Na actualidade estamos a presenciar un cambio de época, ainda que algúns se empeñen en conformarse ou vendernos, según quen, unha simple época de cambios, de maquillaxe, na súa versión máis descarada.
En maio de 2011 comezaron a cristalizar anos de loitas e reflexións nos diferentes espazos sociais e políticos. A sociedade comezou a reclamar máis e mellor democracia neste réxime que cada vez ten máis fendas e está máis asustado. Como demostran as últimas oleadas represivas e as campañas mediáticas contra todo aquilo que supoña rachar o status quo.
Acostumados como estaban a un xogo de titiriteiros, estes si, merecedores de cadea e non os artistas, non acaban de entender o que sucede dende outros dous maios consecutivos. Desta vez no 2014, cando irrumpe Podemos nas europeas, e no 2015, cando as principais cidades do Estado pasaron a ser gobernadas por espazos de confluencia, con maior ou menor peso das forzas políticas, pero cun claro motor cidadán.
Somos vistos coma instrusos polos partidos tradicionais, por ese bipartidismo tramposo, non comprenden o contexto, non escoitan á xente, por iso continuarán a perder votos cada vez que se poñan urnas e continuarán burlándose e infravalorando as novas prácticas organizativas que estamos experimentando. Aquelas que compaxinan espazos asemblearíos e achegados máis aos movementos sociais con certas doses de representatividade e organicidade para optar a gañar na loita institucional. Pois lembremos que o taboleiro moveuse pero aínda non cambiamos as regras do xogo.
As discusións políticas agora son en aberto, a pesar das penumbras que os xornalistas da cultura da transición reclamaban hai días. As alianzas diversas e enriquecedoras, que conlevan a innovación nas formas e plantexamentos, na construción de alternativas concretas para rachar co bipartidismo e a súa muleta laranxa. Aínda que se pretendan como guerras e aínda que moitas sería mellor ter evitado, agora cada vez hai máis espazo para a participación, a xente pide implicarse máis na toma de decisións sobre cuestións que afectan ao seu entorno, sexa aportando a un programa electoral, sexa apoiando a alguén nunhas primarias, sexa decidindo sobre a política do seu municipio, sexa decidindo a perspectiva política que debe traballar no futuro un partido, neste caso Podemos Galicia.
Benvidos á política, non sei se nova ou vella, pero que si pretende ser do século XXI, e semella que, paseniño e devagar, que diría Curros, e a pesar dos atrancos propios e alleos, imos facendo camiño. O obxectivo a curto prazo: botar a Feijóo da Xunta e levar políticas de emerxencia social ás institucións poñendo a xente honesta e con vontade para facelo. No medio e longo prazo: seguir camiñando cara un horizonte de emancipación e xustiza social, igualitario na diversidade, tanto no plano estatal coma no europeo, que permita cada vez profundizar e concretar a democracia e as políticas das e dos comúns.