Pola “Renda Mínima Europea”, a renda social para vivir con dignidade

Rescatar persoas, salvar vidas, apoiar a quen non ten nada ou pouco para ter unha vida con dignidade. Diante da situación de extrema urxencia social e laboral que se vive en moitas nacións como Galiza, creamos o pasado 5 de novembro no Parlamento Europeo un grupo de traballo para  acadar a Renda social mínima a nivel europeo. Co fin de mobilizar a Europa para rescatar persoas, cando con moita máis enerxía, foron salvados bancos sen ningún rubor. E diante desta situación indecente que esqueceu á humanidade,  non podemos permitir que no debate europeo non sexa prioritario un tema tan necesario para que as persoas en situación máis precaria, sen traballo e/ou tamén con traballo precario e explotado, poidan cubrir  necesidades básicas  e vivir con dignidade. Non hai que confundir renda mínima coa renda básica universal e incondicional para toda a poboación –, denominada de moitos xeitos, como a Renda Básica das iguais (RBis) que consiste no dereito que ten cada persoa, soamente polo feito de nacer, a percibir periodicamente unha contía que lle permita cubrir necesidades básicas,  que por suposto tamén apoiamos, pois a renda mínima europea debe chegar, pola situación de urxencia precaria na que viven tantos milleiros de persoas, a colectivos concretos, ou polo menos, este foi o consenso na denominación que acadamos neste grupo de traballo.

A renda mínima europea debe chegar, pola situación de urxencia precaria na que viven tantos milleiros de persoas, a colectivos concretos 

Esta iniciativa, é produto do contacto iniciado pola Asociación Víctimas del Paro, que animou a todas as formacións políticas electas no Estado español con representación durante esta lexislatura no Parlamento Europeo, a traballar nun acordo para establecer  unha renda social de vida digna para todas as persoas en risco de exclusión. Colaborei dende despois das eleccións europeas con esta asociación para axudar na iniciativa e mantivemos contacto permanente, coa fin de crear o grupo e dinamizar que participaran todos os grupos electos. Asi foi, pois coa excepción do PP, tanto na primeira xuntanza deste outubro, como nesta última en Bruxelas, asistiron representantes de 16 formacións políticas, entre elas o BNG- que levou no programa das europeas a “renda social”-, que priorizamos a urxencia fronte ás diferencias ideolóxicas que existan, para dar apoio a esta iniciativa pluripartidaria, transversal e con dimensión europea.

A Renda Mínima Europea debe ser unha prioridade política europea. Por iso, a primeira iniciativa vai ser dirixida ao polémico Juncker, Presidente da Comisión

A Renda Mínima Europea debe ser unha prioridade política europea. Por iso, a primeira iniciativa vai ser dirixida ao polémico Juncker, Presidente da Comisión, que fala repetidamente de “colocar a economía ao servizo das persoas” mentres está metido nun escándalo de evasión fiscal de grandes dimensións. Moitas palabras dadas, moita hipocrisía e poucas accións para combater a pobreza e a exclusión social. A seguinte iniciativa vai ser preparar un pronunciamento en favor nunha resolución do Parlamento Europeo. Precisamos políticas dende aquí que impidan  a grave situación social, máis tamén unha Renda Mínima Europea que apoie con fondos europeos que tantas persoas en situación de carencia poidan ter una vida digna, en todos os eidos vitais, cubrindo as necesidades básicas como ser humano. As vítimas da crise, as vítimas do desemprego e da falla de traballo, as vítimas do sistema neoliberal capitalista, as vítimas dos que rouban, as vítimas do desleixo e a falla de honestidade, non poden agardar máis e non imos deixalas sen amparo nen presente, nen futuro. Hai que procurar atopar en Europa consensos políticos,recursos e apoios para que a renda social mínima sexa aprobada, e aprobada con urxencia. A xente non pode agardar máis e os fondos europeos deben priorizar non facer infraestruturas moitas veces inservibles e concretarse no esencial, a vida das persoas, a calidade de vida digna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.