Política insustentable

"Nin a militancia nin os votantes reparan case nunca en canto custa imprimir e colar cartaces, preparar mitins, encher a cidade de coches con altofalantes, pór anuncios na prensa..." Así me narraba o seu traballo hai case seis anos o director da campaña dun dos partidos con responsabilidade de goberno nunha cidade galega. "De tanto negociar pónseche cara de mercador de Venecia. Se os outros partidos empapelan tal ou cal rúa, esíxenche que avíes, se a foto do teu candidato aínda non está gravada na retina de todo viandante xa che atribúen a ti calquera fracaso electoral por anticipado".

A democracia non é barata en ningures. Nos EUA mal camiño levas para intentar ser presidente se non tes, como mínimo, dez ou 12 millóns de dólares na saqueta

A democracia non é barata en ningures. Nos EUA mal camiño levas para intentar ser presidente se non tes, como mínimo, dez ou 12 millóns de dólares na saqueta. No Brasil son moitos os casos de candidatos a concelleiros (alá o sistema electoral é persoal e directo) que acabaron desafiuzados tras un revés nas urnas e un empréstito sen poder pagar.

O financiamento dos partidos políticos é o gran tabú que se esquiva ao falar de corrupción

O financiamento dos partidos políticos é o gran tabú que se esquiva ao falar de corrupción. Como é posible que sexan os tesoureiros dos partidos os protagonistas de todos os casos de malversación e apropiación indebida? Antes ca Luis Bárcenas foi protagonista da literatura xudicial Rosendo Naseiro, tamén claveiro da caixa popular. Esa imaxe de rufiáns que entran na política para se enriqueceren é a tona da cuestión. A base do problema, aquí e en calquera país, é un sistema que precisa dese diñeiro opaco para poder manter a maquinaria viva.

Militantes de partidos que paguen as cotas hainos como tamén hai socios do Deportivo da Coruña pero nin nun caso nin noutro o groso do financiamento provén da afección

Militantes de partidos que paguen as cotas hainos como tamén hai socios do Deportivo da Coruña pero nin nun caso nin noutro o groso do financiamento provén da afección. Cales son os ingresos atípicos das formacións políticas? Doazóns, empréstitos bancarios que moitas veces se pagan en especie (o indulto ao directivo do Santander Alfredo Sáenz, co que José Luis Rodríguez Zapatero pechou o seu mandato), as rifas e casetas nas festas do partido...

Os recortes orzamentarios do goberno central atinxiron tamén os partidos, que perderon, en conxunto, máis de 76 millóns de euros desde o 2011. Adelgazou na mesma medida a súa estrutura? Fálase de ERES nalgunhas siglas pero non se viu en case ningunha sigla unha auténtica economía de urxencia. Cantas sedes no centro das cidades e vilas se pechou? Cantos altos cargos renunciaron aos seus soldos pagos polo partido? Os sobres que seica Bárcenas e os seus antecesores repartían na cúpula do PP son apenas incentivos para persoal que se considera moi cualificado e moi mal pago na política (lembremos o caso do deputado do PP por Ourense Guillerme Collarte, que cobraba 5.100 euros ao mes e dicía que non lle daba para os gastos do mes).

Os recortes orzamentarios do goberno central atinxiron tamén os partidos, que perderon, en conxunto, máis de 76 millóns de euros desde o 2011. Adelgazou na mesma medida a súa estrutura?

Un dos puntos negros que precisa revisión profunda é a sustentabilidade da democracia. Realmente é necesario o gasto en papel e barullo cada vez que imos votar? Regular os balances dos partidos e limitar o tamaño do seu aparato é fundamental para garantir a igualdade de oportunidades de todas as ideoloxías. A actividade política é un servizo e debe estar pago dignamente para poñela a salvo dos grupos de interese que usan as leis en proveito propio. Teñen que ser os políticos, como calquera outra profesión, os primeiros que defendan a súa utilidade social. E os demais debemos pensar que sen políticos non hai democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.