Á memoria de Evan Bingham Scofield (1987-2013)
Non, este non é un texto de glosa literaria do famoso romance do Xavier Alcalá.
Trátase simplesmente dunha reflexion máis prosaica e directa sobre a actual regulación do destino dos restos mortais humanos, unha vez que o defunto ou os seus causahabentes optan pola incineración en vez da outra alternativa legal válida, a inhumación en lugar autorizado.
(Aclaremos: a terceira alternativa, defendida nalgúns países como a única ecolóxica, a “natural burial” ou enterro directo dos cadáveres na terra, é ilegal no reino de España, e constitutivo de infraccion administrativa grave ou moi grave; só Andalucía permite que os concellos autoricen a inhumación directa en terra aos cidadáns de culto islámico, tal e como establece o Corán. A antropofaxia ou a alimentación animal con restos humanos tampouco é alternativa: constitúen actos penalmente perseguibles en virtude do artigo 526 do Código Penal.).
Non convén esquecer que, máis tarde ou cedo, a todos nos ha tocar sermos un deses 31.000 cidadáns que tiveron que afrontar a decisión persoalísima de como xestionar os seus restos mortais
O asunto merece atención, tanto pola relevancia económica do sector funerario (téñase en conta que de promedio, na Galiza morre cada ano arredor de 31.000 persoas) como pola importancia social que está a adquirir a incineración nos usos funerarios contemporáneos. Non convén esquecer tampouco que, máis tarde ou cedo, a todos nos ha tocar sermos un deses 31.000 cidadáns que tiveron que afrontar a decisión persoalísima de como xestionar os seus restos mortais.
Porén, a regulación da incineración segue a ser pouco coñecida, e quizá conveña difundir algunhas das súas carencias e problemas actuais. A isto adicaremos este artigo.
Primeiro, os problemas do hardware incineratorio.
Fronte a outras comunidades autonómas (por exemplo en Castilla León é obrigatoria a existencia dun crematorio público ou privado nos concellos de máis de 20.000 habitantes), a galega non recolle como servizo público local obrigatorio a existencia de crematorios.
Fronte a outras comunidades autónomas, a galega non recolle como servizo público local obrigatorio a existencia de crematorios
O Decreto 151/2014, que regula no noso país a sanidade mortuoria, establece apenas que os cemiterios de nova planta ou a ampliación dos existentes deben contar con forno crematorio. Mais, no resto, seguindo a liña liberalizadora da Directiva 2006/123/CE, máis coñecida como Bolkenstein, remite os trámites de instalación e apertura de crematorios de iniciativa privada aos concellos, mediante a técnica da comunicación previa.
Isto fai que a instalación e apertura de crematorios caian hoxe dentro da órbita regulatoria urbanística de cada concello. Deste xeito, a súa instalación, lonxe de someterse a unha planificación territorial supramunicipal, fica entregada á iniciativa privada empresarial, fundamentalmente ao potente sector de servizos funerarios, xa liberalizado no ano 1996. Unha radiografía deste sector no noso país (ben que do ano 2008) pode consultarse aquí.
Son os concellos, pois, os que poden establecer múltiples restricións tanto por motivos urbanísticos como ambientais, na medida en que os fornos crematorios constitúen unha actividade con evidentes repercusións no medio ambiente que merecen, por tanto, unha zonificación específica (clasificación de solo, distancias mínimas, etc.). Tal é a polémica que permanece hoxe viva en Pontevedra, que deu lugar xa a dúas sentenzas do TSXG (16 de novembro do 2017, e 20 de setembro do 2018), pendentes de casación perante o Tribunal Supremo. O efecto NIMBY (“Not in my backyard”), tan ao uso no noso país, encontra boa aplicación no caso dos crematorios.
Porén, o certo é que dentro das posibilidades que ofrece a lei, a incineración pode considerarse a forma socialmente óptima de xestión dos restos mortais, se se quer regular de maneira ambientalmente exixente os procesos de combustión.
- Do punto de vista sanitario, unha vez combustionados os cadáveres, as cinzas humanas son restos inertes do punto de vista sanitario, o que permite o seu depósito libre, sen necesidade de trámites autorizatorios ou dun control periódico de posibles riscos sanitarios.
- Do punto de vista da xestión do espazo, a conservacion ou depósito das cinzas demandan moito menos espazo físico e cero formigón. Isto ten moita relevancia na planificación dos nosos cimeterios, se consideramos que, a nivel global, conforme ás últimas proxeccións de poboación mundial da ONU, no ano 2100 agárdase que a poboación mundial ascenda a 11.184 millóns de persoas, fronte aos 7.550 do ano 2017.
Agora imos cos problemas do software incineratorio: a perspectiva cultural da práctica social da incineración na Galiza.
A cultura tradicional do rural galego leva a que as nosas xentes opten maioritariamente pola lenta putrefacción en nicho concesionado a longo prazo, sexa de titularidade municipal, sexa de titularidade eclesiástica
A cultura tradicional do rural galego –mesmo a incrustada nas zonas urbanas– leva a que as nosas xentes opten maioritariamente pola lenta putrefacción en nicho concesionado a longo prazo, sexa de titularidade municipal, sexa de titularidade eclesiástica. Pesan moito os usos cristiás de enterramento.
