Politizar a xustiza e xudicializar a política

Reunión do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial en outubro de 2022 © CGPJ

Vense utilizando, dende hai mais de 10 anos, a expresión "politización da xustiza e xudicialización da política" para describir unha das anomalías que caracteriza o funcionamento do sistema político español

Vense utilizando, dende hai mais de 10 anos, a expresión "politización da xustiza e xudicialización da política" para describir unha das anomalías que caracteriza o funcionamento do sistema político español. Como é sabido, cando se fala da "politización da xustiza" estase aludindo ao control que pretenden exercer algúns partidos sobre o poder xudicial. E cando se fai referencia á "xudicialización da política" estase sinalando o uso reiterado das instancias xudiciais como ferramenta de resolución das controversias relevantes entre diversas formacións políticas.

Para entender mellor a existencia desta anomalía convén lembrar dous aspectos importantes do contexto político rexistrado nas últimas décadas: unha presenza decisiva do bipartidismo na gobernanza das diferentes institucións e o medre significativo dos casos de corrupción no territorio da política. Durante moito tempo, e por distintas razóns, PP e PSOE non quixeron modificar os respectivos códigos de comportamento na xestión gobernamental. Ante a aparición de episodios concretos de irregularidades, a resposta sempre foi a mesma: transferir a resolución dos mesmos ao ámbito xudicial, inutilizando, de facto, as posibilidades que ofrecían os parlamentos para delimitar as eventuais responsabilidades políticas derivadas desas prácticas indesexábeis. 

O medre desta dinámica de xudicialización da actividade política incentivou a disputa polo control das instancias do poder xudicial. A demostración paradigmática mais recente foi o boicot practicado polo PP, durante os últimos 5 anos, para evitar a esixida renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial

Mais aínda: cando se abría unha instrución xudicial, a persoa afectada -apoiada na grande maioría dos casos polo seu partido- vinculaba a dimisión do seu cargo á existencia dunha sentenza condenatoria firme. Ou sexa, até que o derradeiro tribunal competente adoptara unha decisión non se tomaría en consideración o abandono da responsabilidade que se estaba exercendo. O medre desta dinámica de xudicialización da actividade política incentivou a disputa polo control das instancias do poder xudicial. A demostración paradigmática mais recente foi o boicot practicado polo PP, durante os últimos 5 anos, para evitar a esixida renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os motivos foron ben coñecidos: manter a toda costa a composición dun órgano que permitía controlar a designación de xuíces de orientación conservadora no Tribunal Supremo e noutras instancias xudiciais relevantes.

O debilitamento do bipartidismo acontecido a partir do ano 2015 -coa aparición de novas forzas no escenario político (singularmente, Podemos)- alimentou as expectativas en favor dunha maior transparencia e democratización das prácticas que se desenvolvían no seo das institucións

O debilitamento do bipartidismo acontecido a partir do ano 2015 -coa aparición de novas forzas no escenario político (singularmente, Podemos)- alimentou as expectativas en favor dunha maior transparencia e democratización das prácticas que se desenvolvían no seo das institucións. Neses momentos, resultaba apropiado demandar novas condutas dos responsábeis políticos para conectar con amplos sectores da cidadanía que viñan de expresar, ao fío das mobilizacións do 15-M do ano 2011, o seu distanciamento crítico cos partidos dominantes (resumido na expresiva e coñecida consigna de "non nos representan"). Por iso resultaba lóxico, daquela, reclamar a inmediata dimisión de todo cargo público que se atopase sometido a un proceso formal de imputación xudicial.

Actualmente, e despois do que se ten vivido nos últimos anos no ámbito dos procedementos seguidos en distintos tribunais, as conclusións teñen variado significativamente. A grande belixerancia exhibida por algúns maxistrados conservadores contra dirixentes de Podemos e de organizacións independentistas catalás, dificulta calquera pretensión que busque a limpeza da vida política a través das decisións xudiciais. As recentes actuacións que estamos coñecendo no caso do fiscal xeral do Estado, no de Begoña Gómez ou no do irmán de Pedro Sánchez permiten pensar que estamos ante unha estratexia de sectores da xudicatura para crear as condicións mais favorábeis a unha mudanza radical do actual poder político.

Recentemente, o maxistrado xubilado José Antonio Martín Pallín ven de afirmar: "Creo que estamos ante o que se pode definir rotundamente como un golpe de Estado xudicial permanente. Isto soborda toda a racionalidade que se pode admitir no seo dun sistema democrático"

Recentemente, o maxistrado xubilado José Antonio Martín Pallín ven de afirmar: "Creo que estamos ante o que se pode definir rotundamente como un golpe de Estado xudicial permanente. Isto soborda toda a racionalidade que se pode admitir no seo dun sistema democrático. O Tribunal Supremo está acusando ao fiscal xeral do Estado dun delito contra a intimidade pero non existe delito por algures. Mais, sexamos sinceros, a peza a cazar non é o fiscal, senón o presidente do goberno, derrubar a Sánchez......Cando digo que estamos ante un golpe xudicial permanente, refírome a un sector da xudicatura. Este golpismo non é recente, xa comezara con Podemos. Agora vaise a pola presidencia do goberno para que dimita e convoque eleccións". Estas palabras resultan certamente preocupantes e reveladoras da gravidade acadada pola anomalía antidemocrática citada ao comezo deste artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.