“Outras vezes oiço passar o vento,/ E acho que só para ouvir passar o vento vale a pena ter nascido”. (“O guardador de rebanhos”, Alberto Caeiro –heterónimo de F. Pessoa-).
Hai cousa dunha semana, Íñigo Urkullo e Artur Mas, premeron o botón da alarma para advertirnos da estratexia recentralizadora que levan argallando os consentidos do Partido Popular dende a súa chegada ao Goberno
Hai cousa dunha semana, Íñigo Urkullo e Artur Mas, premeron o botón da alarma para advertirnos da estratexia recentralizadora que levan argallando os consentidos do Partido Popular dende a súa chegada ao Goberno. Os medios de comunicación preferiron distraernos con dixomedíxomes, restándolle importancia á advertencia dos líderes nacionalistas, no canto de tratar de esclarecer porqué os xerifaltes dos dous partidos que conforman a cara e a cruz do centralismo militante se empeñan en convencernos de que, canto máis avancemos na recentralización política, antes sairemos da crise económica, cando en realidade está acontecendo xustamente o contrario.
Os dous partidos da alternancia -á parte de levalo no sangue- traballan sen alento decotío, e aproveitan a situación de desánimo do respectable público –á que tanto teñen contribuído- para rozar as silvas nos cadabullos que, ás veces, deslucen a alfombra da segunda restauración borbónica, e para agarimarlle de paso o lombo aos que coidan que se a marca España non pode levar as grilandas de grande, e xa que as de libre non lle camparían dabondo, cando menos poder colgarlle as de Una, con maiúscula e letras de molde.
Aproveitan calquera recuncho do Boletín Oficial do Estado para crebarlle os xeonllos ao estado de benestar que se estaba conformando, entre outras razóns, mercé á cativa descentralización política
O grupo político que ostenta o Goberno do Estado, coa colaboración desinteresada do principal partido da oposición, e ámbolos dous axudados por unha nutrida procesión de altos funcionarios e tertulianos, aproveitan calquera recuncho do Boletín Oficial do Estado para crebarlle os xeonllos ao estado de benestar que se estaba conformando, entre outras razóns, mercé á cativa descentralización política, e tamén mercé á autonomía de xestión e ás competencias –recentemente mutiladas- das corporacións locais. Todo elo unido, en contra do que nos contan, a unha tumoración burocrática imparable e absurda que complica cada vez máis as relacións dos cidadáns coa lousa das administracións públicas.
Cada día é máis difícil refollar o boletín oficial e atopar unha páxina limpa de artigos con disposicións recentralizadoras
Cada día é máis difícil refollar o boletín oficial e atopar unha páxina limpa de artigos con disposicións recentralizadoras, indistintamente do rango da norma, pasando por debaixo do arco de trunfo os estatutos de autonomía, a xerarquía normativa e toda a lexislación vixente relacionadas con competencias das administracións distintas da Central. Mentres tanto, os representantes da cidadanía miran cara as nubes, dando por boa esa parvada de que unha meirande centralización traerá consigo un maior benestar social.
Ah! O meu tío Lisardo está moi doído con algúns líderes galeguistas/nacionalistas que andan obsesionados porfiando quen a ten máis domeada cara esquerda, despois de ternos ensinado que o progreso do noso País –e das clases máis desfavorecidas- viría asociado a un maior grao de autogoberno.