O próximo 24 de abril cumprirase o centenario do Xenocidio armenio, acaecido en plena I Guerra Mundial, cando as autoridades do entón Imperio otomán ordenaron o desprazamento e exterminio de poboacións armenias historicamente asentadas en Istambul e outras localidades da provincia de Anatolia. Polo contrario, Turquía, que nega oficialmente a veracidade deste xenocidio, apréstase a celebrar ese mesmo día outra onomástica: o centenario da batalla de Gallípoli, na que os otománs lograron repeler o poderío naval británico no Estreito dos Dardanelos. A celebración de ambas efemérides anuncia o afondamento das controversias históricas principalmente entre Turquía e Armenia pero que, igualmente, implicaría a participación doutros países (como Rusia e Irán) e a alteración do equilibrio estratéxico noutros contextos (espazo euroasiático, conflito de Nagorno Karabaj), determinados por diversas variables de intereses xeopolíticos.
Neste sentido, a mediados de marzo, o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan presuntamente tentou persuadir ao presidente ruso Vladimir Putin a non asistir aos actos de conmemoración do centenario do xenocidio armenio que se levarán a cabo en Ereván, capital armenia, a partir do próximo 24 de abril, por convite persoal do presidente armenio Serzh Sargsián. A controversia e os pulsos internacionais establecidos recentemente por parte dos gobernos turco e armenio para persuadir á comunidade internacional a asistir as súas respectivas conmemoracións, atiza igualmente outras variables xeopolíticas como o conflito de Nagorno Karabaj, que implica directamente a Acerbaixán, Armenia e Turquía, así como a participación diplomática e xeopolítica de Rusia e Irán.
Por tanto, o xenocidio armenio é obxecto de agudas polémicas e controversias no plano internacional. A diáspora armenia, principalmente establecida en Europa, EUA, Oriente Próximo e América Latina, foi especialmente activa á hora de persuadir, a través de diversos lobbies, sobre a veracidade do xenocidio de 1915 e a culpabilidade establecida en torno ás autoridades otománs e da súa sucesora República de Turquía. De feito, en 1965, a República Oriental do Uruguai, que conta cunha notable diáspora armenia, foi o primeiro país en recoñecer oficialmente este xenocidio.
A polémica das teses históricas
Ata o momento, un total de 22 países recoñecen a veracidade deste xenocidio, entre os que destacan a actual República de Armenia, Rusia, Francia, Canadá, así como diversas rexións e comunidades nacionais en Gran Bretaña (Escocia, Gales), Estado español (Cataluña, País Vasco) Canadá (Quebec e Ontario), Australia (Australia Meridional e Gales do Sur), Brasil (Ceará e São Paulo) e 42 dos 50 estados que forman parte de EUA.
Na maioría destes países e rexións existen numerosas comunidades de armenios, moitos deles exiliados desde a época das deportacións. Noutras instancias internacionais, o xenocidio armenio igualmente é recoñecido polo Parlamento europeo e a subcomisión de Nacións Unidas para a Prevención contra a Discriminación e a Protección das Minorías.
É de considerar que a actual República de Armenia é un país independente desde 1991, trala desintegración da URSS. Durante case todo o século XX, en total sete décadas entre 1921 a 1991, a actual Armenia formou parte da URSS como República Socialista Soviética de Armenia, polo tanto sen capacidade legal e xurídica independente como para erixirse no voceiro oficial da condena e recoñecemento deste xenocidio. Foi, mais ben, o activo labor da diáspora armenia a que propulsou este recoñecemento internacional. De alí a que, entre outras cousas, diversos historiadores denominen ao mesmo como o “xenocidio silenciado”.