En especial, ten un especial arraigo, nesta planificación mortuoria, a disponibilidade dun nicho no noso cimeterio parroquial. Práctica que se converteu nun nicho –nunca mellor dito–de negocio redondo para a Igrexa Católica, grazas ás facilidades urbanísticas concedidas apartir do 2010 para a ampliación e regularización sanitaria dos cimeterios parroquiais. Un galego fetén quere o seu nicho propio na parroquia dos seus devanceiros, e por iso a propia Igrexa Católica contribúe a manter a sepultura como opción prioritaria para os seus fieis, mesmo recubríndoa dunha actualizada xustificación teolóxica, para manter o seu propio negocio.
Perante os desafíos da incineración, o 25 de outubro do 2016 presentouse na Santa Sé a instrución denominada Ad resurgendum cum Christo.
A norma, elaborada pola Congregación para a Doutrina da Fe, recomenda “vivamente que se conserve o piadoso costume de sepultar os corpos dos defuntos” (...) “enterrar é a forma máis idónea para expresar a fe e a esperanza na resurrección corporal”. Contodo, “Cando razóns de tipo hixiénico, económico ou social leven a optar pola cremación, ésta non debe ser contraria á vontade expresa ou razonablemente presunta do fiel defunto. A Igrexa non ve razóns doutrinais para evitar esta práctica, xa que a cremación do cadáver non toca a ialma e non lle impede á omnipotencia divina resucitar o corpo e polo tanto non contén a negación obxectiva da doutrina cristiá sobre a inmortalidade da alma e a resurrección do corpo”.
Gerhard Muller e o dominico Serge-Thomas Bonino no Vaticano, durante a presentación do documento sobre cremación e enterramentos
Roma teno claro, impíos. Nada de paganismos naturistas! Como era de agardar, achegan as cinzas ás súas sardiñas. Just business...
Ora ben, na presentación da Instrución, o Cardenal Gerhard Müller insistiu en que “Se por razóns lexítimas se optar pola cremación do cadáver, as cinzas do defunto, por regra xeral, deben mantenerse nun lugar sagrado, isto é, no cimeterio, ou de ser o caso, nunha igrexa ou nunha área especialmente adicada a tal fin. Non está permitida a conservación das cinzas no fogar. Só nos casos de graves e excepcionais circunstancias, o Ordinario, dacordo coa Conferencia Episcopal ou co Sínodo dos Bispos, pode conceder o permiso para conservar as cinzas no fogar. Para evitar calquer malentendido panteísta, naturalista ou nihilista, non se permite a dispersión das cinzas ao ar, na terra ou na auga ou de calquera outro xeito, ou a conversión das cinzas incineradas en recordos conmemorativos”.
Roma teno claro, impíos. Nada de paganismos naturistas! Como era de agardar, achegan as cinzas ás súas sardiñas. Just business...
En cambio, as normas seculares que pautan a incineración son ben máis abertas. Na Italia, por exemplo, está en vigor a Lei nº 130, sobre cremación e esparexemento das cinzas, do 30 de marzo do 2001, cunha detallada regulación destes aspectos. No noso caso, a norma de referencia non é unha lei, senón o artigo 23 do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia, que introduce as dúas seguintes regras referentes ao tempo da cremación e ao depósito das cinzas:
- A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, con excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
- As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas para o efecto, no exterior das cales figurará obrigatoriamente o nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes.
A norma galega é aberta co destino final das cinzas. Mesmo permite esbardallar as cinzas sempre que se faga de maneira compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes
Como pode observarse, a norma galega é aberta co destino final das cinzas. Mesmo permite esbardallar as cinzas sempre que se faga de maneira compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes. Máis explícitamente, o artigo 16 do Decreto valenciano de policía sanitaria mortuoria de 2005 establece que “El transporte de las urnas de cenizas, o su depósito posterior, no están sujetos a ninguna exigencia de tipo sanitario, pudiendo ser depositadas en lugar habilitado al efecto en los cementerios o esparcidas al aire libre, con excepción de las vías públicas y demás lugares donde exista una restricción específica”.
En todo caso, esta apertura permite que cada persoa adapte o destino das súas cinzas conforme ás súas propias preferencias conmemorativas: conservando unha parte nun cimeterio, outra na casa, outra destinándoa a abonar un carballo, outra un pé de tomates, outra a enviálas ao espazo exterior na procura da eternidade orbital...Ou facer como Evan Scofield, o fillo do famoso guitarrista de jazz John Scofield: morto á idade de 26 anos por mor dun sarcoma, deixou como última vontade o desexo de que as súas cinzas fosen esparexidas en certos lugares que visitou durante a súa curta existencia.
Un deses lugares foi o faro de Fisterra, onde Evan rematou o Camiño de Santiago no ano 2009.