universidades os seus consellos de trilero… a sociedade dentro duns meses deberá ofrecerlle ao ministro a porta de saída do ministerio.