Disque este ano as festas de verán non van ser tales festas. Unha pensa que xa hai moito que non hai festa ningunha, por moito que algúns digan que seguemos a facer o que facíamos antes: saír de viños, rir nas rúas, andar a pensar nas cousas do mes que vén, sabendo iso si, que o calendario vai para adiante. Eu sempre respondo que nunca contamos coa invisibilidade. Os que antes o facían e agora non. Os que deixaron a silueta, previa á crise, nas terrazas, nas tendas de antes, na vida de antes.
Unha pensa que xa hai moito que non hai festa ningunha, por moito que algúns digan que seguemos a facer o que facíamos antes: saír de viños, rir nas rúas, andar a pensar nas cousas do mes que vén
Hai días que penso que vou atopar non un xigantesco campo de batalla senón un xigantesco campo de algo similar a unha boa resaca: sombreiriños de festa de aniversario pisados e enrugados con marcas de barro, confeti estragado, carteis de “parabéns” rotos e colgando dos farois ou dalgunha árbore. A mesma tristura das áreas de servizo abandonadas, dos parques temáticos sen rematar.
E a inmensa sensación de que estiveches en algo do que non te decataras, que todo o mundo o estaba a pasar xenial menos ti. Que mentres algúns paraísos andaban a construírse, ti, ó mellor, andabas nas patacas, literal ou metaforicamente. De que non participaches, pero que agora tes que axudar a carretar lixo, a reparar os actos dalgúns vandalismos, e aínda por riba sen entender moi ben todas as linguas artificiais nas que falan bonecos artificiais.
Eu, en realidade, quería falar, non tanto de indignación como da real capacidade de reacción
Pero eu, en realidade, quería falar, non tanto de indignación como da real capacidade de reacción. Unha pensa que o que andamos a facer é un xeito estilizado de performance. Coa escusa, moitas veces, da intelixibilidade das novas en calquera medio o inconformismo é a golpe de click. Vivimos nunha especie de Día da Marmota ou nunha volta ás peores das épocas. Din que estamos xa instalados no peor dos anos trinta, pero non falamos precisamente de hedonismo vintage e cabareteiro. Volvemos comezar desde cero, só que agora coas necesidades de consumo creadas e os vellos dereitos perdidos e caducados, piando doutro tipo de fame.
Volvemos comezar desde cero, só que agora coas necesidades de consumo creadas e os vellos dereitos perdidos e caducados, piando doutro tipo de fame
Unha performance se desenvolve e logo desaparece, nada máis. E quizais é o que ten de fermoso: ese xeito efémero de brillar por uns intres e logo ser un post-it plantado na memoria. Ogallá que todos os empurróns que andamos a dar cegamente non queden nesa anécdota. Que a solidariedade que deberíamos todos traballar viñera para quedarse, con receitas de auténtica humanidade e de ollos abertos. Non só cuestións puntuais. Que se somos cidadáns “recortados”, amosemos os buratos dos petos, eses que deixan ver a dignidade, máis aló do medo e o cabreo. E que se nos escoite, e non de lonxe.