Xogo deliberado no título con dúas publicacións. A primeira, de Nadia Urbinati, Pocos o muchos. El conflicto político en el siglo XXI (Katz, 2023; orixinal italiano do 2020); a segunda, de Stéphanie Roza, ¿La izquierda contra la Ilustración? (Laetoli, 2023; orixinal francés do 2020)
Xogo deliberado no título con dúas publicacións coas que dialogamos neste tempo de guerras, de mortes, de violencia sen control, de ascenso imparable do descontento social que, amparado pola inútil realidade de acción dunha esquerda obreirista e anticapitalista, se parapeta, de xeito errado, preto de ideas de extrema dereita como aconteceu en Italia, con Meloni, por moito que a maquillen os seus amigos da UE. Esas dúas publicacións son recentes: a primeira, de Nadia Urbinati, Pocos o muchos. El conflicto político en el siglo XXI (Katz, 2023; orixinal italiano do 2020); a segunda, de Stéphanie Roza, ¿La izquierda contra la Ilustración? (Laetoli, 2023; orixinal francés do 2020).
As dúas estudosas teñen o acerto de non calar a incomodidade, de reflexionar mesmo a contracorrente das liñas do pensamento dominante tanto na (suposta) esquerda como na dereita. E pensamos que con acerto.
Comezaremos por algunha das principais ideas expostas por Nadia Urbinati. E farémolo coa política contra as pensións levada a cabo por Macron contra a vontade de toda a sociedade francesa e que, como describe moi ben Urbinati, “acaba con lo que queda del estado de bienestar como espacio común, dando al “estado de bienestar del siglo XXI” una forma desequilibrada en la que las personas no participan todas juntas y en proporción a sus ingresos, sino en función de su necesidad de asistencia pública” (p. 12). Pleno acerto para un tempo en que os dereitos se volven realidades caprichosas cando non caritativas e non garantías constitucionais.
Sobre o medo estrutúranse as relacións entre os interlocutores sociais na época do fin dos conflitos de clase e da política de mediación. Esta incapacidade para nomear o conflito político ten graves consecuencias para a saúde da democracia pois “deja poco espacio para el discurso, la deliberación, la mediación y el conflicto” (pp. 26-27). Só temos que ver como esa axitación do medo forma parte dos intentos de formar goberno no estado español.
A democracia controlada polo sistema capitalista non pode ser nunca unha democracia inclusiva, nin participativa e menos aínda permitirá nunca o socialismo e todos os seus principios reitores...esquecidos até polos que levan ese termo na súa sigla...nin sequera a famosa redistribución da riqueza, tantas veces mencionada para apelar á igualdade entre todas as persoas
Os poucos son os que esfarelan as esperanzas dos moitos. A maioría social non conta para case nada nesta permanente festa electoralista. Como di Nadia Urbinati a maioría social defínese polas súas necesidades básicas insatisfeitas e a fatiga cotiá de vivir. Escoiten senón os debates do Parlamento de Galicia deste 9 de outubro de 2023 e vexan cantas mensaxes falaron por esa maioría social á que pretenden engaiolar para as redes electorais. Pero despois....que queda diso ante os desexos dos que axitan os cordellos das institucións que nos achegan o diñeiro que (supostamente) non temos?
A distancia que separa a eses poucos (oligarquía, elite política) dos moitos é cada vez máis grande; así, os segundos xa non ven como fiables a eses poucos para representalos e, xa que logo, non confían na política como “reflexión, la construcción de alternativas de futuro, la mediación, el compromiso y la negociación, que han sido las condiciones del conflicto político tradicional” (p. 34). Ademais, quen controla o xogo fai e desfai as promesas como lle convén...porque non temen o conflito. Certísimo. Tan certo como o é que a desaparición da palabra “conflito” do noso vocabulario político crúzase coa transformación da democracia -da que xa nos advertiu Rainer Mausfeld e da que xa falamos noutro momento: da democracia de partidos, que pretendía en principio facer partícipes ou dar voz aos moitos e aos poucos, pasamos a unha ilusión de democracia en que a elite “se atrinchera en el Estado, separándose de los ciudadanos, que son ahora un cuerpo externo que hay que controlar, conquistar y embaucar” (p. 46).
