As persoas podemos ser definidas como moitos termos. Algúns deles só adquiren sentido nunha relación con outras persoas. Así eu son espectador dun espectáculo en canto existe ese espectáculo no que alguén é actor. Fóra desa relación eu non pode definirme como espectador e se decido introducirme no propio espectáculo e actuar nel probablemente xa non poida ser denominado como tal espectador en canto esa mención supón unha posición pasiva ou receptiva do actuar alleo. O uso dun ou doutro termo non soe ser inocente nin cando o usamos para definir a outra persoa nin cando o usamos para definirnos e presentarnos ante os demais.
A cualificación de alguén como vítima faise cando se considera a unha persoa dende a perspectiva, e só dende a perspectiva, de ser suxeito pasivo dunha acción doutra persoa
A cualificación de alguén como vítima faise cando se considera a unha persoa dende a perspectiva, e só dende a perspectiva, de ser suxeito pasivo dunha acción doutra persoa que merece a consideración de agresora (ou vitimario como agora se di). Afirmar que súa posición, en canto vítima, é pasiva non pretende ser pexorativo. Pola contra a denominación implica valorar negativamente á outra persoa, á activa, a quen coloca á vítima precisamente nesa posición, é dicir a quen vitimiza. O termo implica polo tanto que, para usalo, só se atende á súa posición pasiva no momento da agresión excluíndo todas as súas outras características e posicións noutros aspectos da súa vida.
Partindo desa posición é normal que o termo teña un sentido positivo en canto xerador de solidariedade natural que produce quen soporta inxustamente accións alleas. Por humanidade rexeitamos que unha persoa impoña a outra un padecemento. Rexeitamos naturalmente a invasión da esfera allea. Por iso ese sentimento de solidariedade podemos definilo como formal, pois atende só á posición na relación e non ao contido da mesma. Cando indicamos que alguén é vítima de algo presupoñemos que esa imposición non está xustificada ou non é lexítima, por iso ese termo xa nos informa quen merece a nosa empatía na relación de orixe.
Non teño a máis mínima dúbida de que as persoas que padeceron directa ou indirectamente un acto terrorista merecen a denominación de vítimas e merecen esa solidariedade formal en canto que vítimas por negarme a entrar sequera a valorar nada que non sexa o inxusto dano que sufriron. Non hai escusa nin hai xustificación da acción que estudar e por iso reclamo que esa solidariedade formal é a resposta que merecen eses actos. Por iso falar de vítimas inocentes do terrorismo é un contra sentido e non só unha reiteración pois presupón que poida habelas non inocentes. Agora ben outra cousa é que posición adopte esa persoa xa fóra desa relación que o vitimizou.
A vítima pode optar por manterse allea aos seguintes acontecementos ao redor do feito que lle afectou e, nese sentido, pode tamén lexitimamente optar por pasar a unha posición activa
A vítima pode optar por manterse allea aos seguintes acontecementos ao redor do feito que lle afectou e, nese sentido, pode tamén lexitimamente optar por pasar a unha posición activa. Agora ben, dende o momento en que pase a esa posición activa en relación con ese feito, as accións que realice no futuro xa non as fará como vítima. Seguirá a ter sido suxeito pasivo da acción inicial, e en canto só se fale dela será correcta esa denominación. Pero nas accións que realice dende ese momento e nas relacións consecuentes xa non estará nesa posición polo que non deberíamos definila pola posición anterior sen por iso negar que si foi anteriormente vítima.
En moitas ocasións esa transición á posición activa é terapéutica dos efectos producidos pola colocación forzada na posición pasiva de vítima. En xeral non é san manterse na posición pasiva que alguén impuxo polo que rachar a mesma asumindo de novo a dirección propia é un paso para superar a imposición.
