Por que esta Renda Básica non é sustentable

Nas últimas dúas décadas veu gañando forza entre nós o concepto dunha Renda Básica (plasmado en propostas con notables diferencias entre si) como medio para paliar as consecuencias do desemprego e da pobreza necesariamente asociados aos modelos capitalistas. Porén, esta proposta nin parte de —nin ten en conta habitualmente— a situación de inminente colapso de varios dos condicionantes básicos para a súa viabilidade: o crecemento económico (como fonte monetaria para esa renda), o sistema monetario (xa que a renda se concibe unicamente en forma pecuniaria) e mesmo o propio Estado (do Benestar). É dicir, conseguimos deixar de ollar ao emprego como a única maneira de satisfacer as nosas necesidades, pero inventamos un novo concepto socioeconómico que tamén acaba dependendo, en última instancia, dun marco civilizatorio que deixa de ser viable. Novamente, un camiño trabucado.

Vimos falando [no libro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, na Guía para o descenso enerxético e en diversos artigos] de que non se pode seguir medrando polo límite enerxético que nos impón o final da Era dos Combustibles Fósiles, de que o sistema financeiro está “kaputt” (Doldán), de que o propio Estado ben pode non sobrevivir ao colapso da civilización industrial ou cando menos que pode ficar moi reducido no seu alcance e complexidade unha vez vexa diminuír a enerxía que alimenta o seu descomunal metabolismo. Entón, ten sentido falarmos de propostas a prol da Renda Básica ou son máis ben perigosos cantos de serea que nos impiden ver o noso futuro en parámetros realistas e optar por opcións alternativas máis acaídas a esta nova era coma a que algúns batizamos provocativamente como a Leira Básica? Activistas conscientes da situación de colapso critican con dureza o irrealista concepto actual de RB, como Jorge Riechmann ou Henrique Pérez Lijó1:

A Renda Básica (em diante RB) é unicamente possível num cenário de crescimento económico constante, já que precisa que os estados que a implementem experimentem uma evolução positiva do seu PIB, para poder acumular um volume de capital disposto para repartir entre a cidadania.

Toda evolução positiva do PIB traduz-se por força, num aumento da demanda energética, pois todo processo de produção de valor precisa de energia para se levar a cabo. (…) A RB é, portanto, uma medida crescentista que aprofunda ainda mais no problema ecológico e energético das civilizações tecnoindustriais. Por definição, é uma medida insustentável, e nenhum partido que a faz própria está a pensar nas consequências que acarreta, senão no seu rédito eleitoral. Quantos anos vão ser capazes de manter uma RB no atual marco de escasseza dos recursos naturais?

Lijó critica tamén a medida por reafirmar o poder do Estado (que el concibe indisociable do capitalismo) sobre a poboación “ao fazer depender o nível económico das famílias da sorte que esse Estado obtiver no cenário da economia mundializada” e por ser unha medida “anti-ética” que se despreocupa da orixe desa riqueza que pretende repartir. Asemade, ataca os fundamentos culturais (relacionándoa coa cultura alienada e consumista actualmente hexemónica) e tamén políticos da medida pois, na súa opinión, “as desigualdades sociais não são fruto duma realidade económica adversa para a maior parte da sociedade, senão duma desigualdade política entre as elites governantes e as classes subalternas. (…) Logo o que está em jogo não é a diferença entre as massas monetárias das classes sociais, senão o exercício da soberania, isto é, a distinta influencia política das classes sociais.” Esta cuestión remítenos á cuestión da pseudodemocracia sobre a que hei volver ao longo do libro.

O activista Marcos Celeiro engade, co seu habitual ton cáustico, que a RB non é senón “mais papel-moeda do Monopoly, sem qualquer valor real, para contentar aos idiotas que acreditam na economica capitalista virtual”2, e pon así o dedo sobre a chaga do soporte físico da riqueza monetaria, que como xa se vén denunciando amplamente nestes últimos tempos, é desproporcionadamente menor cá riqueza nominal circulante3. A RB, como ben din estes e outros críticos, non redistribúe riqueza real senón un trasunto virtual da mesma, sometido á inflación ou deflación que os que controlan a moeda na que se fixer efectiva esa RB quixeren permitir ou á que empuxar o devalar enerxético. E desa reflexión xorde, o que para min constitúe a única posibilidade dalgo semellante á RB que fose viable, para o cal debería caracterizarse por:

a) Ser meramente un complemento doutra medida prioritaria: a repartición da terra ou a garantía do seu usufruto individual ou colectivo. É dicir, o concepto xa citado da leira básica, apoiado na constatación de que é a terra o medio de garantir a maioría das necesidades básicas humanas de carácter físico: alimento, auga, vivenda, enerxía, roupa... A única RB que tería sentido sería, neste caso, para compensar aquelas situacións nas que fose imposible ou moi custoso fornecer directamente ese acceso á terra a unha determinada parte da poboación. Esta especie de Renda Básica da Terra (RBT) sería entón un xeito de que as persoas que non puidesen satisfacer as súas necesidades básicas de maneira directa co acceso a unha suficiente parcela de terra (idealmente traballada de maneira comunitaria) puidesen ter asegurado un instrumento de troco co que as satisfaceren indirectamente nun mercado comunitario.