Para os armenios e todos aqueles que recoñecen oficialmente este xenocidio, comunmente considerado como o antecesor do Holocausto xudeu e doutros procesos de exterminio acaecidos durante o século XX, o fundamento principal que verificaría estes sucesos están contidos nos denominados “arquivos andonianos”, contemplados e documentados por Aram Andonian, principalmente a partir de 1920, sobre os sucesos acaecidos contra os armenios por parte das autoridades otománs entre 1915 e 1917. Outra fonte documental relevante constitúeno o diario de Henry Morguenthau, embaixador estadounidense en Istambul (1913-1916).
Ambos, Andonian e Morguenthau, exerceron unha relevante influencia no entón presidente estadounidense Woodrow Wilson, principal impulsor da Conferencia de Paz de Versalles que determinou a configuración dos sistema internacional da primeira posguerra mundial. Wilson propugnaba a creación dun Estado armenio independente na Anatolia turca, do mesmo xeito que sentou as bases para a eventual constitución dun Estado curdo.
Segundo diversas fontes, o xenocidio armenio cobrou a vida de máis de millón e medio de armenios. Outras fontes, principalmente armenias, adxudican a Adolf Hitler a súa xustificación do Holocausto xudeu e do exterminio da “raza polaca”, argumentando ante o seu Estado Maior que “os turcos fixeron os mesmo cos armenios en 1915”. Esta declaración aparentemente foi realizada pouco antes da invasión nazi a Polonia en setembro de 1939.
Pola súa banda, a actual República de Turquía, considerada historicamente como a entidade estatal sucesora do Imperio otomán, negouse sistemática e oficialmente a recoñecer este xenocidio, un aspecto que ven provocando fortes tensións xa non só nas relacións turco-armenias senón con outros países, principalmente europeos, así como dentro das cada vez menos intensas negociacións de eventual ingreso turco á Unión Europea, principalmente desde a petición de admisión levada a cabo por Ankara desde 1987.
En Turquía, o referente que fundamenta as teses negacionistas é o historiador Türkkaya Ataöv, profesor da Universidade de Ankara. A grandes resgos, Ataöv ten fundamentado as súas teses na perspectiva de focalizar que, en vez dun xenocidio sistematicamente perpetrado polas autoridades otománs contra as poboacións armenias, mais ben existiu unha “xenocidio turco” produto da intromisión de elementos subversivos armenios, considerados oficialmente como “terroristas” en Turquía, contra poboacións campesiñas turcas na Anatolia. Estas accións estarían igual e presuntamente instigadas dende o exterior, principalmente por parte da Rusia zarista e outras potencias occidentais, na pretensión de desmembrar o Imperio otomán.
Con todo, na Turquía contemporánea tense dado tímidos pasos revisionistas que cuestionan as teses oficiais de Ataöv. Con motivo do 90º aniversario do xenocidio armenio en 2005, o primeiro ministro turco Erdogan pediu a creación dunha “comisión imparcial de historiadores turco-armenios” orientada a verificar os feitos. Non obstante, o peso da tese oficial de Ataöv e dos sucesivos gobernos turcos dificulta a concreción de visións revisionistas, a pesar de existir algunhas delas, principalmente por parte de escritores como o Premio Nobel Orham Pamuk e historiadores como Halil Bektray e editores como Hrant Dink, este último asasinado en 2007. Silenciados no seu país, estes escritores instaron ante as autoridades turcas a pedir un recoñecemento histórico e un perdón oficial ante os armenios, obtendo respaldo exterior e, incluso, participando na conmemoración anual en Ereván.
A xeopolítica tamén conta
Así, o contexto 2015 presentado en torno ao centenario do xenocidio armenio aduce de agudas controversias de revisionismo histórico, igualmente determinadas polos imperativos xeopolíticos e o reacomodo de equilibrios de poder, principalmente entre Turquía e Armenia.
Neste sentido, Armenia celebrará o próximo 24 de abril un xenocidio que claramente constitúe un símbolo da súa identidade nacional. Polo contrario, Turquía celebrará nesa mesma data outra onomástica de orgullo nacional e militar, sendo o seu triunfo na batalla de Gallípoli de 1915, onde lograron derrotar o dominio naval británico.
