Non podo disimular. Nin quero. Sinto paixón pola atención primaria. Poucos lugares coma ela resultan máis accesibles para manexar o malestar das persoas. Todos os malestares. De -case- todas as persoas (ollo á exclusión!).
Na primaria sábese se hai violencia nas parellas. Se chegan os cartos a fin de mes. Cales son as causas do insomnio. Sábese da soedade, do alcoholismo, da adolescencia, do desamor, da dor
Na primaria sábese se hai violencia nas parellas. Se chegan os cartos a fin de mes. Cales son as causas do insomnio. Sábese da soedade, do alcoholismo, da adolescencia, do desamor, da dor. Diagnostícanse embarazos e practícanse coidados paliativos. Polo medio, de todo. Tamén nas casas, mesmo nas camas da xente. Desde o útero ata o tanatorio. Acompañando.
Ningún servizo público está tan implantado en todo o territorio. Non deixa casa sen atender, familia sen coñecer, camiño sen percorrer. Na primaria resólvense máis do noventa por cento dos problemas de saúde das persoas (así, en xenérico). E sábese que un problema de saúde non é a disfunción dun órgano. Requere coñecer contextos, culturas, momentos e personalidades. Saber de anatomía, fisioloxía, patoloxía…. antropoloxía, ética, comunicación… mesmo retranca! Requere tamén incorporar profesionais da psicoloxía e do traballo social para o manexo amplo dos malestares, sen medicalizacións innecesarias.
Pero camiñamos cara a tiranía tecnolóxica, neoliberal e individualista de fixar como epicentro o hospital. A industria tecnolóxica e farmacéutica non vai permitir que apelemos ao sentido común, ao tempo, á relación terapéutica sen renunciar á importante área de negocio que se agocha na saúde das persoas. Por iso a primaria non interesa. Porque é menos sensible ás forzas do mercado. A primaria ten menos ‘glamour’, pero manexa mellor a desigualdade. Por iso a reivindico.
Os países con sistemas sanitarios máis solventes teñen primarias fortes. Cun orzamento suficiente, en torno ao 25%. Mais no noso anda sobre o 13%, 11 en áreas como Vigo
Os países con sistemas sanitarios máis solventes teñen primarias fortes. Cun orzamento suficiente, en torno ao 25%. Mais no noso anda sobre o 13%, 11 en áreas como Vigo.
Nos últimos anos descapitalizouse este nivel asistencial derivando cada vez máis cartos aos hospitais, aos novos fármacos, aos instrumentos diagnósticos máis costosos e á sanidade concertada. Non foi naïf nin carente de interese. Cos centros de decisión e xestión pasou o mesmo, ata o punto de supeditar a autonomía da primaria ata niveis humillantes (na xestión de interconsultas, na solicitude de probas, ...)
Mentres, severos recortes de persoal, falta de investimento na súa sostibilidade, sobrecarga profesional, cómputos erróneos de xornadas en PACs, saturación de axendas. Sen tempo para a xente. Isto sumado ao avellentamento da poboación, ao alongamento da esperanza de vida, á medicalización excesiva, á complexidade dos pacientes (cada vez con máis cronicidades).
Non se investíu no futuro da primaria como centro do sistema. Non se formaron profesionais nin se programou o recambio xeracional da plantilla
Non se investíu no futuro da primaria como centro do sistema. Non se formaron profesionais nin se programou o recambio xeracional da plantilla. Confíase en exceso no compromiso e responsabilidade sen límites das súas traballadoras e traballadores. Pero isto adquiríu unha dimensión insostible. Mentres, a Consellería xoga a entreter, a enredar e a buscar na carencia de profesionais unha coartada para a irresponsabilidade nada inxénua destes anos.
Por iso está convocada unha folga o vindeiro mércores 19. Unha folga que comparto e apoio. Agardando que se amplifique nun futuro próximo ata conseguir que todas as profesionais e colectivos reivindiquen alto e claro DIGNIDADE PARA A PRIMARIA.