Podemos-Cuneros

Confirmado: O sistema de elección de candidatos de Podemos para o Congreso dos Deputados vaise facer cunha listaxe única de 350 nomes. Os candidatos máis votados escollerán a provincia pola que se presentan e o posto no que irán.

Hai algúns mecanismos de corrección. O máis importante é que, en previsión de pactos preelectorais, algunhas circunscricións poden estar suxeitas a restricións; é dicir, se Podemos pacta con algún outro partido en Galicia, pode restrinxir os postos dispoñibles nas listas das nosas provincias.

O sistema de corrección para evitar que non se cumpra a paridade entre homes e mulleres candidatos é bastante complexo e diáfano. Búscanse listas cremalleira igualitarias. En cambio, o cunerismo só se prevén cun difuso parágrafo de ambigua interpretación: "En caso de graves desproporciones en términos de vínculos territoriales de los electos de una papeleta con el territorio respectivo, la Comisión Electoral podrá adoptar medidas correctivas en favor del principio de filiación territorial". Que quere dicir desproporción grave? Se o candidatable por Ourense é de Córdoba considérase inapropiado. Cal é o criterio? A distancia, a diferenza climática, os apelidos? Un extremeño que se apelide Estévez pode ser candidato pola Coruña? Unha asturiana, por Lugo porque total é só cruzar unha ponte? Ao cordobés daráselle mellor o verao ourensán ca a un de Cantabria, seguro.

O "centralismo democrático" élle moi útil ao equipo de confianza de Pablo Iglesias como instrumento de control do partido pero é un retorno á Restauración cun baixísimo nivel democrático. Os cuneros eran aqueles deputados próximos aos partidos que se repartían o poder nos tempos dos Borbóns finiseculares do XIX, que se presentaban por calquera sitio e polo tanto "pasaban" do territorio que "representaban". É certo que hoxe moitos deputados galegos non manteñen un alto perfil nas súas provincias pero si hai que destacar o vínculo con Galicia de figuras como Laura Seara ou Celso Delgado (as deputadas do Bloque non fai falta incluílas, son as "nosas" deputadas), vínculo que se pode rastrexar nas súas inciativas parlamentarias.

Que fará o neocunerismo de Podemos? Sendo bempensantes, ese "reservado" para as coaligazóns pode ser o cerne da estratexia de Iglesias nas nacións (ou nacionalidades históricas) para compatibilizar o control sobre o seu grupo parlamentario con alianzas estratéxicas en territorios con feito diferencial. Contar con ese deseño do campo da negociación é básico para definir o alcance e epicentro do ilusionante proxecto dunha candidatura única galega con cabeza e corazón na propia Galicia. Xa non hai autoengano posible. Como explicou Anxo Quintana no acto de constitución da asociación Somos Nós, “non vai ser en Madrid onde se deseñe o Estado plurinacional”. Alá dáselles mellor fórmulas tan sensibles á diversidade como unha lista única, uniforme, para todo o Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.