Pepiño de Teis: O estratega que ocupou a realidade

Xosé González © Galeguizar Galicia

A historia de Xosé González Martínez non se escribe coa tinta da submisión, senón co suor do compañeirismo de trincheira. Non foi Pepe home de medrar á sombra de ningunha árbore sagrada; máis ben foi el quen axudou a plantar o bosque canda tipos da talla de Moncho Reboiras, Abelardo Collazo ou Waldino Varela

A historia de Xosé González Martínez (Vigo, 1950) non se escribe coa tinta da submisión, senón co suor do compañeirismo de trincheira. Non foi Pepe home de medrar á sombra de ningunha árbore sagrada; máis ben foi el quen axudou a plantar o bosque canda tipos da talla de Moncho Reboiras, Abelardo Collazo ou Waldino Varela. Ese sentimento de ser de aquí, tan fondo como unha carballeira, callou baixo o maxisterio do cura Xaime Seixas. Din que como o rapaz que era en Teis (o eterno Pepiño) botou unha man na primeira misa en galego, pero axiña comprendeu que, para salvar a alma do país, o rito quedaba curto: había que ocupar a rúa.

 

 

 

O crisol de Vigo: Onde o galeguismo deixou de ser un verso solto

Mentres outros se perdían nun culturalismo de "baixa intensidade", a Asociación Cultural de Vigo, da que era Secretario, converteuse nunha sorte de lareira socrática onde se refundou a UPG. Pepe non só levaba as actas, senón que tecía a rede que sostiña a resistencia. Grazas a esa efervescencia, as folgas de 1972 en Vigo non foron só un berro de fame e dignidade, senón unha labazada de ideoloxía nacionalista que as diferenciou das de Ferrol. Dese asubío constante naceron fitos que hoxe parecen lenda; dende o programa "Raíz e Tempo, que facía que a xente pegase a orella á radio para escoitar a súa propia verdade, ata a creación de COGALCO, esa cooperativa que demostrou que a barriga do obreiro tamén se defende con organización. E por se fose pouco (en pleno Proceso de Burgos) Pepe e os seus montaron o Festival de Decembro de 1970, un desafío en toda regra ao réxime, mentres o país miraba de esguello o secuestro do cónsul Beihl por ETA.

 

Entre estrelas vermellas e estratexias de areal

A Pepe prácenlle pouco as recreacións memorialistas con cheiro a naftalina. Cando se fala de como se integrou Galicia Socialista, el sorrí con esa retranca de quen sabe o que pasou, pois non houbo despachos con alfombras senón que a cousa resolveuse na praia de Cabanas (baixo a ponte de Rande), onde Pepe presentou a dous compañeiros como "avogados do partido" para que a negociación tivese un aquel de solemnidade. No que respecta á simboloxía, e fronte á Lei de Símbolos de 1984 que legalizaba o brasón azul con sete cruces, Pepe reclama a paternidade da estrela vermella na nosa bandeira.

Dende o seu modesto despacho mpulsou a primeira sentenza en galego en catro séculos, e creou os primeiros cursos para que o funcionariado deixase de lle ter medo ao idioma propio

Malia existir precedentes históricos, como a estrela verde de papel incautada ao Partido Galeguista en 1934, ou o deseño de Castelao de 1937 cunha serea e unha fouce, ou incluso actos anecdóticos (como a bandeira amosada fugazmente na Porta do Sol de Vigo no 1º de Maio de 1970), a incorporación definitiva da estrela vermella foi unha decisión persoal que tomou en solitario a comezos de novembro de 1975. Aproveitando un correo que ía a Porto para entregar encomendas, deseñou a novidade da estrela sobre a franxa azul e (ao pouco tempo) xa circulaba unha quincallada de mecheiros e insignias que desembocou na súa aparición en formato grande en Monforte en febreiro de 1976. Naquela altura tamén propuxo crear un himno (encargado a Antón Seoane) que chegou a ser gravado e cantado en moitas concentracións antes de que a dirección política que o sucedeu decidise substituílo pola "Marcha do Antigo Reino de Galicia".

