Pistoleiros

Non hai nada máis infame que converter a vítima en culpable.

1.-Gustaríame que fose certo que vivo un deses momentos nos que me encontro a soas comigo mesmo.

Polo que poida virnos enriba, a miña mensaxe de felicitación para este ano que entra dedicado a amigos e familiares foi sempre a mesma: Deséxoche un 2013 cheo de barricadas e cócteles molotov

Aínda que, a verdade, non están os tempos para ensimesmamentos. A noso arredor todo se derruba e non vexo claro que de entre os cascallos brote algo novo. Non sei se medrará nada novo a non ser que primeiro a ira alimente un estalido de violencia e a violencia impoña unha nova orde da que logo, talvez, nos avergoñemos todos. Polo que poida virnos enriba, a miña mensaxe de felicitación para este ano que entra dedicado a amigos e familiares foi sempre a mesma: Deséxoche un 2013 cheo de barricadas e cócteles molotov. Si, xa sei, a violencia xera violencia. Pensades que quero ver o sangue dos meus fillos correndo polas rúas do meu pobo? A violencia xera violencia. Pero o abuso xera impotencia ou resentimento, a arbitrariedade xera indignación e a inxustiza esixe restitución. E aquí e agora, o pobo, todo o pobo, é dicir, todos nós, estamos sendo sometidos a abuso, arbitrariedade e inxustiza. Coido que non hai máis que dicir.

Estou convencido de que gran parte das medidas que, desde a máis flagrante inseguridade xurídica, nos están a conducir á pobreza, e, nalgún caso, á pura indixencia, están fóra da orde constitucional. Creo, por exemplo, que moitas das novas regras referidas a pensións, xubilacións e marcos laborais, se non vulneran claramente a prohibición expresa da non retroactividade das disposicións sancionadoras, moi preto débenlle andar.  E non entendo, a verdade, por que non está a caer sobre o Tribunal Constitucional toda unha chuvia de recursos de amparo. Quizais, porque, como o resto das institucións do estado, carece de calquera credibilidade. Pero diso non quero falar hoxe. Quero falar  de violencia.

Para empezar, direi que me afirmo e reafirmo en que a democracia consiste en algo máis, moito máis, que votar cada catro anos

Para empezar, direi que me afirmo e reafirmo en que a democracia consiste en algo máis, moito máis, que votar cada catro anos. E, por suposto tamén en como se administran as maiorías obtidas como resultado das eleccións. Está claro que o PP de Mariano Rajoy obtivo a maioría parlamentaria no seu máximo grao, maioría absoluta. Pero a lectura correcta no ámbito dun estado democrático, atendendo ao xeito en como a obtivo, deixa claro que maioría absoluta parlamentaria non equivale neste caso a maioría social. O PP de Mariano Rajoy non conta coa maioría social. Sabémolo todos, incluído el. Polo tanto, dende a ética democrática máis elemental, o PP de Mariano Rajoy non ten dereito a tomar as medidas antisociais que está a tomar do modo e maneira en que o está a facer e, moito menos teno para converter as súas chamadas reformas nunha imposición ideolóxica de claro corte uniformador, sen respectar a pluralidade nin a diversidade. E non me estou a referir a conflitos territoriais, senón á liberdade de pensamento, á liberdade e o dereito a ser dentro do estado aquilo que queiras ser e que tes dereito a ser. O estado social e democrático que consagra a Constitución, salta polo aire completamente esnaquizado vernes a vernes, cada vez que o goberno central se reúne para conspirar contra os dereitos, non só adquiridos, senón constitucionais de toda a cidadanía soberana.

 

2.-A violencia, non como motor, aínda que si como instrumento de cambio.

O estado social e democrático que consagra a Constitución, salta polo aire completamente esnaquizado vernes a vernes, cada vez que o goberno central se reúne para conspirar contra os dereitos

Non como motor? Hum! Por que? Vexamos iso. Non estamos a ser sometidos a unha auténtica violencia institucional todos nós? Non estamos a ser sometidos a un estado de violencia institucional especialmente os máis débiles? Canta violencia debemos soportar? Cal será o límite para que a xente explote?

 

3.-Digresión prescindible para posibles lectores deste enxendro, aínda que moi gorentosa para o autor.

Os pistoleiros, os matóns contratados para levar a cabo unha faena de limpeza, de eliminación de obstáculos, de díscolos e recalcitrantes contra a arbitrariedade dos caciques, inzan coma cogumelos nos filmes do Oeste

Podería estar aburrido, pero non o estou. Refírome a ter que explicar unha e outra vez por que me gustan tanto as películas do Oeste. Non me aburre falar do western, porque, despois de ter visionado -algunhas ata máis de duascentas veces- todas cantas películas de vaqueiros se me puxeron diante, e logo de ler moito e ben sobre este xénero cinematográfico, e de ler, asi mesmo, sobre a Historia de América e máis en concreto o relativo á chamada Conquista do Oeste, creo poder asegurar que dende aí se pode saltar sen rede a interpretar practicamente todos os sucesos que viñeron acontecendo no mundo dende aqueles anos turbulentos. O western é un magnífico espello balzaciano para considerar e analizar o deambular dos homes pola Historia.

Os pistoleiros, os matóns contratados para levar a cabo unha faena de limpeza, de eliminación de obstáculos, de díscolos e recalcitrantes contra a arbitrariedade dos caciques, inzan coma cogumelos nos filmes do Oeste. Pistoleiros fríos, solitarios, que venden o seu brazo armado a quen mellor lles paga.

