Convocados pola plataforma cidadá Queremos galego, o vindeiro día 17 de maio temos unha nova cita para reclamarmos o dereito do país a conservar e normalizar o idioma propio. De novo as rúas de Compostela converteranse nun espazo para o encontro entre aquelas persoas e colectivos que non queren renunciar a vivir en galego. Unha oportunidade para nos atopar cantas persoas respiremos unha sensibilidade a prol da nosa lingua. Unha ocasión para lle mostrar ao goberno e aos grupos que negan o galego que non estamos dispostos a cedermos en ningún avance dos que con tanto esforzo se foron conseguindo.
“Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel”
Tomo prestadas unhas palabras do fermoso manifesto que Agustin Fernández Paz preparou con agarimo para esta festa reivindicativa co fin de solicitaren a presenza optimista de todas e todos nós en Compostela: “contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel”.
E, para camiñarmos xuntos nese empeño colectivo, cómpre seducir a cantos máis poidamos. Se así o consideran, traian os avós e as avoas, para lles agradecer o coidado das palabras que nos valeron para entendermos e estimarmos o mundo; e as fillas e fillos, para que sexan quen de mimalas e inventaren outras novas.
Veñan os mestres e as mestras, aqueles que saben que non hai nada que non poida ser aprendido en galego. Acudan desde a Academia e as universidades as persoas que se ocupan do esplendor da nosa lingua, para lles agradeceren aos labregos e mariñeiros tela desgastado polo uso.
Non falten os músicos para amosar todas as melodías que se poden compoñer no noso idioma. Necesitamos contar co persoal sanitario que entende as nosas doenzas e procura remedios ata para o desacougo. Avogadas, xuíces, maxistrados… acudan a ofrecérennos a protección da xustiza, para que poidamos acubillarnos baixo leis e normas que garantan os nosos dereitos.
Imprescindibles os políticos, os do si e os do “depende”, mesmo os do “non” que teñan algunha dúbida e queiran escoitar. Que veñan os contacontos!… pero non os mentireiros. Hai oco para as poetas e tamén para os interpretadores dos nosos mellores soños.
Acudan os e as xornalistas, atentos a describiren a intensidade desta determinación que nos proe. Que se acheguen os indecisos e os receosos, os que escoitaron falsos rumores e queiran comprobar por si mesmos o sentir doutras palabras.
Xuntémonos en Compostela agora, e reencontrémonos de novo ao chamado desta dignidade colectiva, en calquera recuncho do país onde sexamos reclamados para esta causa
Benvidos sexan a esta festa da rebeldía as persoas que viñeron a esta terra para traballaren e para viviren; ofrecerémoslles o mellor que temos… tamén algún tratamento para a morriña, que ben sabemos dese padecemento.
Xuntémonos en Compostela agora, e reencontrémonos de novo ao chamado desta dignidade colectiva, en calquera recuncho do país onde sexamos reclamados para esta causa.
Vaiamos a Compostela, fachendosos da nosa lingua.