O Goberno de Feijóo teno claro. Agora que o negocio da especulación inmobiliaria rematou, a vía para que a festa do capitalismo depredador continúe consiste en entregar á oligarquía o solo rústico do país. Isto é, agasallar o 90 % do territorio a empresas mineiras, eléctricas ou madeireiras. Ao tempo, o PP deixa preparado o marco normativo por se regresan as condicións obxectivas para a expansión urbanística en terreos hoxe protexidos. As leis que o permitirán teñen nome e aprobáronse, ou pretenden aprobarse, ao longo desta lexislatura: o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza, a nova Lei do Solo ou o Plan Director da Rede Natura. Estas tres normas, e outros plans sectoriais como por exemplo o eólico, conforman unha estratexia neoliberal de mobilización de recursos cara ao negocio de grandes empresas. Todas as pezas son necesarias no crebacabezas da acumulación por desposesión, como expón o xeógrafo David Harvey.
O Goberno de Feijóo teno claro. Agora que o negocio da especulación inmobiliaria rematou, a vía para que a festa do capitalismo depredador continúe consiste en entregar á oligarquía o solo rústico do país
A última novidade no camiño de destrución do país chámase, xustamente, Plan Director da Rede Natura. A Rede Natura, de entrada unha figura para a ordenación, protección e xestión das zonas con altos valores ambientais, fica reducida -baixo a perversión do Partido Popular- a instrumento desprotector. Porque o seu novo plan director, acabado de aprobar nun Consello da Xunta, abre vías á invasión da minaría, da acuicultura, dos usos construtivos, dos parques eólicos ou dos aproveitamentos hidráulicos. O Goberno do PP eliminou do mesmo a previsión de ampliación da Rede proposta, en novembro de 2011, pola propia Consellaría de Medio Ambiente. Sen explicación ningunha. Todo contra os criterios da propia Comisión Europea, que apercibiu a Galiza pola insuficiencia da actual lista de Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) –unha das figuras que engloba a Rede Natura. No noso país, o territorio baixo denominación LIC é o 11,7%. A media estatal chega ao 23,1%. O camiño emprendido por Feijóo e os seus mandados é inverso e o plan director retrocede en cuestións especialmente graves:
Estas tres normas, e outros plans sectoriais como por exemplo o eólico, conforman unha estratexia neoliberal de mobilización de recursos cara ao negocio de grandes empresas
Minaría e actividades extractivas: O PDRN non só permitirá a continuidade das actividades mineiras existentes,mesmo as ilegais, senón que permitirá a ampliación das existentes, condicionada unicamente a unha “axeitada avaliación das súas repercusións ambientais”, e segundo o artigo 23.1, e incluso permitirá novas actividades extractivas a ceo aberto nos seguintes casos: en zonas con potencial mineiro identificadas no Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza; en zonas incluídas nos concellos mineiros declarados ao abeiro da lexislación mineira; para explotacións en activo no momento da entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura e non no momento da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia; para novas explotacións mineiras solicitadas con anterioridade á entrada en vigor do plan director; para ampliación das explotacións en activo no momento da entrada en vigor do plan director.
Prevalecen os Plans sectoriais: dun xeito moi pouco sutil, o plan director abre a porta á prevalencia de plans sectoriais -coma o acuícola ou o de actividades extractivas- en toda a Rede Natura. Aínda que con carácter xeral o plan director prevalece, este pode ser sometido á excepción por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde” (art. 4) sen que se precise a natureza desas razóns. Así, queda ao arbitrio discrecional do poder político. A maior abondamento, no plan director figura que, aínda no suposto de avaliación ambiental negativa, o poder político poderá autorizar usos e actividades por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas razóns de índole social ou económica” (art. 26). Velaquí unha auténtica e xeneralizada coladeira, contraria a uns mínimos valores ambientais.
O texto prevé a posibilidade de reclasificar solo rústico de protección de espazos naturais e destinalo a desenvolvemento urbanístico naqueles municipios en que o solo rústico de protección de espazos naturais supere o 40% da superficie
Recualificacións urbanísticas: a vixente Lei de Ordenación Urbanística obriga a clasificar como solo rústico de especial protección de espazos naturais os terreos rústicos sometidos á protección estabelecida na Lei de Conservación da Natureza. Isto implica que todos os terreos incluídos na Rede Natura, agás o solo urbano e o solo de núcleo rural tradicional, debe ser clasificado como solo rústico de protección de espazos naturais.
Sabemos o que queren facer. Só queda por saber o que nós somos capaces de facer para os parar
Mais o plan director fai virar as tornas. O texto prevé a posibilidade de reclasificar solo rústico de protección de espazos naturais e destinalo a desenvolvemento urbanístico naqueles municipios en que o solo rústico de protección de espazos naturais supere o 40% da superficie. Esta circunstancia contradí o disposto no artigo 32.2 da Lei de Ordenación Urbanística. Pero axiña atopará unha vía de escape: o anteproxecto da futura Lei do Solo de Galiza contén a posibilidade de reclasificar, con autorización da Consellería de Medio Ambiente, calquera terreo rústico, incluído o solo rústico de protección de espazos naturais (artigo 31.5). Tamén prevé usos construtivos non permitidos ate agora.
Máis unha vez, os intereses económicos privados quedan por riba do respecto ao medio ambiente.
Sabemos o que queren facer. Só queda por saber o que nós somos capaces de facer para os parar. Estou rematando este artigo e chégame aviso da publicación do Decreto de Instrucións para a Ordenación e Xestión do Monte en Galiza. Máis madeira.