"Vitoria, irmáns, non vos esquecemos!”
"Ante la violación, relájate y disfruta”
Din que a Historia é cíclica; incluso, desde Einstein, tamén se di que o Tempo é cíclico. Tal vez. O que sen dúbida un pode comprobar é que si son cíclicas certas preocupacións e certos sucesos na sociedade, como algúns que afectan á xente nova, aos traballadores ou ás mulleres.
Sería polo ano 1977. Eu era un mozo estudante en Compostela -pero aínda non universitario- e ao recorrer Santiago, observaba con certa desatención algunhas pintadas que ocupaban as blancas paredes dalgúns edificios. Cando paseabamos con calma pola Ferradura e tíñamos tempo de achegármonos ao Campus (o único existente, pois non había "Campus Sur”, nin tampouco "Campus Norte”, ocupado case en exclusiva, ademáis de pola facultade de Económicas, pola República Revolucionaria do Burgo), pasaba ao lado da facultade de Farmacia. Alí, nun lateral había unha pintada que duraría tempo:
"Vitoria, irmáns, non vos esquecemos”
Facía referencia aos sucesos de marzo de 1976 en Vitoria, cando a Policia Armada franquista, con Martín Villa e Fraga Iribarne polo medio, mata a 5 obreiros -dous deles menores de idade!- que participaban nunha folga. Ademáis da protesta en sí polo crime, a pintada era un guiño aos estudantes vascos de Farmacia, daquela moi numerosos, pois todo o norte peninsular (Asturias, Santander, León...) tiña asignada a Facultade de Farmacia de Santiago como centro de referencia. Uns douscentos rapaces do País Vasco, que nun ERASMUS peninsular precoz enriquecían a sociedade compostelá, en especial cando con boinas, blusóns e largóns bastóns, o día de Santa Águeda, por febreiro, polo Carnaval, recorrían as rúas en cuadrillas e golpeaban o chan das rúas ao unísino, ao tempo que cantaban cancións tradicionais.
Hoxe volvin lembrar esa pintada de novo, ante a noticia de que a xuiza arxentina María Servini o pasado xoves, 17, pedía explicacións ao goberno español por aquela matanza, no proceso que se segue alí por crimes do franquismo. Non logrará nada, pero reconforta que alguén se preocupe.
Outra pintada que lembro estaba situada nun edificio da praza de Fonseca; na parede do que hoxe é hostal Libredón (nome xacobeo, sen dúbida!), dúas liñas proclamaban :
"Ante la violación, relájate y disfruta”
O autor asinaba cun símbolo formado por unha A incluida nun círculo, que xa sabía, pola súa abundancia na zona vella, que era dos ácratas, un grupo anarquista, no que segundo parece chegou a militar Fernando Savater (quen o diría!!). A verdade é que nunca cheguei a entender a pintada, máis alá do seu carácter transgresor e provocador, sobre un tema tan sensible, e tan presente, naquel tempo como agora, desgrazadamente. Volvin lembrar aquel lema con motivo do terrible caso de La Manada e da sentenza, co lamentable voto particular incluido, dos maxistrados que xulgaban o caso. E por suposto polas lamentables palabras expresadas polo home de Neandertal reencarnado en profesor de Económicas santiagués que -para vergoña de calquer universitario- todos tuvemos ocasión de ver no video difundido por esta excrecencia humana.
Faltará tempo para solucionar a praga das violacións. Fai falla máis educación sobre a libertade -eu creo menos no código penal, que sen dúbida tamén é necesario- e nos procesos de concienciación colectiva como son os movemento #metoo ou #cóntao/#cuéntalo, e por suposto na posta en marcha de medidas de prevención de conductas. O pensador inglés Michael Billig publicou hai poucos anos unha obra sobre o nacionalismo banal, ese sentimento que os posuidores da verdade absoluta se negan a recoñecer, pero que sae con forza cando asubían ao himno español nun partido de fútbol ou cando se iza unha bandeira rojigualda tamaño XXXXL nunha praza madrileña. Mutatis mutantis, é preciso rexeitar ese machismo banal, eses micromachismos que inzan a vida cotiá.
Mentras todo iso sucede, o meu corazón está con esa chica, coa víctima.
Publicidade