Podemos cambialo todo

Os ataques que estamos a sufrir coa actual crise sistémica son numerosos. Estamos ante unha situación de emerxencia social que se fai patente a diario, e que se está agravando co paso do tempo coa aplicación de políticas que prexudican á maioría social e favorecen intereses privados, afondando nas desigualdades. Esta situación esixe respostas urxentes, e non só no plano económico e social, senón tamén no político. As propostas contra o paro e contra a ditadura da débeda imposta pola troika gozan da centralidade que sen dúbida merecen, mais non debemos esquecer outros elementos que veñen caracterizando o ciclo político que se inaugurou no maio do 2011. Non abonda con programas rupturistas, senón que precisamos dotarnos das ferramentas necesarias para contribuír a un proceso de democratización da sociedade dende abaixo.

A necesidade de ensaiar novas formas de expresión colectiva, alén das dinámicas burocratizadoras dos partidos tradicionais, que dificultan a reconexión da maioría social coa participación organizada nos asuntos públicos, é unha destas cuestión ineludíbeis

A necesidade de ensaiar novas formas de expresión colectiva, alén das dinámicas burocratizadoras dos partidos tradicionais, que dificultan a reconexión da maioría social coa participación organizada nos asuntos públicos, é unha destas cuestión ineludíbeis. A perda de lexitimidade das vellas fórmulas de representación é só unha doenza máis no maltreito corpo do réxime nacido na Transición, cuxos actores non son quen de interpretar os novos retos nin de acoller as demandas dos novos suxeitos políticos. Esa demanda de reapropiación colectiva da política por parte de plataformas, mareas e movementos, e a súa particular forma de entender a institucionalidade, aínda está lonxe de converxer coa cultura partidista tradicional, máis afeita a sectarismos que a intereses comúns. É neste contexto no que xurde Podemos, non como un simple experimento político, mais si como unha aposta arriscada e novidosa.

Podemos afunde as súas raíces e continuidades no proceso constituínte popular que abriu o 15M. A súa acollida non se pode entender sen os acontecementos que temos vivido no Estado español e en Europa no último período

Podemos afunde as súas raíces e continuidades no proceso constituínte popular que abriu o 15M. A súa acollida non se pode entender sen os acontecementos que temos vivido no Estado español e en Europa no último período: crise, recortes, múltiples resistencias, desafección cara ás institucións do réxime e sobre todo, unha crise de representación profunda no plano político. Isto implica un deber de construción dos círculos, proxectados como espazos de empoderamento popular, nos que comezar a cristalización dun proxecto de maduración política que fomente a permeabilidade do binomio institucións-movemento, desexo que resume moi ben Teresa Rodríguez cando fala de ter “un pé nas institucións, e mil pés na rúa". Por iso debemos afrontar a entrada nas institucións como un paso máis, que debe ir ligado á posta en práctica de novas vías de resistencia ó marxe destas.

Outro dos retos pasa por rachar coa premura electoralista, que pode ser o peor inimigo da horizontalidade e non axudar a superar as barreiras que establece de por si a política institucional

Outro dos retos pasa por rachar coa premura electoralista, que pode ser o peor inimigo da horizontalidade e non axudar a superar as barreiras que establece de por si a política institucional, sobre todo nun momento no que a alternativa pasa pola coordinación das loitas e a acumulación paciente de forzas cara á autoorganización das clases populares. Unha democracia real só se pode armar dende a base, construíndo un liderado colectivo, perfeccionando os mecanismos de control democrático e abrindo un espazo político onde todos os anhelos, frustracións e descontentos poidan encontrarse sen trabas; de nada serviría empregar a democracia como unha palabra baleira, sen afastarse do mesianismo que a sociedade do espectáculo inocula nas nosas vidas, e do que a esquerda alternativa ás veces tampouco consegue fuxir. En definitiva, cómpre facer un ensaio de ruptura coa estrutura social que nos oprime, incluíndo a división capitalista do traballo e os seus roles de xénero.