Nese momento xa non é axeitado falar de vítima (para referirse aos actos de petición de condena) pois o termo correcto é acusación
Por exemplificar, en proceso penal vítima dun delito é quen soporta os seus efectos (por exemplo quen é agredido). Así é denominado ata que decide pasar a unha posición activa reclamando a condena da persoa que lle agrediu. Nese momento xa non é axeitado falar de vítima (para referirse aos actos de petición de condena) pois o termo correcto é acusación. Non se esquece que foi vítima pois por telo sido merece a consideración técnica de acusación particular fronte á denominada acusación popular que é exercida por outras persoas, en principio, alleas ao feito.
Pois ben se unha persoa padeceu un acto terrorista foi vítima do mesmo e merece ese nome e a solidariedade formal (non por iso menor, senón que non condicionada) que dixen antes. Esa persoa pode decidir participar no debate público referido ás medidas policiais sobre o terrorismo, aos procesos xudiciais sobre os feitos ou, en xeral, ás decisións políticas sobre o terrorismo ou sobre temas que considere (lexitimamente) ligados a el. Ten todo o dereito do mundo a facelo e a súa voz merece ser escoitada pois non é un voz máis precisamente por ter padecido eses efectos de xeito persoal.
Dende o momento en que decide esa posición activa debe asumir que no que faga a partir de aí non é vítima, senón cidadán activo exercendo seus dereitos
Agora ben, afirmado o dereito a pasar a unha posición activa, creo xusto advertir algunhas puntualizacións. Dende o momento en que decide esa posición activa debe asumir que no que faga a partir de aí non é vítima, senón cidadán activo exercendo seus dereitos. Cidadán que nunha relación anterior foi vítima, si. Pero non cidadán que poida alegar selo en todo momento como cobertura de lexitimación a calquera acción que realice dende entón. Polo tanto, primeira puntualización, non nego o dereito a empregar o nome Vítima do Terrorismo pero coa aclaración de que, dende o momento en que se pasa a esa acción (absolutamente respectable) acéptase unha posición diferente, unha posición activa na que defende as súas propias posturas alleas á posición de vítima. Polo tanto dende ese momento as súas opinións non gozan de maior valor que as demais e non merecen aquela solidariedade inicial producida pola inxusta situación padecida. Aclarando, iso si, que a persoa sempre merecerá solidariedade e respecto polo padecido no pasado e que as súas opinións poderán ser compartidas pero estas opinións non merecerán ser tratadas como propias de vítima pois iso, de feito, é negarlle á persoa a posibilidade de abandonar a posición na que inxustamente foi situada. Igualmente quen defende unha posición determinada e apela para negar a posibilidade do seu debate á condición de vítima o que fai é instrumentar o sentimento de solidariedade que xerou anteriormente para instrumentalizalo no seu proveito. Apelar a sentimentos dignos para defender causas diferentes á solidariedade formal merecida é indigno e cando se fai con interese político fai cuestionable a calidade ética do responsábel político que así mancha a memoria das vítimas duns feitos.
Apelar a sentimentos dignos para defender causas diferentes á solidariedade formal merecida é indigno e cando se fai con interese político fai cuestionable a calidade ética do responsábel político que así mancha a memoria das vítimas duns feitos
Unha segunda puntualización é que o concepto vítima é especialmente dúctil e elástico. Vítima é quen sofre un feito pero tamén é quen sen sufrilo directamente padece súas consecuencias. O exemplo claro é o familiar dun falecido. Poñer un límite para determinar quen si e quen non pode merecer a consideración de vítima dun feito é unha labor ben complicada e probablemente de imposíbel resolución. Sen embargo si parece razoable chamar a atención sobre o problema. Problema maior cando quen fala reclama súa posición de vítima por feitos alleos para unha reivindicación concreta en nome de quen padeceu directamente os feitos. Pódese dar a situación de que quen padeceu os feitos non comparta esa proposta ou pode resultar que, non podendo esa persoa expresarse (por ter morto sexa ou non como consecuencia dese feito) resulta imposíbel saber a súa opinión ou podemos, en casos, supoñer incluso a súa oposición ao que se sostén no seu nome. Dende logo non se pode negar categoricamente a condición de vítima a quen non padeceu directamente os feitos, e incluso pode ser que padecera consecuencias propias e diferentes á da persoa que si os padeceu. Pero non se pode negar tampouco que a fonte de lexitimación non é tan clara como ás veces se pretende, o que non quere dicir que non exista lexitimación para actuar pero, ao mellor, é outra e non a de ter sido vítima. A todo iso debemos engadir que cando unha asociación emprega o nome de vítimas parece pretender falar en nome de todo o colectivo e polo tanto tamén de persoas que decidiron non pasar a esa posición activa ou que non comparten a posición activa desa concreta asociación.
