Supoñamos que o conxunto da humanidade quixera facer algo realmente importante para deter as emisións de gases de efecto invernadoiro, digamos que quixera reducilas nun 30%. Parece un bo obxectivo. É máis, digamos que quixera facelo non nun prazo deses absurdos ("para 2050"), senón para hoxe mesmo. Sería estupendo, non? Pois é moi sinxelo. Simplemente debemos suprimir do noso sistema de vida a aviación comercial. Xa está. Feito, un 30% menos. Asombroso.
Ou supoñamos que España decide que quere recortar as emisións de CO2 que produce toda a súa frota de vehículos. Descubriríamos que é realmente doado. Simplemente o que debemos facer é deixar de mercar, algo, e facer así que un gran buque mercante de contentores quede quietiño en porto e non chegue desde China cargado de cousas que non necesitamos. Un buque destas características emite o equivalente a 50 millóns de vehículos en funcionamento. Parece mellor idea que culpabilizar aos cidadáns.
Pero non imos facer absolutamente nada de isto. E evidente. Colapsaría a economía de xeito fulminante. E isto é exactamente do que non se fala ou o que non se entende. En calquera xornal podemos atopar unha nova sobre o malvado que é Trump sacando os Estados Unidos do acordo de París, podemos pasar a folla e ver como se celebra que determinada empresa de enxeñería aeronáutica poña en funcionamento un avión comercial aínda máis grande. Ou podemos ver como calquera concello subvenciona coñecidas compañías de aviación para ter algo máis de turismo sen que a ninguén se lle acorde que estas cuestións están en relación directa co cambio climático.
Se algo lle teño que reprochar a Trump, neste aspecto concreto, é que lle da a oportunidade ao resto do neoliberalismo mundial de distinguirse, de separarse de tal concepción maligna do planeta. Ven moi ben un Trump, un tipo zafio co peito enchido de ignorancia ambiental e climática, un analfabeto científico, basicamente, cociñado a lume lento na súa ideoloxía extremista. En comparación con el, todos os demais parecen ecoloxistas radicais, desde Clinton e Obama a, incluso, Mariano Rajoy e o seu curmán!
En realidade, Trump ven de tomar unha importante decisión en contra do cambio climático: parar o TTIP. Este tratado transoceánico, como calquera outro destas características, supón incrementar o a emisións de gases de efecto invernadoiro, non só simplemente polo incremento do transporte de mercadorías senón polo pulo que supón a todo tipo de políticas altamente dependentes de enerxías fósiles (carbón e petróleo), coa agricultura e a gandería intensivas á cabeza. Mentres, aquí presumimos de continuar dentro do acordo de París a primeira hora e logo do café votamos que si ao CETA, o tratado equivalente ao TTIP pero con Canadá, un país civilizado gobernado por un tipo aseado e con boa prensa pero que está á cabeza dos países cun ratio de emisión de CO2 per cápita máis elevado despois dos países do Golfo Pérsico, campión no emprego de petróleos con convencionais e que xa no seu día abandonou o fallido protocolo de Kioto.
Sexamos un pouquiño serios e poñamos números. Alguén cree que se gañara Clinton e deixara aos USA dentro do acordo de París ía ser mellor a cousa?
Se tomamos os niveis de emisión de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro de hoxe e nos preguntamos "cando emitíamos a metade de CO2 que neste momento?", a resposta é 1990. É dicir, en 27 anos multiplicamos por 2 as emisións respecto ao resto da historia da humanidade. 1990 era o ano de referencia das emisións tomadas para asinar o protocolo de Kioto, en 1997, e que non entrou en vigor ata 2005. Este protocolo pretendía reducir o 5% das emisións entre 2008 e 2012. Un novo aterrador gran éxito da historia da humanidade.
Pero o capitalismo salvaxe atopa en Trump un inesperado aliado que lle permite sinalar co dedo a un malo de película, no canto de recoñecer que non é posible diminuír seriamente as emisións no marco do propio capitalismo. Unha ficción bonita pero inviable. Con cifras na man o único que se pode facer é decrecer e facelo moi rápido, ademais, o que supón mudar por completo o sistema económico mundial. A propia Axencia Internacional da Enerxía opina que as emisión se incrementarán un 130% de aquí ao 2050.
A alternativa ao decrecemento e ao poñer fin ao capitalismo é o colapso, o decrecemento vertixinoso. Digamos que colapso é a verba amable que se atopou para poñer fin ao Antropoceno.
Para preparar o post-capitalismo, o colapso ou como queiramos chamalo, hai aínda así un montón de cousas que si podemos facer.