A democracia controlada polo sistema capitalista non pode ser nunca unha democracia inclusiva, nin participativa e menos aínda permitirá nunca o socialismo e todos os seus principios reitores...esquecidos até polos que levan ese termo na súa sigla...nin sequera a famosa redistribución da riqueza, tantas veces mencionada para apelar á igualdade entre todas as persoas. Só temos que pensar na progresividade fiscal. A propia Urbinati indígnase pensando no que acontece en Italia: ese principio é “violado y olvidado” (p. 64). E así temos unha cidadanía que non conta, infeliz e moi descontenta e outra que vive por riba das marxes de toda norma. As democracias capitalistas máis sólidas teñen elevados índices de abstención política “y no tienen partidos políticos que estén muy alejados en sus ofertas” (p. 93).
Compartimos con Roza o acerto de ver na Ilustración un movemento plural, lonxe de ser unívoco, fracturado por liñas de pensamento mesmo contraditorias
De xeito complementario, esta degradación da democracia e das garantías de dereitos constitucionais acompáñase dunha correspondencia no eido da bagaxe ideolóxica da esquerda para afrontar os retos deste capitalismo neoliberal e hiperdixital. Este sendeiro introdúcenos á segunda obra.
Stéphanie Roza lévanos por unha interesante e necesaria viaxe conceptual e terminolóxica sobre o xiro antiilustrado (e posmodernista) de boa parte daqueles que se autodenominan ‘de esquerdas’. Todo comeza cunha hostilidade agresiva contra a idea de universalismo, racionalismo e avance da Ilustración: “¿Cómo explicar esta creciente hostilidad hacia el universalismo, el racionalismo y el progresismo de la Ilustración en un campo, el de la izquierda o más bien de las izquierdas, que supuestamente aspira a la emancipación humana en general?” (p. 13).
Tendencias antirracionalistas que proveñen dos esquemas de pensamento relativistas do posmodernismo que derivan mesmo nunha negación da ciencia e nunha especie de ‘transhumanismo’ inentendible para quen sexa realmente dialéctico, racional e de esquerdas
O libro analiza as razóns e as figuras principais que causaron a deriva anti-ilustrada. Compartimos con Roza o acerto de ver na Ilustración un movemento plural, lonxe de ser unívoco, fracturado por liñas de pensamento mesmo contraditorias. No entanto, como nos recorda ‘ilustrar’ posúe o significado de ‘éclairer’ en francés, que no século XVIII ten o sentido preciso de “loitar contra os prexuízos, é dicir, exercer a crítica” (p. 16). E a superación das eivas debe darse a través dese pensamento crítico, de ‘mellorar’, de colmar os baleiros, en definitiva mediante o (esquecido) exercicio da dialéctica. Moi a pesar noso, a esquerda volveuse un magma de modas importadas nunha viaxe de ida e volta distorsionada (Europa → EE.-UU → Europa) das ideas de Foucault, de Deleuze, de Derrida, de Heidegger e tantos outros intelectuais.
Tendencias antirracionalistas que proveñen dos esquemas de pensamento relativistas do posmodernismo que derivan mesmo nunha negación da ciencia e nunha especie de ‘transhumanismo’ inentendible para quen sexa realmente dialéctico, racional e de esquerdas.
