Pedro Sánchez copia da dereita extrema

CC-BY-SA Praza Pública

Pedro Sánchez esqueceu ben axiña que a afiliación do PSOE votou por el para superaren a o foxo onde os meterá a primeira alma do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, García-Page, Ybarra, Borrell, Susana Díaz et alter). As eleccións andaluzas do 2-D activaron todos os medos dos líderes territoriais socialistas. E tamén os de Sánchez-Castejón.

A solución para algúns baróns como os presidentes castelán-manchego García-Page ou o aragonés Lambán é asumir o discurso da dereita extrema tripolar de Casado, Rivera e Abascal, ilegalizando os partidos soberanistas. E Pedro Sánchez, no discurso perante o Congreso o 12-D e mantendo o Consello de Ministros do 21-D en Barcelona (xa non como elemento de achegamento, senón como elemento de imperio e provocación), asumiu grande parte deste relato.

Porén, o Presidente do Goberno do Estado non escoita o que ven de dicir R. Zapatero nun xornal madrileño da dereita españolista ”…os soberanistas cataláns non son golpistas”, “…animo Pedro Sánchez que siga a dialogar…”. e “Otegui foi unha persoa clave na fin da ETA”. ZP representa a segunda alma do PSOE, hoxe seica maioritaria na Galicia, Euskadi, Cantabria, Asturies ou Illes Balears, así como en amplos segmentos do PSC e do valenciano PSPV…

Non se decata Sánchez que este xiro cara á dereita españolista é extemporáneo. En grande parte da cidadanía xa prendeu o discurso dereitista tripolar de que lle debe o cargo a Unidos-Podemos, as súas confluencias catalá e galega e aos soberanistas. Mais tamén é desaquelada. Porque a xente escolle sempre antes o orixinal ca a copia. E porque o único espazo político baleiro na España central e meridional é a esquerda que tente explicar España en clave plurinacional, propoñendo solucións de gobernanza en rede e respectuosas con esa pluralidade, así como asumindo o principio democrático do dereito dos pobos a decidir o seu destino.
 

A arrincadeira. Segue a folga de fame da maioría dos presos políticos cataláns.

Seguen en folga de fame Jordi Sánchez, Jordi Turull, Josep Rull e Joaquim Forn. Mentres, o Tribunal Constitucional retén a decisión sobre a continuidade de cadansúas prisións preventivas, contra a normativa da Lei de Axuizamento Criminal que obriga decidir esta caste de cuestións no prazo máximo de 30 días naturais e impedindo mentres que recorran perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.