 

A Transición a paus e a fuga pola porta grande

A Transición tivo para Pepe pouco de modélica e moito de calabozo. En agosto do 75 (mentres uns buscaban o aire de Portugal) el quedou no interior para acabar sufrindo un simulacro de "paseo" por Alcabre e vinte días á sombra. Ao saír (a hospitalidade policial foi tal que o detiveron na mesma porta do cárcere para metelo tres días nun chabolo sen aire) tentando que o abafamento o dobrase. Non contaban coa decencia do xuíz Luís Manuel Amador Moreiras quen, ao ver o seu estado calamitoso e instado polo seu avogado Nemesio Barxa, propiciou que o preso marchase. Así, cunha orde de busca e captura que dicía que o reo simplemente "abriu a porta e fuxiu" mentres declaraba, Pepe pasou anos nun exilio interior que as hemerotecas oficiais tenden convenientemente a esquecer.

Redondela: A revolución silenciosa do facer

Pepe entende que Galicia non é só unha paisaxe, senón un armazón social e por iso, (lonxe dos focos) teceu unha rede civil que abarca dende a Irmandade Xurídica, ou a Sanitaria, ata a recuperación do Couto Mixto e o Foro Enrique Peinador. Para el a lingua non se normaliza só nos libros, senón tamén na consulta do médico e nos planos do enxeñeiro

Expulsado da UPG en 1976 porque a ortodoxia buscaba soldados e non mentes libres (nun contexto onde o Consello das Forzas Políticas Galegas se opoñía á restauración do Estatuto de 1936 por consideralo inadecuado), Pepe recalou en Redondela como funcionario. Alí iniciou unha transformación que non precisou de grandes proclamas, senón de moita man esquerda e teimosía.

Dende o seu modesto despacho suxeriu ao Concello levantar o monumento de seis metros a Castelao, convencendo ao mestre canteiro Soliño para que picase en pedra o nome de "Casa do Concello", a primeira de Galicia en facelo, impulsou a primeira sentenza en galego en catro séculos, e creou os primeiros cursos para que o funcionariado deixase de lle ter medo ao idioma propio. Na vila dos viadutos inventou a asociación Alén Nós, proxecto que perdura pero que esqueceu ao seu fundador, e recuperou ritos que durmían na memoria da terra (como a Festa dos Fachos no monte da Peneda). Baixo o seu impulso naceron campañas como a das "Mil festas máis para a lingua galega", ou o Premio Blanco Amor, logrando que se salvaran arquivos como o do penal de San Simón (desgraciadamente aínda sen acceso para os investigadores) e conservatorios condenados ao silencio, multiplicando a forza dos Maios ata facelos estoupar de vida.

 

Unha débeda pendente co abre-camiños

Malia a Medalla Castelao (2005) e o Premio da Cultura Galega (2023) queda aínda un recoñecemento que a historia lle debe. O nacionalismo galego, hoxe, que pasaron moitos anos de vellas querelas e onde figuras como Beiras recoñecen en "Retratos en fite" o seu papel crucial nas Bases Constitucionais de 1976, debera outorgarlle o lugar que merece na súa propia memoria

Pepe entende que Galicia non é só unha paisaxe, senón un armazón social e por iso, (lonxe dos focos) teceu unha rede civil que abarca dende a Irmandade Xurídica, ou a Sanitaria, ata a recuperación do Couto Mixto e o Foro Enrique Peinador. Para el a lingua non se normaliza só nos libros, senón tamén na consulta do médico e nos planos do enxeñeiro.

Malia a Medalla Castelao (2005) e o Premio da Cultura Galega (2023) queda aínda un recoñecemento que a historia lle debe. O nacionalismo galego, hoxe, que pasaron moitos anos de vellas querelas e onde figuras como Beiras recoñecen en "Retratos en fite" o seu papel crucial nas Bases Constitucionais de 1976, debera outorgarlle o lugar que merece na súa propia memoria. Porque Pepe foi o home que se atreveu a abrir paso por onde non había máis que silvas, o estratega que ensinou que para facer país hai que saber manexar o cicel tanto como a idea. É un dos imprescindibles que, como diría Brecht, loitan toda a vida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.