Castelao deixou dito que se un día chegamos a emitir papel moeda, a figura dunha vaca sería xusta representación e símbolo do noso xeito de vida. E porén, no país onde as vacas foron animal totémico e case un membro máis da familia, hai quen se está esquecendo de darlles limpeza, mantenza e respecto. En fin, xa o cantou Dylan: a xente toleou e os tempos son estraños.
Sabido é que abril é un mes cruel, pero máis alá da primeira indignación, teño a necesidade de pensar que detrás deste abandono dos animais ten que haber unha alienación mental transitoria, algo externo que exclúa a ruindade e a miseria premeditada do crime. Que paisano galego deixa morrer de inanición o seu gando, ollándoo ata que cae esfameado ou cheo de feridas entre os propios excrementos? Pódense escoitar ben lonxe os seus brúos e os pescozos en chagas sacudindo as cadeas. E pódense ver e cheirar os seus cadáveres estabulados. Os seus corpos censados. Vacinados. Noutrora xenerosos cos froitos do seu ventre. Que afastados quedan hoxe a mansedume honesta e o seu vizo. Doe velos caer a un chan putrefacto, probablemente con sorpresa nos seus ollos cheos de abismos, e sen rancor, pois non son animais de grandes hostilidades.
E así, mentres as vacas agardaban con fame e dores que non lles correspondían, a que viñese Godot dunha puta vez cunhas pacas de herba seca, apareceu, tarde, moi tarde, demasiado tarde, o Seprona ( Servizo de Protección á Natureza). Non acabou o conto.
Antes, a riqueza dunha casa de labranza medíase polas cabezas de gando. Despois, tivemos que ver no noso país a ironía e o paradoxo da cota láctea: producían de máis. Sobraban. Tras o que vimos nestes días, digo que se entrase unha manda de lobos e esfolara corenta vacas nunha explotación gandeira non quedariamos tan arrepiados. Porca terra. Berger escribiría un relato profundo coa granxa de Axulfe ou con outras que nos avisan, ( abril outra vez!) van saír nos medios. Podía escribilo sen poesía. Os personaxes serían fantasmas errantes, ao xeito de Comala. Non sei que protagonistas tería o conto, serían desleixados, incompetentes, abandonados e tipos sen raizames, pero xa non seriamos Nós.
Que o sector estea en crise non xustifica tal escenario de horror. É insuficiente. Ten que haber outros mecanismos de protesta e xestión. De haber outra razón, fóra da crise individual illada, non contaría co apoio social. Disque prognostican que imos ver máis. Non desexo pensar en estratexias colectivas do sector para chamar a atención. Mal negocio. A rota da decrepitude. Non sei se somos iso que sae estes días na foto, pero miro a meus pais e teño claro que non o eramos.