Os intelectuais deixáronse levar polas teses de Theodor Adorno e Max Horkheimer (Dialéctica da Ilustración) que xermolaron no tempo do Holocausto nazi, en 1944 -con revisión no 1947- e iso cómpre telo en conta para comprender a súa crítica e sospeita sobre a actividade científica. Por iso...deben darse as súas constantes sempre en relación co contexto en que se crea dita crítica. Así, entenderíamos que falar de ‘alienación’ para coa idea ilustrada é porque a colocan baixo a imaxe do dominio nazi. E, non obstante, nese propio contexto, Adorno e Horkeimer non someten a crítica a irracionalidade da mística nacionalista dos nazis e o odio que lle tiñan á Revolución Francesa e á Ilustración. Desde esta óptica de actos incomprensibles (“tema de insondable de perplejidad”, p. 31) cabería colocar criticamente a obra e pensamento de Heidegger -cómpre ler os seus Cadernos Negros (notas elaboradas entre 1931 e 1941, dadas a coñecer na edición do 2014) para situar ben as ambigüidades propias da súa linguaxe filosófica e a súa connivencia filonazi- que foi ‘lavado’ a conciencia na acollida que a intelectualidade francesa (Sartre, Derrida, Axelos, Merleau-Ponty, Agamben e Badiou) realizou da súa obra e figura. O odio que profesa cara a razón é ben evidente.
Importante e recomendable a análise que fai a autora da importancia de Foucault nesta teima anti-ilustrada e contra a razón que nos faría dubidar de se, en realidade, o seu pensamento é de esquerdas
Importante e recomendable a análise que fai a autora da importancia de Foucault nesta teima anti-ilustrada e contra a razón (pp. 35-54) que nos faría dubidar de se, en realidade, o seu pensamento é de esquerdas. Igualmente, necesaria a lectura da crítica que constrúe sobre o antirracismo e o antiimperialismo desde 1970 até hoxe (pp. 79-127). Por estas páxinas desfilan o feminismo ‘interseccional’ e ‘identitario’ (a través do traballo de 1991 da xurista Kimberlé Crenshaw) que realiza unha relectura ‘á carta’ e contra o ‘feminismo branco’ atacando só a cor e prescindindo da condición de clase (desfavorecida). Anota Roza que “desde un punto de vista universalista, el potencial emancipador de la separación étnica y de las identidades comunitarias, sean negra, blanca, judía, musulmana u otra, es más que dudoso” (p. 86). No mesmo sendeiro transitan algunhas teses sobre o feminismo ‘islámico’, ou o ‘feminismo descolonial, de bases teóricas, afirma Roza, moi pobres e nulo poder emancipatorio (p. 89). Como contrapunto a ese discurso achega unha perspectiva dialéctica sobre o discurso dado por Ho Chi Minh en Hanói o 2 de setembro de 1945 que, sen negar a necesidade de liberar Vietnam, faino apelando a un ideal de emancipación universalista. Como afirma, quizais con ironía Roza, “tal vez el ejemplo de Vietnam resulte demasiado estalinista para el gusto del lector. A pesar de la evidente cara sombría de un régimen de partido único presto a la represión de los opositores (...), permitió lograr la independencia política de Vietnam sobre la tremenda agresividad de los imperialismos francés y norteamericano” (p. 97). A autora cuestiona a consistencia teórica, investigadora e metodolóxica dos chamados estudos poscoloniais.
Coincidimos con Stéphanie Roza cando di que desde a década de 1980, “y a escala mundial, e retroceso político e ideológico de las izquierdas intensifica la atracción por la búsqueda de vías teóricas alternativas al mundo clásico, producto este del legado de la Ilustración”
Coincidimos con Stéphanie Roza cando di que desde a década de 1980, “y a escala mundial, e retroceso político e ideológico de las izquierdas intensifica la atracción por la búsqueda de vías teóricas alternativas al mundo clásico, producto este del legado de la Ilustración” (p. 105). Anos, non esquezamos, dominados polo capitalismo neoliberal, que propugna o éxito do hiperindividualismo, ben acompañado pola dixitalización da vida e das relacións...o posmodernismo, a irracionalidade, o esencialismo identitario, todo se explica moi ben se consideramos o pano neoliberal.
En fin, libros ben interesantes que nos permiten coñecer as debilidades do pensamento das perdidas esquerdas de hoxe. Para outro artigo deixamos o tratamento dos Dereitos Humanos por parte deste pensamento relativista.