Evidentemente, non é para tirar foguetes porque, a fin de contas, nada mudou. Pero o pasado Día do Libro, o hastag #EnGalegoLeo que botamos a andar entre a CRTVG, GÁLIX e a AELG, foi, durante uns minutiños da mañá, Trending Topic, é dicir, un dos asuntos dos que máis se falaba no twitter. A cousa ten mérito se pensades que ese mesmo día xogaban o Real Madrid e o Bayern de Munich e que, dende primeira hora, case que todos os temas que destacaban na rede social do paxariño, tiñan que ver co partido de fútbol (e aínda menos mal, porque polo xeral os temas que son TT teñen que ver con Belén Esteban ou algún reality da tele). E ten mérito, tamén, porque o twitter mide as conversas no conxunto do estado español, e aquí eramos só os galegos -e algún que outro lector ou lectora cómplice de por aí- a chiar coma tolos contra o resto da xeografía española. Mais aínda así conseguiuse. Pedíramoslle a todo o mundo que concentrase os seus esforzos entre as doce e as dúas da tarde para así ter máis posibilidades. E a xente respondeu. Eu fixen o meu chamamento no meu facebook e máis de cen persoas divulgaron a chamada, o que demostra que, cando se quere, aínda que sexa no mundo virtual (non che somos tan amigos de nos xuntar no mundo físico) e a causa é boa (sacar peito coa literatura galega), as cousas saen ben.
O sistema literario, editorial, libreiro, bibliotecario está igual (de mal) que antes e semella que así seguirá estando
Insisto: deunos unha alegría, rimos moito, pasámolo ben, sacamos peito....pero en realidade nada mudou. Conseguimos un día de visibilidade, si. Demostramos que somos moitos e moitas os que temos interese pola literatura galega, si. Pero o certo é que por moitos TT que consigamos, o sistema literario, editorial, libreiro, bibliotecario, en definitiva, o mundo todo que rodea a industria do libro, incluídas as posibilidades (nulas) dos escritores e escritoras de vivir do noso traballo, está igual (de mal) que antes e semella que así seguirá estando.
Os produtos culturais en galego siguen tendo moitísimos problemas para ser aceptados pola meirande parte da xente do país
Rachar con esa tendencia é o gran reto que nos espera e o que temos que asumir se queremos seguir vivos, xa non só como profesionais do libro senón tamén como galegas e galegos. Polo que sexa (en fin, sabemos ben polo que é, levamos séculos sabéndoo) os produtos culturais en galego siguen tendo moitísimos problemas para ser aceptados pola meirande parte da xente do país. Díxeno moitas veces e sei que sempre é politicamente incorrecto dicilo (a última, nunha entrevista aquí mesmo publicada por Alberto Ramos): non temos un país detrás que nos sustente.
No Sant Jordi, nese día no que fomos Trending Topic, os libreiros cataláns venderon millón e medio de volumes, moitísimos deles (moitísimos euros) en catalán
No Sant Jordi, nese día no que fomos Trending Topic, os libreiros cataláns venderon millón e medio de volumes, moitísimos deles (moitísimos euros) en catalán. Unha cifra, dende logo, a anos luz do que nós podemos maxinar. E cando falamos do libro falamos do cinema. Eles, cando estrean unha superprodución americana, a industria do cine cóidase moito de lles ofrecer tamén unhas cantas copias en catalán. E as salas énchense tamén. Aquí, xa non se ofrecen. E non porque a Xunta de Galicia non apoie a dobraxe, que tamén, das películas novas para o cine. É triste pero hai que dicilo así aínda que nos doa: aínda que se puxesen en varias salas de cada cidade as películas tamén dobradas ao galego, a meirande parte da xente ía seguir entrando a ver ao Spiderman na versión en castelán.
Así que está xenial iso de ser Trending Topic.
Pero mentres non teñamos un país detrás que nos sustente, que consuma cultura en galego, en realidade, non temos nada.