Realizan o seu sucio traballo e vanse. Deixan detrás unhas cantas cruces nun cemiterio, un colectivo social descabezado e asoballado, pacificado polo medo, e unha orde e un poder inxustos e arbitrarios, pero enfortecidos polo seu funesto labor. Os famosos pistoleiros do Fart-West, algunhas veces chamados pacificadores cando se trataba de implantar a orde, -non se confunda coa lei nin coa xustiza-, nalgunha explosiva cidade da fronteira. Hai westerns magníficos que abordan este asunto. Poucas veces o fan sen adubíos nin maquillaxes -sabido é que a maioría dos westerns deben lerse ao revés-, permitindo que se vexa limpamente a auténtica ralea do pacificador. O normal é que non sexa así, que se dote á historia e ao personaxe dunha pátina de épica e rectitude moral.

Nestes casos o pacificador adoita ser o protagonista da película. Cando o pistoleiro se nos presenta como un suxeito vesánico e ruín, un sicario, un asasino a soldo -como por exemplo o Jack Palance de Shane-, entón nolo sitúan no lado escuro do filme, no sórdido cubil dos malos, a fedorenta cova na que todos os que habitan nos resultan odiosos. Non esquezamos que para que unha película funcione, debe funcionar tamén, e moi ben, todo un xogo de empatías. Henri Fonda en My darling Clementine ou Burt Lancaster en Gunfight at the OK Corral e, mesmo, Robert Mitchum en Man with the gun, son elevados á categoría de heroes cando a súa verdade histórica, e iso sendo amables con eles, non nos permitiría ir máis alá da ambigüidade moral. Un caso digno de mención é o do sherif encarnado por Richard Widmark en Death of a Gunfighter. Éo por dúas razóns. Porque quen fora un pacificador nun principio, convértese nun tirano dominador da comunidade. Os notables da cidade conspiran contra el para aniquilalo. Nesta película foron cortadas pola censura franquista unhas frases nas que se proclamaba que a lei tiña que emanar do pobo.

Mariano Rajoy - ou quen estea detrás del - contratou varios destes pistoleiros para o seu goberno. O caso máis evidente é o de José Ignacio Wert

Os outros, os asasinos a soldo, os rufiáns que pululan polo mundo do cine do Oeste, normalmente se presentan desprovistos de calquera atributo que os faga amables, a non ser pola capacidade actoral do intérprete á hora de crear o seu personaxe. Aínda que os hai a centos, podería ser o caso do xa mencionado Jack Palance de Shane.

 

4.-O porqué desa digresión

Mariano Rajoy - ou quen estea detrás del - contratou varios destes pistoleiros para o seu goberno. O caso máis evidente é o de José Ignacio Wert. El mesmo atribuíuse a súa condición de matón cando situou nas gónadas a orixe última das súas motivacións. "Soy como el toro bravo, me crezco ante el castigo". Por mis cojones, vaia. Non hai demasiado tempo Arias Cañete tamén apelaba á forza nutricia dos seus impulsos programáticos cando aseguraba que “el plan hidrológico nacional se va a aprobar por cojones”. Por certo, aínda non se aprobou.

Por que non contratamos un pistoleiro dos bos, un como o Cole Thornton de John Wayne en El Dorado, por exemplo, que ía de lugar en lugar, coma un cabaleiro andante, alugando o seu brazo armado ao mellor ofertante, pero sempre que o ofertante tivese a xustiza da súa parte? Por que non o facemos? Creo que vén sendo necesario.

 

5.-Coda envelenada para Nuñez Feijóo

Onde están os que non cobran? Por que non saen á luz? Que os retén na sombra? Non vos dades de conta, vós, os que non cobrades e que alimentades a fanfurriñada do noso fero presidente, de que todos os demais vos necesitamos?

É necesario parar a fanfurriñada de Alberto Núñez Feijoo, empoleirado a non se sabe moi ben que, aparte dos seus corenta e un escanos, de veras, é necesario. Non podemos seguir asentindo -nin asistindo ao lamentable espectáculo que nos ofrece a diario coa súa Galicia solvente- ás súas afirmacións de que Galicia paga, de que Galicia é solvente, de que mentres uns piden, Galicia paga.

Galicia paga, certo que si. Faltaría máis. Pero Galicia paga a quen paga e como e cando paga. Onde están os que non cobran? Necesitamos o pistoleiro bo, rudo e resolutivo nas súas accións, que dea tranquilidade a todos os que non cobran nesa Galicia solvente e que, non obstante, non asoman nin sequera as orellas. Onde están os que non cobran? Por que non saen á luz? Que os retén na sombra? Non vos dades de conta, vós, os que non cobrades e que alimentades a fanfurriñada do noso fero presidente, de que todos os demais vos necesitamos?

Por favor, que non teña que ir rescatarvos John Wayne. Aínda que a min, a verdade, non me molestaría moito

Sacádelle as cores ao fachendoso presidente tan runfante coa teima da solvencia. Poñede sobre a mesa todo o que Galicia debe os seus provedores, contade as vosas penurias para manter activas as vosas empresas, declarade a servidume á que se vos obriga para poder sobrevivir. Por favor, que non teña que ir rescatarvos John Wayne. Aínda que a min, a verdade, non me molestaría moito.

O dito, feliz 2013 cheo de barricadas e cócteles molotov. É o desexo de quen sempre foi un home de paz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.