Pola democratización da enerxía eólica

Un parque eólico © Norvento

Galiza está a sufrir actualmente o espolio do seu vento e do seu territorio a través da explotación dos seus recursos naturais e a colonización do rural por parte de eléctricas, bancos, fondos voitre e construtoras que se reparten o pastel público do negocio eólico.

Despois do lignito esgotado pola explotación de grandes eléctricas nas últimas tres décadas, e despois tamén da ocupación dos ríos por parte desas mesmas empresas - xeralmente multinacionais de capital estranxeiro -, agora toca , xa dende hai anos, o espolio do vento. Cal é o obxectivo? Facerse de ouro cunha electricidade regulada para espremer os beneficios a prol dun oligopolio que pouco ten que ver cos intereses da maioría social.

É un dos maiores escándalos políticos que está a acontecer hoxe en Galiza, moito máis grave aínda que o roubo que supuxo a privatización a prezo de amigo da AP9, porque furta unha das posibilidades de dinamizar o noso rural, necesitado de solucións que xeren riqueza e emprego.

Un sector eólico en mans da xente, con formas de organización comunitarias, activando cooperativas ou implementando a participación pública sería unha fonte de ingresos moi importante para o noso país. Hoxe o sector eólico factura aproximadamente uns 600 millóns de euros anuais e ten unhas grandes marxes de beneficio. Unha riqueza que non se reparte de forma equilibrada e beneficiando a xente.Os estudos falan de que entre o pago do canon eólico, os impostos municipais e os arrendamentos aos propietarios a cantidade que queda dos beneficios non sobre pasa o 6% da facturación.

A instalación dun Megawatio custa entre 800.000 e 900.000 euros. Ese mesmo Megawatio pode facturar anualmente, cos parámetros de horas de vento e prezos actuais, entre 150.000 e 200.000 euros cada ano. Tan só hai que sacar a calculadora e facer números. Agora o 90% deses beneficios vanse basicamente a mans de empresas estranxeiras, conglomerados de fondos voitre, bancos, construtoras e eléctricas.

Estamos diante da posta en marcha de políticas de saqueo do público, políticas deseñadas para privatizar os beneficios e socializar as perdas e os impactos ecolóxicos negativos no noso territorio

E dicíamos que estamos diante un escándalo político porque se lle regalan os beneficios a este conglomerado privado a partir de leis feitas no Parlamento Galego, que debera velar polo interese xeral. Políticas postas en marcha por gobernos que deberan defender os intereses da cidadanía e das maiorías, entendendo que os recursos naturais como o territorio ou o vento son propiedade de todas e todos nós. Recursos nos que existe tamén un enfoque de explotación e de depredación colonial, xa que son recursos máis abundantes en Galicia que no resto do Estado español e se xestionan sen ter en conta os intereses e as necesidades do noso país e da nosa xente.

Non estamos polo tanto diante de elementos casuais. Estamos diante da posta en marcha de políticas de saqueo do público, políticas deseñadas para privatizar os beneficios e socializar as perdas e os impactos ecolóxicos negativos no noso territorio. Esa socialización de perdas e impactos sociais ten en Galiza unha cara descarnada, que se manifesta mediante o descontrol e a desprotección da xente e do medio natural, do patrimonio e da cultura.

Dende o Goberno Galego e da Xunta de Galiza dan man libre para que os especuladores da enerxía dispoñan dos mellores emprazamentos para facer negocio co noso vento. Non dubidan incluso en bloquear e paralizar a aprobación das Directrices da Paisaxe ou da ampliación da Rede Natura. Todo vale para garantir a consolidación dos parques eólicos.

Compartimos a reflexión do Catedrático de Bioloxía e Xeoloxía Ramón Varela, “Galiza non debera ter como prioridade a implantación de máis potencia eólica si ou si”. O noso país exporta sobre un terzo da electricidade que producimos, e cunha sinxela reestruturación do seu modelo enerxético pode cumprir con moita facilidade xa os obxectivos marcados pola Unión Europea no referido á implantación de renovables sen ter que abocarse a unha carreira tola de instalación de aeroxeradores.

De xeito urxente debemos demandar xa unha nova planificación do sector eólico, paralizando de forma cautelar a nociva expansión que se está a dar hoxe

O próximo peche de Meirama e nun futuro non moi lonxano doutras plantas coas mesmas características pode e debe abrir unha nova política de desenvolvemento de renovables e do eólico baseada no respecto escrupuloso ás persoas e ao medio ambiente, á paisaxe e ao patrimonio cultural. E debe ter como resultado final que os beneficios revertan no público e na xente do rural, democratizando a enerxía eólica, desbotando a política corrupta dos que utilizan as institucións para facer negocios sen riscos mirando ao DOG. E para iso debemos derrotar social e electoralmente a aqueles e aquelas que semellan escribir leis ao ditado de determinados intereses.

De xeito urxente debemos demandar xa unha nova planificación do sector eólico con estes principios, paralizando de forma cautelar a nociva expansión que se está a dar hoxe, unha expansión allea aos intereses na maioría social que busca lucrar a uns poucos. Nós tomamos partido e estamos coa Galiza que se move, con esa morea de colectivos veciñais e cidadás organizados para defender o noso país perante as agresións que padecemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.