Podemos Vigo: mudar o rumbo para cambiar unha cidade

En 2008 estoupou unha crise que xa poucas persoas se atreven a dicir que é temporal. Dende aquel momento pasaron xa 10 anos que deixaron, e seguen a deixar, profundas feridas na nosa cidade. A ninguén se lle pode escapar a imaxe de locais pechados e ofertados en aluguer alí onde antes houbo comercios, a lenta agonía do noso sector industrial, os EREs, o desemprego crónico. En definitiva, o proceso de empobrecemento das nosas vidas e da vida da nosa cidade.

O nacemento de Podemos ten moito que ver con esas feridas. Podemos representou unha alternativa radical, multitudinaria e democrática que recollía e bebía de todas aquelas respostas á crise: as folgas xerais, o 15M, os movementos en defensa da sanidade e contra os desafiuzamentos. Parecía un movemento que estaba destinado a mudar as cousas. Sen embargo, pasados 4 anos a situación que atravesa Podemos é difícil e negalo sería negar a realidade. Nestes 4 anos cometérose moitos erros que foron debilitando o proxecto. Se lle foi dando as costas á participación da xente ao mesmo tempo que foron cobrando forza os personalismos. Ademais, houbo pouca xenerosidade á hora de tratar con outros colectivos e espazos políticos (non podemos vivir illados!) e, sobre todo, houbo unha serie de renuncias programáticas para tentar homologarse ao resto dos partidos e que, ao final, afastou os sectores máis dinámicos. Eu, pola miña parte, penso que sempre teño sido coherente e denunciado estas derivas.

En Vigo aínda estamos a tempo. Son moitos os retos e moi difíciles, e necesitamos contar con toda esa xente que pouco a pouco foi deixando de participar e sumar xente nova. Pero para iso é preciso rachar coa deriva que está facendo esmorecer a Podemos, rachar coas frases estériles e as guerras internas. cos bandos vencellados a personalismos. Hai que cambiar o rumbo e asumir os retos con seriedade, máis aínda nun ano electoral. Non teño ningunha dúbida de que aquelas asembleas multitudinarias, todas as horas de traballo teñen deixado pegada e podemos recuperar á xente.

Xente que fixo de Vigo unha cidade especial que conta cunha gran tradición e espírito de loita forxada en folgas xerais, que berra e que tamén se autoorganiza contra los lumes. Desde estes alicerces de loita e resistencia temos que levantar unha alternativa seria a Abel Caballero que impida 4 anos máis de «caballerismo». Para iso teremos que deixar de lado a arrogancia e a politiquería, deixar de estar illados da vida real, política e social da cidade. Teremos que estar na rúa, coñecer o pulso da cidade. Isto non o poderemos facer sós, teremos que ser quen de que a forza das mareas municipais chegue tamén á primeira cidade de Galicia. Foi así como se conseguiron vitorias en Coruña, Compostela, Madrid, Cádiz ou Barcelona.

Polo tanto, penso que Podemos Vigo ten que estar en movemento e non ser estático e permanecer ao marxe, deixar de mirar cara ao seu embigo. A miña escola política foi a rúa e as mobilizacións: dende a LOU ao 15M pasando polo Prestige. Na rúa aprendín que os cambios reais só se poden dar dende a porosidade, a mobilización, o conflito coas elites ao lado das clases populares. En tamén aprendín, nestes últimos anos e da man das mareas, que só en común podemos facer que todo isto sexa efectivo. Esa é a miña bagaxe, o que eu podo ofrecer ao proxecto común.

Estas van a ser, polo tanto, as liñas xerais da campaña que vamos facer dende Vigo en Movemento. Seriedade, confluencia, radicalidade nas propostas. Advirto, Podemos xa ten dado bastantes espectáculos na prensa: nós non imos ocultar críticas nin diferenzas, como sempre fixemos. Queremos política sen cotilleos, tal e como fai Teresa Rodríguez.

Son profesor de Historia nun instituto público. Da historia sempre me chamaron á atención dúas cousas, que cecais resulten chocantes. A primeira é a capacidade da xente para organizarse e loitar. A xente sempre levanta á cabeza: nas situacións máis adversas e inverosímiles sempre hai unha chama de loita. Pero tamén aprendín que as oportunidades de cambio pasan, non están sempre abertas. E que se non se aproveitan, péchanse. Hoxe vemos como o capitalismo se recrudece, facendo cada vez máis difícil a vida das persoas e do planeta. En Europa, a extrema dereita levanta a cabeza. Ante isto, tócanos dar unha resposta, e en Vigo estou seguro que a daremos.

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.