As persoas afectadas pola estafa das preferentes pediron que se lle retirara a medalla da cidade de Vigo a Julio Fernández Gayoso por entender que non reúne os méritos persoais, éticos e cívicos que debe ter quen mereza esa distinción. Pois é certo. No BNG estabamos completamente de acordo e presentamos unha moción no pleno do concello de Vigo solicitando o inicio do expediente para a retirada da medalla da cidade ao señor Gayoso, que foi aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, moi preocupado por non aplicar “sentenzas sumarísimas”. Agora vai resultar que asumir as responsabilidades individuais é sufrir “sentenzas sumarísimas”.
A súa xestión, lonxe de ser un beneficio para a cidade, foi unha ruína para moitas persoas
Despois de ver o resultado da súa xestión á fronte de Caixanova-Novacaixagalicia é obvio que a súa xestión, lonxe de ser un beneficio para a cidade, foi unha ruína para moitas persoas. Coa entidade rescatada con cartos públicos indemnizouse e asegurouse unha xubilación millonaria, foi responsábel da estafa das preferentes, sacou beneficio da burbulla inmobiliaria que deixou sen casa tanta xente e agora mesmo xa está imputado pola fiscalía anticorrupción por administración desleal ou apropiación indebida.
Iso foi o único que o fixo “dimitir” aos seus 81 anos despois de modificar os estatutos de Caixanova para ir pospoñendo a idade de xubilación forzosa a medida que el ía celebrando aniversarios. Despois de 64 anos mandando na caixa, tivo a desvergonza de eludir toda responsabilidade e de ocultar información na súa comparecencia no Congreso dos Deputados. Pero a principal razón para presentar esta moción, máis aló de todo o que xa sabemos todo o mundo, foi por dignidade.
Lonxe están os tempos nos que os banqueiros se tiraban polas ventás, agora delinquen e se lles indulta, mentres David Reboredo segue n'A Lama
Estamos fart@s de tanto insulto á dignidade das persoas traballadoras e honradas. É insoportábel vivir nun país no que se lle dan medallas a persoas que se enriquecen arruinando a traballador@s e pensionistas, é insoportable oír a un señor dicir cheo de razón que lle debe tres millóns de euros á seguridade social “a moita honra”, é insoportable que se concedan amnistías fiscais para os millonarios defraudadores mentres as persoas que quedan no desemprego se suicidan por non poderen pagar as súas hipotecas.
Onde está a honra? Lonxe están os tempos nos que os banqueiros se tiraban polas ventás, agora delinquen e se lles indulta, mentres David Reboredo segue n'A Lama. Non aturamos máis que se recorten investimentos en educación para rescatar un banco que pechou unha escola no centro da nosa cidade, escola que puxo en marcha cos aforros dos traballadores e traballadoras viguesas. Non podemos seguir sendo tolerantes, condescendentes e comprensiv@s coa delincuencia de colo branco e implacábeis cos máis febles. Por dignidade.
Ao banqueiro, cando as persoas que botaran toda a súa vida traballando e aforrando buscaban asegurarse rematar os seus días con tranquilidade, a súa dignidade non lle quitaba o sono
A concesión da medalla da cidade é un acto simbólico, honorífico. Obviamente o prezo da medalla é o de menos. O señor Gayoso, mesmo despois de ver embargados os seus bens para pagar a fianza, seguro que podería mercar uns cantos miles de medallas como a que recibiu. Iso non lle ha de quitar o sono. É máis, pode devolvela ou quedar con ela, en realidade tanto ten. O que realmente se lle retira é o recoñecemento da cidadanía, non hai méritos, non hai traballo a prol da cidade, só traballo para o seu propio enriquecemento, a costa do que sexa.
Non sei se a un banqueiro, que todo o mide en euros, que todo o monetariza, que identifica valor con prezo, iso quítalle o sono. Igual como se trata da súa honra, do seu mérito, do seu recoñecemento, da súa dignidade, si. Pero, ao banqueiro, cando as persoas sen emprego non podían seguir pagando a hipoteca da casa na que vivían as súas crianzas e xa non lles podían asegurar un teito, a súa dignidade non lle quitaba o sono. Ao banqueiro, cando as persoas que botaran toda a súa vida traballando e aforrando buscaban asegurarse rematar os seus días con tranquilidade, a súa dignidade non lle quitaba o sono. Esa é a principal razón pola que hai que quitarlles as medallas, os recoñecementos. Por dignidade.