Piratas

Os Piratas son un partido nacido hai 5 anos e medio en Alemaña, aínda que o seu cerne está en Suecia. O pasado ano conseguiu entrar no parlamento da cidade estado de Berlín e esta semana fíxoo no estado de Saarland. Segundo as enquisas, os piratas foron votados polos mais novos, e non por convencemento ou entusiasmo, senón por rexeitamento aos outros partidos. A famosa desafección. A sociedade deulle unha oportunidade a uns descoñecidos.

Son os primeiros en incluír nas súas prioridades un concepto de política que por outras latitudes denominan democracia real, é dicir, un sistema político onde os cidadáns participen máis activamente nas decisións que afectan ás súas vidas

O Partido Pirata chámase así porque naceu dun intento de organizarse para crear outro concepto de entender internet. E tirando do fío, foron concibindo ao paso outro xeito de entender a sociedade completa. Traducido á linguaxe máis clara e directa que os identifica, non só reclaman descargas gratis, senón que son os primeiros en incluír nas súas prioridades un concepto de política que por outras latitudes denominan democracia real, é dicir, un sistema político onde os cidadáns participen máis activamente nas decisións que afectan ás súas vidas. A maioría de idade para o home, a mesma que reivindicaba hai 500 anos por estas latitudes Lutero para ler a Biblia.

Imaxe fresca. Sen asesores de prensa. Móstranse como son. Melenudos alternativos, cunha mirada case inxenua, en moitos casos dedicados ao desenvolvemento de sofware, aínda que non exclusivamente, - a súa candidata á presidencia é unha rapaza de 22 anos loitadora de taewondo -, e con vidas sinxelas, con frecuencia no campo. Falan directamente á xente dos problemas inmediatos da xente. Falan coma eles porque son coma eles. De feito, andan a dicir que teñen que aprender iso de ser políticos. En calquera caso, non creo que iso lles quite o sono. En principio non pensan deixar os seus traballos.

A esquerda respéctaos, aínda que sabe que lles fan sombra. Respéctaos porque son o que eles quixeran ser

E como se venden? Pois non venden menos impostos, nin máis autopistas, nin sequera máis ecoloxía. Hai quen os acusa de non ter ideoloxía, sobre todo a dereita, que aínda di que lle beneficia porque fragmenta a esquerda, pero andan realmente nerviosos con este novo concepto de facer política e son os primeiros en tratar de ridiculizalos en público, sobre todo os liberais. A esquerda respéctaos, aínda que sabe que lles fan sombra. Respéctaos porque son o que eles quixeran ser.

O feito é que os piratas entenden a política dun xeito novo, aínda que isto xa soe a tópico. Pasando de apriorismos e dogmas, tratan de ser os representantes dos cidadáns sen ideólogos de por medio e co incansable intento de reinventarse cada día. Son modestos, humildes, non andan por aí a dar leccións, só queren ser portavoces, correas de transmisión dos cidadáns. Son conscientes de que o as sociedades se renovan e cambian constantemente, non só polos avances tecnolóxicos, senón polas circunstancias xeopolíticas e económicas, e con elo as súas necesidades por iso máis que pivotar sobre unha ideoloxía ou unha corrente, poñen o foco na política real, en perseguir a utopía dunha sociedade que non se quere estancar e que persegue a súa superación por medio dunha maior aspiración democrática: cada día un pouco máis de participación cidadá.

Non están indignados porque viven nunha sociedade que lles permite ter familia numerosa con 30 anos e durmir tranquilamente sen pensar na hipoteca. Simplemente son librepensadores

Non están indignados, porque viven nunha sociedade que lles permite ter familia numerosa con 30 anos e durmir tranquilamente sen pensar na hipoteca. Simplemente son librepensadores que en lugar de consumir e participar na carreira do consumismo, como mercar un coche mellor, buscan a transcendencia “ese concepto tan xermano por hegeliano”, transcender o concepto de calidade de vida cidadá, e pensan que esta pasa por deixar de ser espectadores da política e converterse en participantes. E niso están. E por iso lograron este domingo 4 escanos no parlamento de Saarland gracias ao voto descontento que por outras latitudes se traduce en abstención.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.