Fai seis meses aproximadamente escribín un artigo “É España un estado democrático?” E trataba de demostrar que non, debido sobre todo a actuación dos aparatos, -castas lle chaman agora- dos dous grandes partidos PP e PSOE, e non lle atopaba doada solución para saír desta situación, polo inmenso poder que estes partidos acumulan, salvo que nunhas eleccións estes partidos perderan, e foran substituídos por partidos que non esten viciados de antemán.
Nestas derradeiras eleccións apareceu unha agrupación política con forza, que pode contribuír a derrotar a estes partidos, e esa é unha noticia extraordinaria. Vai ser difícil o seu éxito, porque desta vez da a impresión que colleu algo durmidos ós poderes fácticos, tamén hai que ver, cando teña algún poder como actúa en serio en temas transcendentais como o paro, a corrupción, a Monarquía –por certo acaba de abdicar o Rey, o que significa que algo empézase a mover-, o dereito de autodeterminación dos pobos, a eliminación de institucións caciquís como as Deputacións e o Senado, etc. De tódolos xeitos o discurso democrático que expresan: limitación de mandatos dos cargos institucionais, primarias, listas abertas, que unha persoa non teña máis de un cargo público, limitación de grandes soldos, eliminar que cargos públicos, cando os abandonan, ocupen consellos de administración de empresas, que previamente nalgúns casos, foron favorecidas dende o anterior cargo, desprofesionalizar a política, transparencia, etc. son medidas que a inmensa maioría da xente estaba agardando.
Moitas persoas imos seguir votando e traballando con organizacións políticas que teñan a súa sede no noso país, porque estamos convencidos que temas, como a nosa lingua ou a nosa economía, podémola defender moito mellor que dende Madrid, mais seguro que imos coincidir, e chegar a moitos acordos, na defensa de principios democráticos como os expresados anteriormente, que por certo algúns pequenos partidos xa víñamos defendendo e estaban no noso programa, e que si non triunfaron nas derradeiras eleccións, foi pola carencia de un líder moi carismático e especialista en dicir moi claros os mensaxes e por carecer de grandes medios, nos que puideramos transmitir estas ideas. Por certo Podemos non afectou o éxito do conxunto dos partidos con sede en Euskadi e Catalunya, entre outras razóns, porque teñen moitos máis medios de comunicación propios e neutrais.