Pedagoxía

Sosteñen no PSOE que deberán facer moita pedagoxía para explicar a sinatura do acordo contra o xihadismo co PP. Benvido sexa o esforzo pedagóxico aínda que resulte un pouco tardío. Logo de anos de predicar a sinxeleza de que todo aquel que chegase a algún consenso co PP en calquera comunidade ou concello ou era de dereitas ou matara a Bambi, non está claro de que se queixan cando os acusan do mesmo. En política tamén se recolle o que se sementa, aínda que moitos crean que non.

Non se pode ir á vez a polo voto moderado que quere acordos de Estado e a polo voto rompedor que quere ir á confrontación

A non ser que os socialistas lle chamen pedagoxía a dar por bo que exclusivamente eles poden pactar co PP, porque todos os demais carecen de sentido de Estado e están para dar tabaco, deberán aceptar que non se pode ir á vez a polo voto moderado que quere acordos de Estado e a polo voto rompedor que quere ir á confrontación. En política, como na vida, hai que elixir, aínda que moitos crean que non.

A min non me parece mal que se chegue a acordos. Non é nin bo, nin malo. Depende do contido do acordo. Tampouco teño nada en contra da nobre arte da fotografía política... De facerse ben. Este pacto non parece moi bo porque insiste nun diagnóstico do terrorismo que só serviu para levar por diante liberdade a cambio de menos seguridade. Pero, doutra banda, non vaia ser que pase algo e daquela o problema sexa explicar por que non se asinou.

Non se poden asinar pactos de Estado sen aceptar preguntas. A ver se nos vai entrando na cabeza

A fotografía é mala porque se entende fatal e custará explicalo mellor. Non se poden asinar pactos de Estado sen aceptar preguntas. A ver se nos vai entrando na cabeza. Nin a prensa nin a opinión pública son decorados.

Acusar o PSOE de abrir a porta á cadea perpetua parece un tanto excesivo. Sobre todo cando se fai desde medios que buscaron e lograron shares millonarios conectando en directo coas prisións de onde saían violadores e pederastas ao abeiro da doutrina Parot. A non ser que a cobertura fose para pór de manifesto o reconfortante que chega a ser a reinserción penal. Pero paréceme lembrar que non era precisamente para iso.

Facer pedagoxía pode ser discutir de maneira civilizada se en España se pode estar á vez da cadea perpetua e logo ir fozar na dor das vítimas cando os criminais saen de prisión

Facer pedagoxía ben podería significar discutir de maneira civilizada se, en España, se pode estar á vez en contra da cadea perpetua e logo indignarse e ir fozar na dor das vítimas cando os criminais saen de prisión. Chorar no cinema cos dramóns penais de Hollywood e indignarse en casa coa Xustiza cando nos serven a versión televisiva de El Caso.

Outra boa materia para a pedagoxía sería pornos de acordo en se realmente queremos que haxa entendemento entre as forzas políticas sobre temas que podamos considerar máis ou menos importantes. Os mesmos que acusan os políticos de mostrarse incapaces de negociar nada cando hai problemas de verdade ou cando andamos en ano electoral, chaman agora pardillo a Pedro Sánchez por darlle esa foto a Rajoy. É desconcertante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.