Pikachu era toureiro

A recente emisión do capítulo dunha coñecida serie de comedia onde se fan certos chistes ao redor do entramado taurino ergueu os odios dos que reclaman incesantemente unha “Liberdade de Expresión” unidireccional. Insultos e ameazas cara os traballadores por un contido de ficción só por cuestionar as touradas e a súa pervivencia. Comentarios despectivos que sen embargo non se aplican cando adoutrinan aos rapaces na violencia da tauromaquia, que por certo xa é cuestionada abertamente polas Nacións Unidas a través do seu Comité dos Dereitos do Neno.

A organización de festexos taurinos sempre é un negocio rendible cando haxa cartos públicos polo medio, como o caso dos empresarios de Sarria, Padrón e Muíños

Esta reacción fascistoide lembra os movementos protouradas que teñen lugar nalgunhas vilas galegas durante o último ano. A organización de festexos taurinos sempre é un negocio rendible cando haxa cartos públicos polo medio, como o caso dos empresarios de Sarria, Padrón e Muíños, que perciben inxentes emolumentos para organizar e, cando xorden as perdas, son as arcas municipais as que asumen o deficitaria xestión privada.

O caso A Coruña xa é máis paradigmático de como xestionar unha feira taurina. A empresa concesionaria, ben avalada polo Concello na súa adxudicación, deixa varias facturas a deber a pemes da cidade dos eidos da restauración e o aloxamento. Mesmo non paga os touros que se torturaron, segundo denuncian de xeito airado algún gandeiros nas redes sociais. Isto é a realidade da tauromaquia. E non me esquezo deses pseudoestudos que falaban das bondades económicas da feira. Gostaría coñecer a opinión destes economistas? Agora. Todo nos leva a unha dependencia constante e absoluta dos nosos impostos, e cando non chegan como quixeran os promotores, apostan pola morosidade voluntaria e que lles fodan aos demais.

Non resulta de recibo que unha concelleira de Cultura, neste caso, ignore o que sucede ao seu redor, como as conversas onde se pactaban, aínda presuntamente, facturas falsas para inflar os custos de traballos da feira taurina

E mentres suceden os impagos e se suceden as imputacións locais resulta que dende a área responsable da concesión tauromáquica non se ofrece ningunha explicación á cidadanía. Nun país realmente desenvolvido no eido democrático, cunha verdadeira base de participación cidadá, este silencio sería a premonición dun despedimento popular posto que non resulta de recibo que unha concelleira de Cultura, neste caso, ignore o que sucede ao seu redor, como as conversas onde se pactaban, aínda presuntamente, facturas falsas para inflar os custos de traballos da feira taurina ou como Vendex resultaba o “rapaz dos recados” e ata mercaba a área que mancharían de sangue os animais torturados ante a fixa mirada dos unicelulares, aqueles que falabamos da liberade de expresión de dirección única.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.