Precisamente, o estratega desta defensa otomá en Gallípoli, situada no estratéxico estreito dos Dardanelos, foi un mozo oficial, Mustafá Kemal, posteriormente nomeado Atatürk, creador da moderna República turca en 1923 e auténtico icona nacional turca. Atatürk é igualmente acusado pola diáspora armenia de perpetuar outro xenocidio armenio a través de diversas matanzas e deportacións realizadas entre 1922 e 1923, durante a denominada “guerra de liberación turca” que levou á posterior proclamación da República turca en outubro de 1923.
A pasada semana, Erdogan presentou unha serie de documentos que presuntamente tentarían resolver a polémica histórica sobre o xenocidio armenio, durante unha exposición sobre a I Guerra Mundial actualmente en curso en Istambul. Así, Erdogan dirixiu a súa atención concretamente cara a diáspora armenia, instándoa a que presentara documentos históricos cribles sobre o xenocidio armenio. Nesa dirección, a súa comunicación con Putin persuadíndoo a non asistir á conmemoración do xenocidio en Ereván confirmaría o peso da xeopolítica dentro da controversia histórica establecida entre Turquía e Armenia.
Rusia, tradicional aliado armenio, ven realizando un realiñamento xeopolítico con Turquía desde a segunda reelección de Putin en 2012 e, principalmente, trala crise de Crimea (marzo de 2014). Erdogan apoiou a Moscova no seu pulso con Occidente por mor da crise ucraína, toda vez Ankara tenta consolidar a súa alianza estratéxica con Rusia a fin de alterar o equilibrio estratéxico no Cáucaso (particularmente no conflito de Nagorno Karabaj e os pulsos con Armenia) e Oriente Próximo (Siria e Estado Islámico)
Neste sentido, a recente petición do líder independentista curdo Abdallá Oçalan de pedir á guerrilla da PKK a deposición definitiva das armas, dá a entender unha nova estratexia por parte de Erdogan, determinada a potenciar un acordo cos curdos ante a eventualidade de concreción dun Estado curdo independente no norte de Iraq. Con sinuosos movementos xeopolíticos, Ankara tenta alterar os equilibrios existentes en clara consonancia de fomentar os seus intereses cercando, ó mesmo tempo, calquera iniciativa do goberno armenio de Sargsián e da influente diáspora armenia.
Pola súa banda, Armenia non escapa á configuración destes eventuais novos equilibrios. A finais de xaneiro, o ministro iraniano de Exteriores, Javad Zarif, visitou Ereván, elevando as relacións bilaterais entre Armenia e Irán a un nivel de cordialidade diplomática, pero coa perspectiva enfocada en Moscova.
Nesta visita, Zarif instou a Rusia a aceptar o ingreso armenio na Unión Económica Euroasiática impulsada por Putin e oficialmente establecida en xaneiro pasado. Paralelamente, Zarif e Sargsián adiantaron proxectos de infraestruturas ferroviarias comúns e outros de carácter enerxético, como o oleoduto South Stream impulsado por Rusia. Se ben Rusia é observada como unha especie de protector xeopolítico armenio desde a súa independencia da URSS en 1991, Irán igualmente ten servido como un actor diplomático chave á hora de potenciar o cese ao fogo en Nagorno Karabaj, especialmente no seu rol de mediador cara Turquía e Acerbaixán.
Tanxencial ou directamente, as respectivas conmemoracións en Ereván e Ankara tanto do xenocidio armenio como da batalla de Gallípoli a partir do próximo 24 de abril semellan presaxiar un pulso de reacomodos do equilibrio estratéxico euroasiático entre Turquía e Armenia, con países chave como Rusia e Irán na recámara de atención. Con todo, o auténtico reacomodo estará contido nunha reconciliación global entre turcos e armenios, que permita superar a polarización fraguada por décadas de feridas históricas aínda sen pechar.