b) Estar denominada non nas actuais moedas oficiais, senón nunha nova moeda social, controlada democraticamente, sen xuros e polo tanto non dependente do crecemento permanente da economía, respaldada pola produción real anual procedente desas terras comunais. As características desa moeda deberían ser deseñadas de tal maneira que cumprise a función social de permitir a satisfacción de necesidades básicas a partir da terra comunal ou socializada.

c) O respaldo desa RBT, é dicir, a orixe da riqueza que axudaría a repartir, non sería outro cós produtos da propia terra socializada. A súa cuantificación (total redistribuído, importe que cada persoa recibir) partiría de parámetros de contabilidade emerxética ao estilo dos propostos por exemplo por Howard T. Odum4 ou outros científicos e economistas ecolóxicos que abordan a cuestión do respaldo físico/enerxético real do diñeiro.

Finalmente, mencionarei que unha alternativa que se adoitar contrapoñer á Renda Básica é o concepto do traballo universal garantido, unha idea clásica da esquerda que se está a recuperar no debate político5 e que mesmo podemos atopar en certa sintonía con propostas aestatais como o Simpler Way de Ted Trainer, que hei describir noutro apartado do libro6. Porén, coido que esta proposta tampouco se dá liberado do mito do traballo tal e como se entende nas sociedades capitalistas industrializadas, e que o que fan é substituíren o patrono capitalista polo patrono estatal, é dicir, emprego público elevado á súa máxima potencia. O problema desta fórmula reside en que, na medida en que é emprego público, estaría de novo supeditado á supervivencia dun Estado complexo e capaz de recadar impostos dabondo e mais de dispor de materiais e de enerxía dabondo.

Sen dúbida non é esta a megaempresa que precisamos que nos contrate nos tempos que veñen. E tampouco se o obxectivo é —algúns dos que propoñen esta idea non o disimulan— reactivar a economía, o consumo e a recadación de impostos para o automantemento dun modelo insostible.
Se falásemos de traballo comunitario (ou mellor: labores comunitarios7), organizados autonomamente pola poboación de cada lugar como un elemento de autosuficiencia, e sen vencello cun salario, ou en todo caso remunerados con moeda social e ocupándose a xente en satisfacer as necesidades da súa propia comunidade, entón xa estariamos en parámetros moito máis interesantes e acaídos á nova civilización que precisamos. É dicir, nun modelo como o Simpler Way de Trainer ou como as cooperativas de autoemprego que xa nos anos 80 propuxera un dos pais da permacultura, Bill Mollison8.

(Este texto forma parte do libro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, que o autor publicará en decembro, finalmente da man da Asociación Véspera de Nada, e actualmente en fase de financiamento popular)

 

NOTAS

1- Henrique Pérez Lijó: “Tudo contra a Renda Básica”, Praza Pública (01/06/14).

2- Nos comentarios ao pé do citado artigo do seu camarada Lijó.

3- Un exemplo: David Korten entrevistado en Amy Goodman & Juan González: “David Korten: 'Agenda for a New Economy: From Phantom Wealth to Real Wealth'”», Democracy Now (26/01/2009).

4- No seu libro A Prosperous Way Down: Principles and Policies, escrito con Elisabeth C. Odum (University Press of Colorado, 2001) e noutras obras súas.

5- Un exemplo témolo en Eduardo Garzón Espinosa: “Syriza estudia aplicar el Trabajo Garantizado en todas las regiones de Grecia”, El Diario (30/01/2015). Tamén é un dos 20 puntos que Riechmann propón para un “programa de transición poscapitalista” en Jorge Riechmann & Óscar Carpintero (2014): “¿Cómo pensar las transiciones poscapitalistas?” en Los inciertos pasos desde aquí hasta allá: alternativas socioecológicas y transiciones poscapitalistas, coordinado por Alberto Matarán, Jorge Riechmann y Óscar Carpintero, Univ. de Granada / CICODE.

6- E que verá a luz proximamente en castelán, na editorial Trotta, co título de La Vía de la Simplicidad: la transición a un mundo sostenible y justo.

7- Coido que é moi útil no cambio de linguaxe que necesitamos, diferenciarmos sempre que for posible entre traballo (asalariado, mercantilizado) e labor (traballo non remunerado que se fai para cubrir as propias necesidades ou da familia, comunidade ou ecosistema, e que incluiría, ademais do labor comunitario, o doméstico, o reprodutivo, o de coidados, e o agrícola para autoabastecemento).

8- En Permaculture: a Designer's Manual (Tagari, 1988), no capítulo máis directamente político da obra (p. 506 e ss.)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.