Populismo versus unidade

“Sonche cousas da vida e dos homes, que somos coma lobos uns prós outros, coma lobos, Eduardo, dígocho eu, coma lobos.” (Vento ferido, Carlos Casares).

Para a Fundación del Español Urgente do BBVA, a palabra española do ano, de entre as que marcaron a actualidade informativa de 2016 e que teñen, amais, interese dende o punto de vista lingüístico, foi populismo.

Os que gozan exercendo o poder, pensando que lles pertence, están tan obsesionados en desfigurar a realidade -e en relatárnola como lle peta- que mesmo decidiron mangonear tamén o dicionario, a fin de darlles ás palabras aqueles significados que, en cada tempo e lugar, mellor satisfaga a súa cobiza insaciable.

O vocábulo populismo foi desposuído adrede da súa acepción orixinaria e ionizado de carga negativa, para acabar significando unha cousa e a súa contraria, e así poder meter no mesmo saco feitos e elementos que, sen ter ningunha relación, pareza que son absolutamente iguais: o referendo dos británicos sobre a súa permanencia ou non na UE (os males da democrática), un tipo chamado Trump (a negación dun dos nosos), o partido Podemos (a parvada da denuncia da corrupción), ou Catalunya (o inimigo interior en substitución de Euskadi).

Agora ben, se populismo é negatividade, a palabra con enerxía positiva é unidade (tocaralle ser miss neste ano). Os principais paladíns que nos conducirán ao Edén (o xefe do Estado, o do Goberno ou o da Xunta) son incapaces de dicir unha soa frase que non inclúa a voz máxica: unidade!

Vocábulos potentes e cheos de contido que se deberían pronunciar sempre con maiúscula (Honestidade, Xustiza, Solidariedade) e que deberían imbuír a conduta e a linguaxe dos que falan en nome dos outros, carecen de valor e mesmo de significado, se non van supeditados a esa abstracción morfemática, chamada unidade. Ata a Conferencia Episcopal Española botou man desta voz española por antonomasia –a santa unidade- para instar aos socialistas a que volvesen ao bo camiño cando, hai uns meses, andaban máis escornados da conta. Esta española de pro –dona unidade- xa hai tempo que, coma a que gañou o concurso o ano pasado, deixou de significar o que significaba. Agora emprégase para referirse á igualdade entre os españois (cada vez máis desiguais), á soberanía do pobo (cada vez menos soberano: artigo 135 da Constitución), ou para pór firmes aos cataláns (que non queremos que se queden, mais tampouco imos permitir que se vaian). 

Ah!, o meu tío Lisardo comezou a recoller sinaturas para que a voz unidade pronto sexa canonizada, porque agora significa uniformidade e recentralización, e xa non quere dicir unión voluntaria, harmonía e coherencia. Hai que goderse con estes novos realacadémicos do nabo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.