Por poñer un exemplo alleo, unha vítima dun atropelo de tráfico non ten porque ser quen mellor coñece os problemas de circulación nin as súas opinións sobre, por exemplo, a limitación de potencia nos vehículos compartidas necesariamente
A última puntualización que quería realizar é que ter padecido un feito non significa necesariamente que se sexa a persoa máis axeitada para saber que sucedeu e para enmarcar o que sucedeu nun proceso máis complexo. As opinións das vítimas sobre o feito que padeceron e a súa xestión futura en canto se trate dun problema colectivo son absolutamente respectábeis e imprescindíbeis para facerse unha idea do fenómeno. O que non son é necesariamente as máis certeiras en canto á análise. E as súas propostas deben ser sometidas á mesma discusión que calquera outra opinión pois son produto dos concretos valores e ideas que teña a persoa que as emite. Por poñer un exemplo alleo, unha vítima dun atropelo de tráfico non ten porque ser quen mellor coñece os problemas de circulación nin as súas opinións sobre, por exemplo, a limitación de potencia nos vehículos compartidas necesariamente. Esa opinión dependerá, entre outras cousas, da súa opinión sobre a posibilidade de intervir máis ou menos no mercado tema no que non ten nin maior nin menor lexitimidade que outras persoas. Reitero que por suposto que esas persoas deben ser escoitadas e non só por natural humanidade senón por ser parte do feito que as levou a esa posición. O que reclamo é o seu dereito a ser tratadas como iguais cos que, polo tanto, discútese e debátese e non se lles atribúe unha posición superior ao resto de interlocutores.
Defendo tamén que dende o momento en que deciden asumir posicións políticas (con absoluta lexitimidade) non poden reclamar permanecer na mesma posición de vítima e deben ser obxecto de crítica como calquera, como estas mesmas opinións que eu realizo
En resumo, defendo o dereito das persoas que padeceron actos de agresión a participar no debate público e a necesidade sempre de que sexan escoitadas se queremos analizar o sucedido. Pero defendo tamén que dende o momento en que deciden asumir posicións políticas (con absoluta lexitimidade) non poden reclamar permanecer na mesma posición de vítima e deben ser obxecto de crítica como calquera, como estas mesmas opinións que eu realizo.
Pola miña parte, rexeitamento frontal a toda posición que pretenda afastarnos das declaracións internacionais de dereitos humanos ou dos principios básicos dun dereito penal que pretenda ser minimamente civilizado
E todo o anterior, que evidentemente ten relación coas manifestacións contra o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, tamén é aplicábel a outras situacións nas que, pode ser, que persoas que comparten o que escribo ata aquí atopen máis dificultades para aceptalo. Reflexións semellantes merecerían algunhas referencias ás vítimas de ditaduras ou ás mulleres que padeceron violencia de xénero e que, ás veces, a nosa lexislación parece querer tratar só como vítimas e non como mulleres activas e que non queren que lles sometan a ser suxeito pasivo primeiro da agresión e despois da atención e coidado do Estado. En todo caso, solidariedade coas vítimas en canto tais e respecto ás persoas que tendo sido vítimas exercen lexitimamente os seus dereitos pero, como parte dese respecto, discusión das súas propostas e, dende logo pola miña parte, rexeitamento frontal a toda posición que pretenda afastarnos das declaracións internacionais de dereitos humanos ou dos principios básicos dun dereito penal que pretenda ser minimamente civilizado.