Planeta Bankia

Publicidade
Publicidade

Melancholia xa era grande, mais comparado cos seus compañeiros de desfeita o planeta Bankia é monstruoso, e veremos se deixa de medrar. Máis que colisionar contra nós, parece que rematará devorándonos, igual que algún día fará o Sol cando se infle até xigante vermella. Todo se o Rescate non o remedia. Ese Leviatán que tarde ou cedo sempre chega da correa de Alemaña preséntasenos como culminación dun camiño ao abismo e á vez inicio de algo aínda máis catastrófico. Pero falemos claro: queremos que aconteza. Queremos ese espectáculo como nos prestaría ver xente arruinada na bolsa botándose dende as azoteas igual ca no 29.

Como xa lle tarda outro 11-S, a televisión sopra nas brasas encantada, e pronostica a hecatombe de xeito cada vez máis emocionante sobre todo nos avances dos telexornais

Hai tempo que escoitamos as noticias entregados a un arremedo de paixón sublime, esa que segundo Kant chega a producir sentimentos de “desprezo polo mundo”. Como xa lle tarda outro 11-S, a televisión sopra nas brasas encantada, e pronostica a hecatombe de xeito cada vez máis emocionante sobre todo nos avances dos telexornais, onde gozan arreo anunciando as subas da prima de risco (503, 516, 539…) coas súas musiquiñas estilo Armageddon.

Xa Rafael Argullol pescudou en El fin del mundo como obra de arte a riqueza estética que medra a carón do derradeiro. Repasaba alí a traxedia de Prometeo, a Apocalipse de San Xoán, o Xuizo Final de Michelangelo…, mais se non podemos contar con exquisiteces desta índole, resignarémonos ao caos do mundo financeiro español, pois o declive do Barça tampouco parece plausible por moito que o madridismo soñase tal durante a rolda de prensa do adeus de Guardiola.

Despois das de Grecia, Portugal e Italia, é urxente outra caída estrepitosa para darlle pulo a un tema que corre o risco de perder folgos agora que vai empezar a Eurocopa. O sopapo a España parece ideal porque ademais sería merecidísimo

Despois das de Grecia, Portugal e Italia, é urxente outra caída estrepitosa para darlle pulo a un tema que corre o risco de perder folgos agora que vai empezar a Eurocopa. O sopapo a España parece ideal porque ademais sería merecidísimo, e así, a falta de ilustrados patrios devotos do sublime, a Conferencia Episcopal podería polo menos esbardallar sobre a divina providencia, o pecado orixinal e cousas semellantes, no canto de seguir amolando a xente que non fai máis que deitarse cos do seu mesmo sexo e cociñar cristos da súa propiedade en fornos da súa propiedade.

En realidade todo é un teatro infame, lamentablemente. Adopte a fórmula que adopte, o rescate non pasará de ser unha desfeitiña capitalista máis, e o seu rebumbio non encherá nin dúas semanas de portadas nos xornais. As súas consecuencias –as que se seguen das excusas macroeconómicas- nada terán que ver con paixóns sublimes, nin catárticas nin doutro signo. Serán penosas e ben prosaicas, e sufrirémolas os de sempre durante bastante tempo. A xigante vermella pasará axiña a enana branca, mais polo camiño terá arrombado con nós, e por se non o saben: ás enanas brancas aínda lles agardan trillóns de anos de vida. Ocaso do capitalismo? Non me fagan rir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.