 

Dereito(s) a decidir

O proceso soberanista de Catalunya exemplifica perfectamente a situación actual, unha situación de bloqueo institucional na que a autoorganización popular pode desbordar os cauces históricos e os marcos establecidos

Para rachar co réxime herdeiro do franquismo e coa súa estrutura social opresora, e para comezar a construción de procesos que nos leven cara a este horizonte de ruptura e reapropiación política polos/as de abaixo, é preciso poñer enriba da mesa a cuestión nacional. As clases dominantes non dubidan en botar man do concepto da “unidade de España” cada vez que necesitan pechar filas e mostrar cohesión, e nós non debemos dubidar en defender o dereito de autodeterminación, por compromiso democrático e pola súa capacidade de erosión no réxime.

O proceso soberanista de Catalunya exemplifica perfectamente a situación actual, unha situación de bloqueo institucional na que a autoorganización popular pode desbordar os cauces históricos e os marcos establecidos. Non sería acertado caer na caracterización simplista do movemento independentista catalán como un movemento homoxéneo, coas manidas etiquetas de "burgués", "insolidario" ou "de dereitas". Estamos ante un movemento transversal á sociedade catalá, no que existe a pluralidade e onde hai múltiples correntes e visións. Tratar de conectar e fortalecer os sectores que apostan por unha política afastada da austeridade debe ser a nosa tarefa primordial. Un proceso constituínte en Catalunya podería crebar o réxime do 78 e abrir un escenario de oportunidade para a apertura de procesos similares en todo o Estado español nos que emerxan suxeitos colectivos dispostos a exercer o seu dereito a decidir dende abaixo.

Un proceso constituínte en Catalunya podería crebar o réxime do 78 e abrir un escenario de oportunidade para a apertura de procesos similares en todo o Estado español

Por outra banda, a defensa e recoñecemento do dereito a decidir ampliaría a súa aplicación a outros eidos, nun momento no que o goberno español está inmerso nun proceso de recentralización e o Ministerio de Xustiza crese coa potestade de lexislar sobre os nosos corpos e sobre as nosas vidas. Para garantir a emancipación real das mulleres precisamos transformar o actual sistema de dominación patriarcal, utilizando como punta de lanza a loita contra a imposicións de ser nais, mais seguindo pola revisión dos roles adquiridos polas mulleres nos centros de traballo, nas organizacións políticas e nos fogares e, en definitiva, pola reconfiguración de todo o aparato ideolóxico e cultural que oprime ás mulleres e dificulta a súa libre determinación.

O fracaso estará asegurado se non asumimos os postulados feministas como presupostos básicos de calquera proxecto emancipatorio. Se cadra, a defensa do patriotismo español e as apelacións ó "sentido común" non son a mellor forma de avanzar cara a estes obxectivos, pois sabemos que moitas veces ese sentido común clama pola necesidade dunha vivenda digna ou polo fin da corrupción endémica, mais tamén acolle a visión mitolóxica dos separatismos como "egoístas e insolidarios", e lle resta importancia ós múltiples e sutís mecanismos da violencia machista e da invisibilización da muller.

Cómpre poñer o acento na construción dende abaixo e no empoderamento a través dos círculos, que deben ser a base sobre o que se levante o proxecto

Por todo isto, Podemos ten que ser unha ferramenta que abra o campo de xogo político, pode e debe ser un instrumento que sexa a voz das maiorías, que dende a rúa e os movementos sociais até os aparatos de poder artelle o conxunto de reivindicacións dos desposuídos en prol de transformacións profundas do aparato político-institucional. Para iso cómpre poñer o acento na construción dende abaixo e no empoderamento a través dos círculos, que deben ser a base sobre o que se levante o proxecto. E velaquí está a clave: toda esta desorde pode ser transformada en forza, as ideas en práctica, os debates en decisións. Podemos espértanos dos nosos soños para abrirnos a posibilidade de soñar espertos.

 

* Paula Quinteiro é candidata ás primaria de Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.